A presenza de placas de xeo na calzada e nas beirarrúas de varias rúas de Vigo provocou numerosos incidentes á primeira hora da mañá, entre os que destacan tres saídas de vía de vehículos.
Segundo informou a Policía Local, á primeira hora da mañá dúas mulleres resultaron feridas leves en senllos accidentes, que tiveron lugar na Avenida de Clara Campoamor. En ambos os casos, as condutoras perderon o control das súas motos, e caeron á calzada, debido ás placas de xeo.
Así mesmo, rexistrouse outro accidente no que o condutor resultou ileso. Este sinistro tivo lugar tamén na Avenida Clara Campoamor, cando o condutor dun coche saíuse da vía por estar a calzada xeada. O turismo saltou a mediana e pasou á beira contrario da vía.
Por outra banda, a Policía Local de Vigo recibiu este mércores numerosos avisos pola presenza de placas de xeo en viarios de parroquias rurais, así como no propio centro urbano, como en Avenida de Hispanidade, en Avenida de Galicia, ou nas rúas Estrada e Palencia.
A situación do firme e das propias beirarrúas causou algúns problemas, como caídas de peóns nesas zonas, especialmente nunhas escaleiras en Avenida de Hispanidade, nas que hai moito tránsito de persoas porque están nas proximidades dun colexio.
Un mozo de 16 anos domiciliado en Vigo, E.H.L., foi detido por tentar golpear a un policía que o interceptou tras verse involucrado nunha agresión a un home en Vigo.
Fontes policiais detallaron que, este martes sobre as 00,10 horas, os axentes tiveron coñecemento dunha agresión a un home cometida no Calvario na que se viron implicados catro novos cuxas descricións se lles achegaron.
Unha vez no lugar, comprobaron que a vítima, que manifestou a súa intención de denunciar os feitos, fora atendida polos técnicos sanitarios dunha ambulancia.
Mentres, os policías realizaron unha busca mediante a que localizaron a un grupo que encaixaba na descrición facilitada a uns 200 metros do lugar no que tivera lugar a agresión. Estas persoas fuxiron á carreira para evitar ser interceptadas ao advertir a presenza policial.
Posteriormente, un dos mozos foi perseguido á carreira desde a rúa Cruz Branca ata ser interceptado na rúa Xílgaro. Este home tentou distraer aos axentes quitándose unha sudadera branca e tirandoa a un deles cando lle deron alcance. Ademais, tentou propinar unha puñada a este axente, que o puido esquivar.
Como consecuencia, o mozo foi reducido e detido por un delito de atentado, ao que se suma a presunta agresión cometida, tras o que pasou a disposición xudicial.
Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, vén de enviar unha queixa ao Defensor del Pueblo pola “limitación do dereito fundamental de manifestación e liberdade sindical” durante o estado de alarma decretado pola pandemia da Covid-19. Refírese concretamente á manifestación convocada pola Central Unitaria de Traballadores-CUT para este primeiro de maio (Día dos Traballadores) en Vigo, que foi desautorizada pola subdelegación do Goberno en Pontevedra; e ás concetracións levadas a cabo pola CIG o pasado 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta, que foron obxecto de denuncia.
CONVOCATORIAS
Na súa comunicación, a CUT indicaba que na manifestación “o dereito á saúde sería respectado de forma escrupulosa” por canto decorrería en vehículos privados e as persoas, protexidas con máscaras e luvas, non abandonarían os vehículos en ningún momento. No entanto, Esculca critica que a subdelegación do Goberno en Pontevedra, respondeu que o RD 463/2020 non contempla entre as actividades excepcionadas para circular na vía pública o deslocamento de persoas para exerceren o dereito de manifestación e prohibiu a súa celebración.
Tamén a CIG convocou varias concentracións o día 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta e, “apesar de que en todas estas concentracións foi respectada a distancia de seguranza entre as persoas que participaban, protexidas todas elas con máscaras”, indican desde Esculca, “houbo casos en que a policía as identificou e abriu expedientes de sancións”.
