Inicio Blog Páxina 1652

Fernando Marín, presidente de DMD Madrid: “A Xunta non está difundindo o dereito a morrer dignamente”

Fernando Marín é o presidente da asociación Derecho a Morir Dignamente en Madrid. Recentemente participou nunha conferencia na nosa cidade, e aproveitamos para falar con el sobre este tema tan poucas veces abordado polos medios.

P- Hai diferencias entre a concepción da morte en Galicia e Madrid?

R- Non creo, o que si é certo é que nas zonas urbanas é máis sinxelo falar da morte. No rural a morte queda como un tabú, é dicir, algo do que é mellor non falar, cando chega chegou e xa está.

P- Moitas veces se di que non se debe falar de temas como o suicidio nos medios porque provocaría un aumento dos mesmos por imitación. Que opina ao respecto?

R– En primeiro lugar, os mozos non len a prensa, e evitar falar do suicidio por imitación non ten sentido de tódolos xeitos. Débese ter coidado, se cadra non dar algúns detalles, como o método, pero si que convén profundizar nas causas, falar abertamente e en profundidade.

De tódolos xeitos, a pesar de que poidan compartir desenlace, non teñen moito ver o suicidio que chega por problemas puntuais moi fortes, é dicir, unha crise existencial; por transtorno mental ou trala decisión meditada dunha persoa madura e perfectamente consciente. En calquera caso, pensar que un artigo publicado nunha revista causa un suicidio é darlle moi pouca importancia e valor á liberdade dunha persoa.

P- Hai unha gran diferencia entre xéneros nas estatísticas do suicidio.

R- En España suicídanse tres homes por cada muller, e esta mesma proporción dase en calquera país. As mulleres inténtano tres veces máis, pero fallan máis porque os seus métodos son menos letais. Si que nos países nórdicos estas variables se asemellan un pouco máis.

Fernando Marín, nunha xornada de DMD en Vigo/ Miguel Núñez

P- O número de suicidios é moito maior nas sociedades desenvolvidas. Por que?

R- A esperanza de vida aumenta, e con ela o grupo social máis proclive ao suicidio: os homes maiores que viven sós.

P- E non se fala destes asuntos, a pesar do dramático das cifras.

R- España comparte as cifras de suicidio dos países mediterráneos, pero seguro que hai mil máis dos que se declaran nun principio. Por exemplo, poñamos o caso de cando alguén morre nun accidente de tráfico e se demostra máis tarde que antes esa mesma persoa se intoxicara. Así que aos 3.679 suicidios anuais que ocorren en España segundo o INE ben poderíamos engadir 1.000 máis, os dos institutos de medicina legal, que non constan no certificado de defunción, co que o INE fai a estatística. Habería que facer unha ‘autopsia social’, pero a morte voluntaria segue a ser un tabú.

Xornada de DMD en Vigo/ Miguel Núñez

P-Como resumiría o papel de DMD, a súa asociación?

R- Nós intentamos promover unha cultura da morte digna e os dereitos que leva aparellada, que cada un morra como o desexa. A partir da nosa base social de socios, tentamos traer á reflexión a importancia de como morimos. Soamente en Bélxica e Holanda se regulou a eutanasia. Hai persoas en España que non poden moverse e queren contar coa opción de morir, pero agardan para poder facelo legalmente.

Xornada de DMD en Vigo/ Miguel Núñez

P- Ve evolucións na concepción da morte en Galicia nos últimos anos?

R- Os galegos e galegas son cada día máis libres, e queren tomar as súas propias decisións, aínda que a Xunta non está promovendo nin axudando á difusión do dereito a morrer dignamente.

Fernando Marín, nunha xornada de DMD en Vigo/ Miguel Núñez

P- Normalmente, que razóns leva aos socios de DMD a achegarse á asociación e participar con ela?

R- Pode ser unha experiencia de morte cercana, que ocorreu de mala maneira, e non queren que lles pase nun futuro algo similar a eles ou os seus. Tamén hai xente que entra por un compoñente ideolóxico, ao coñecer casos como o de Ramón Sampedro. Ou persoas ás que chegou unha mala noticia e queren coñecer como afrontala.

Xornada de DMD en Vigo/ Miguel Núñez

Piden a Carlos Mouriño, presidente do Celta, a creación dun equipo femenino

O secretario xeral do partido galeguista Comprimiso por Galicia, nunha reunión mantida na sede do Real Club Celta con Carlos Mouriño, presidente celtista, trasladou a necesidade da creación dunha equipa feminina, igual que teñen a maioría dos clubes de fútbol da Liga.

Piñeiro Docampo instou ao presidente do Celta a que tome como súa esta iniciativa “e promova a visibilidade do deporte e das deportistas femininas”.