O ESTADO DE ALARMA NON PROHIBE AS MANIFESTACIÓNS
Fronte a estes acontecementos, para Esculca é “un feito incontestable” que nin o Real Decreto polo que se rexe o estado de alarma nin as súas prórrogas prohiben ou limitan os dereitos fundamentais de reunión, na súa modalidade de manifestación nin de liberdade sindical. “Non o fai no seu texto nin podería facelo por aplicación dos arts.11 e 13 da LO 4/1981 de 1º de xuño, onde a suspensión dos dereitos fundamentais só poderá ser acordada mediante a declaración do estado de excepción“.
Por outro lado, no exercicio do dereito fundamental a doutrina entende que o núcleo esencial do mesmo non debe resultar atacado, a non ser que sexa obxecto de suspensión. Por iso, o Real decreto “non pode atacar, mesmo coa finalidade de defender a saúde pública, o núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación”, argumenta Esculca. “Poderá, iso si, impor a súa realización en condicións que non afecten o dereito á Saúde Pública (como certamente xa contemplan as organizacións convocantes) mais non afectar ao núcleo do dereito cunha prohibición de facto”, engade.
O Observatorio remítese a outros casos como o Tribunal Constitucional Federal Alemán, que defende o dereito de manifestación tamén en tempos de pandemia e obrigou a revisar a prohibición dun protesto de activistas pro-democracia que solicitaran celebrar unha manifestación sob o lema “Fortalecer a saúde, non debilitar os dereitos fundamentais. Protección contra o virus, non contra as persoas”, en que participarían, segundo anunciaron, unhas trinta persoas. A manifestación, relatan dende Esculca, “fora organizada coidando de manter a distancia de seguranza esixida pola ordenanza con marcas no chan que indicarían a posición das persoas participantes”.
DEMANDA “ACTUACIÓN DE URXENCIA”
Esculca considera que os Tribunais se deben manifestar sobre cada unha destas recusas do Dereito de reunión, mais demanda do Defensor del Pueblo que, previa tramitación de expediente urxente, proceda a ditar recomendación -tamén urxente- ás administracións competentes para garantir a salvagarda do núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación, así como do dereito de liberdade sindical e que estes dereitos poidan ser exercidos sen poñer en risco a saúde pública.
“Se as instrucións que demanda non foren ditadas con carácter urxente e estas se produciren pasadas as datas da convocatoria e/ou unha vez levantado o estado de alarma”, subliña Esculca, “a actuación tuitiva do dereito perdería a súa efectividade”.
Os candidatos populares ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra Diego Gago e Javier Guerra destacaron este xoves a necesidade de que se invista un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) español en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) para que as empresas sexan “máis eficientes e competitivas”.
Así o sinalaron Gago e Guerra nunha visita á Universidade de Vigo, onde subliñaron a importancia da educación superior para que os mozos “se poidan desenvolver vitalmente e profesionalmente”. Neste sentido, defenderon a educación pública “de calidade”, sobre a cal dixeron que é “fundamental” orientala cara ás demandas laborais do futuro.
“É importante tamén aprobar unha lei de mecenado que axude a aquelas empresas ou particulares que queiran facer unha doazón dos seus beneficios á reinversión e á inclusión de novos procesos tecnolóxicos nas nosas empresas poidan ser favorecidos desde a Administración xeral”, apostilou Diego Gago.
Pola súa banda, indicaron o valor da innovación e o emprendemento como “unha esperanza” para os alumnos actuais das universidades españolas “en momentos coma estes que se ve preto unha crise económica”.
Os sindicatos e os traballadores cualifican de “éxito” os paros de dúas horas convocados nas tres quendas (mañá, tarde e noite) en PSA Citroën este xoves, e que continuarán o próximo mércores, agás cambios na postura da dirección.
Os paros detiveron a planta “por completo”, segundo os sindicatos, que anunciaron a convocatoria dunha nova folga para o próximo día 22 na que se interromperán as xornadas durante catro horas.
En concreto, os sindicatos convocaron os paros de 12,00 a 14,00 horas para a quenda de mañá, de 14,00 a 16,00 horas no grupo de tarde e de 22,00 a 00,00 horas na xornada nocturna.
O seguimento para o primeiro dos paros deste xoves foi fixado polos sindicatos entre un 80 e un 90 por cento e nun 15 por cento pola empresa.
O delegado de Comisións Obreiras no comité de empresa, Santiago García, asegurou que, durante os mesmos, “a planta parouse por completo”, así como que, se se produce unha mobilización similar nas demais quendas, poderían deixar de producirse uns 600 automóbiles en toda a xornada. Ademais, PSA recoñeceu que houbo “perturbacións importantes na actividade (da fábrica)”.
Convocados por UGT, CC.OO. e CIG, e co apoio a última hora da CUT, os paros responden á “negativa” da empresa de dar resposta ás súas demandas, que xa esixiran durante un peche na fábrica que levaron a cabo os delegados destes sindicatos a semana pasada.
Os paros están xustificados, segundo os representantes dos traballadores, pola “sobrecarga de traballo” na liña de montaxe M2 e a “lamentable situación de saúde laboral” dos empregados.
“Hai máis carga de traballo, menos persoal e salarios máis baixos”, denunciaban ás portas da factoría, en declaracións a Xornal de Vigo, este xoves, varios empregados que secundaron o paro da quenda da mañá.
Tamén critican a política de empresa que establece “quendas de trece horas” para traballadores eventuais contratados para as fins de semana, e aos que, din, “tamén chaman a traballar entre semana coa ameaza de que se non acoden non os renovan”.
Pola súa banda, a empresa lembrou que está convocada unha reunión da mesa de diálogo para o próximo día 24 de maio e acusou aos sindicatos de manter unha postura de confrontación “inxustificada”. Así, lamentou que se aposte por “alimentar o conflito” en lugar de “buscar acordos a través dun diálogo construtivo” co “dano” que iso leva para “a imaxe da fábrica”.
Concentración de traballadores de PSA Citroën Vigo en protesta contra a política laboral / Miguel Núñez.
“IMPORTANTE SEGUIMENTO”, MALIA O “BOICOT”
Os traballadores falan dun “importante seguimento” dos paros, malia que algúns denuncian a mobilización de “esquiroles” para suplir na cadea de montaxe aos que secundan a folga parcial. E algúns sinalan directamente ao sindicato amarelo SIT (Sindicato Independiente de Trabajadores).
Con todo, este intento de “boicot” –como o cualifican fontes consultadas por este xornal– non conseguiu frear un paro considerado “histórico” por algúns dos traballadores que o secundaron.
“Hai moito tempo que non viamos unha mobilización e unha unión así dos traballadores”, din varios veteranos da cadea de montaxe, que denuncian que “hai xente que entra para cubrir eses postos que deixamos”.
O xulgado do Penal 3 de Vigo ditou sentenza na que condena a catro mozos a 6 meses de prisión cada un, como autores dun delito de desordes públicas, polos altercados que se produciron nunha manifestación estudantil celebrada na cidade olívica en febreiro de 2014.
Durante esa protesta, a Policía identificou a varios mozos, aos que atribuíu diferentes actos vandálicos, como envorcar colectores, ou lanzar pedras contra sucursais bancarias e contra o edificio da delegación territorial da Xunta.
Tras varias suspensións do xuízo, finalmente celebrouse unha vista na que sentaron como acusados 8 mozos, por desordes públicas e atentado contra axentes da autoridade, aínda que a Fiscalía retirou a acusación con respecto a tres deles.
Na sentenza, a xuíza considera probado que, durante esa manifestación, se produciron altercados, nos que participaron catro dos acusados. No entanto, considera que non se probou de forma indubitada a participación dos outros catro procesados.
Por outra banda, tivo en conta a atenuante simple de dilacións indebidas polo que resolveu condenar a catro dos mozos a 6 meses de prisión cada un (a Fiscalía pedía 2 anos de cárcere) por desordes públicas, mentres que os absolve do delito de atentado contra axentes da autoridade (que reclamaba a acusación particular, ejercidada por dous policías).
Este venres día 8 de maio de 2019 máis dun milleiro de persoas congregáronse na Praza do Reló da Guarda para conmemorar o Día Internacional da Muller 2019 cunha Concentración reivindicativa en prol da igualdade real entre mulleres e homes, coincidindo co propio Día Internacional das Mulleres.
Asociacións, centros educativos, comerciantes, veciñas e veciños da Guarda, así coma membros do Goberno Local, leron manifestos e pronunciaron alegatos a favor do empoderamento feminino.
As conmemoracións do Día Internacional da Muller 2019 rematan na Guarda o vindeiro xoves día 14 de marzo ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda coa Proxección do documental «A Liga do Condado e o Baixo Miño, a recuperación do fútbol feminino galego. A paixón dunhas mulleres convertida en realidade.»
Que os soños non teñen barreiras é un feito constatable. O que aconteceu nos anos noventa no sur de Galiza, por máis de ser un feito singular e exemplar, mostra como a procura dun soño pode volverse real.
A finais dos anos oitenta, cando o fútbol feminino galego estaba na elite, desapareceu absurdamente nun momento seminal para o seu desenvolvemento no estado, xusto cando se constituía a primeira edición da Liga.
Naquel baleiro aparecido subitamente, que provocou a fuxida das nosas futbolistas cara ao fútbol sala, e tras pasar uns anos, unhas mulleres do Condado e do Baixo Miño, ás que se lles foron xuntando outras de distintos lugares da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, encheron aquel espazo creando un torneo único, aberto a todas as que seguiron defendendo con razón e paixón que o fútbol feminino non podía morrer así.
O documental, mediante un recorrido polos espazos máis importantes arredor dos que se desenvolveu aquela idea e polo relato dos seus protagonistas, xogadoras, técnicos e dirixentes, narra o que foi aquel feito, do que non se coñece outro semellante no contexto do fútbol feminino español, e cunha organización extraordinaria, que durou oito anos, convertido durante algúns deles nunha competición regular e amigable de carácter internacional.
O obxectivo, ademais de revelar un fito histórico no deporte galego, pretende colocar no lugar que merecen a todas aquelas mulleres e homes que loitaron para que o noso fútbol feminino renacera sen imaxinar, naquela altura, que estaban facendo historia.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, vinculou a marcha de Ryanair do aeroporto de Peinador co feito de que o goberno olívico non acepta “pulsos” desta aerolínea, e preguntouse se o Concello de Santiago de Compostela “está a ceder” ante os intereses da compañía.
Así o manifestou en rolda de prensa o rexedor olívico, quen lembrou que o goberno vigués “non vai asinar algo que non dá sequera garantías de que vaian a voar desde Vigo”, e proclamou que non dará o seu “brazo a torcer” nin vai malgastar” os recursos da cidade.
Doutra banda, preguntouse, ao trasladarse esas conexións a Lavacolla, se iso “significa que alí (en Santiago) dixéronlles que si”. “Significa que en Santiago están a ceder ao que piden? Seguramente porque o diñeiro público pono a Xunta en pagos encubertos”, denunciou.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que solicitou “ao intendente” da Policía Local un “informe” acerca dunha protesta protagonizada por un grupo de axentes en dependencias da Alcaldía, pedindo a equiparación salarial cos funcionarios do servizo de bombeiros.
Cuestionado polos medios acerca desa protesta (os axentes concentráronse este martes ante a Alcaldía con chifres), o rexedor olívico avanzou que pedira ese informe: “Ao intendente, non ao xefe da Policía Local, porque o xefe son eu”. Con respecto ás demandas dos policías locais, Abel Caballero limitouse a pedir “tempo ao tempo” e non entrou a valorar as reivindicacións.
As protestas dos axentes están motivadas, segundo denunciaron, polo incumprimento dun acordo plenario de hai 10 meses, no que se establecía a equiparación salarial entre policías locais e bombeiros. Segundo trasladaron, o goberno municipal alude a problemas orzamentarios para non executar devandito acordo.