Diego Costa Celta de Vigo
Diego Costa, no Celta de Vigo /Miguel Nuñez

“Apostamos pola visualización das mulleres no deporte e somos conscientes da forza que o fútbol, como deporte maioritario, ten na sociedade. Neste sentido apelamos á creación da equipa feminina do Real Club Celta, procurando asi a normalidade e a igualdade na sociedade”, subliñan.

“Vivimos nunha sociedade onde as mulleres precisan dun espazo e dunha visualización que hoxe non teñen”, engadiu Docampo. Apela tamén a visibilidade doutras disciplinas e tamén a que o presidente do Celta teña o compromiso de potenciar seccións históricas do Celta, como poden ser as de atletismo ou a de baloncesto feminino, que hoxe en día xa nin sequera pertencen ao club.

Para os galeguistas o Celta é unha marca que representa a Galicia mais aló do fútbol, por iso precisa estender a sua imaxe noutros deportes. Neste sentido, remarcan que o celta é algo que transcende en moitos eidos o exclusivamente deportivo, representando o nome de Vigo e de Galicia por todo o mundo.

Paramos, declarada zona de emerxencia tres meses despois da grande explosión

0

O Consello de Ministros acordou declarar a Paramos, en Tui (Pontevedra), como zona de emerxencia máis de tres meses despois da explosión dunha pirotecnia que deixou decenas de casas esnaquizadas en maio.

Isto permitirá que os afectados poida acceder a axudas económicas “esenciais” como exencións fiscais ou a posibilidade de eximir do imposto da renda ás persoas afectadas. Así o anunciou, durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a ministra portavoz do Goberno, Isabel Celaá. Esta era a gran reclamación que, desde meses, levaban facendo os afectados e tamén o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín.

O barrio de Paramos sufriu a finais de maio unha explosión de material pirotécnico nun almacén clandestino que ocasionou a morte a dúas persoas e deixou feridas polo menos a unha trintena e ao redor dunha vintena de vivendas saltou polo aire e varias decenas máis sufriron desfeitas. A explosión notouse a unha distancia de 70 quilómetros.

A caída dunha árbore desfai unha furgoneta na rúa Arquitecto Palacios

A Policía local trasladouse este luns á rúa Arquitecto Palacios en dirección Castrelos, onde unha árbore de dimensións importantes situada ao bordo da calzada caera sobre unha furgoneta Nissan, causándolle importantes danos.

Ata alí desprazouse unha dotación de Bombeiros, xa que a árbore inutilizara dous carrís dun sentido, e outro da dirección contraria. A furgoneta sufriu importantes danos materiais, e a condutora do mesmo tivo que ser asistida por un ataque de ansiedade. Descoñécense as causas concretas que motivaron a caída da árbore.

Do mesmo xeito, ás 21:53 horas do día 7 de Agosto unha patrulla da Policía Local desprazouse a onde unha árbore caera sobre unha casa. A causa probable, o tránsito continuado de camións que fornecen de material a unha obra próxima, e que adoitan remontar de forma constante a beirarrúa.

Unha persoa falecida tras caer unha árbore nun concerto en Mondariz Balneario

0

Polo menos unha persoa faleceu e varias máis resultaron feridas de diversa consideración tras esborrallarse unha árbore sobre o público que asistía a un concerto do Bruxo Queimán e Andrea Pousa na localidade pontevedresa de Mondariz-Balneario.

Así o confirmou a Europa Press o rexedor deste municipio, José Antonio Lorenzo, quen explicou que o concerto, nunha zona axardinada próxima ao hotel balneario, estaba a chegar ao seu fin, pasadas as 21,00 horas, cando, por razóns que se descoñecen, unha árbore de gran porte caeu sobre parte do público que presenciaba o espectáculo.

Polo menos unha persoa faleceu e, segundo o alcalde, trataríase dunha muller; mentres que resultaron feridos outros asistentes, entre eles o marido da falecida.

José Antonio Lorenzo explicou que, cando se montou o equipo de luces e sons para o evento, “ninguén viu nada anormal” con respecto a esa árbore, que fixese presaxiar que estaba en mal estado, gretado ou con perigo de vir abaixo.

Caballero acusa á Xunta de non dar “nin un céntimo” aos concellos durante a pandemia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este xoves a Feijóo de “mentir” sobre os fondos que a Xunta destina aos concellos e retouno a debater sobre as transferencias para paliar os efectos da pandemia, á vez que incidiu en que non pagou “nin un céntimo” a ningún dos 313 municipios da comunidade.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico referiuse a a interpelación que Gonzalo Caballero realizou nas últimas horas ao presidente galego durante a sesión de control no Parlamento, na que o líder dos socialistas acusou a Feijóo de “asfixiar” aos municipios. O presidente, pola súa banda, replicou denunciando que é o Goberno central o que “ningunea” aos concellos.

Abel Caballero denunciou que as palabras de Feijóo foron “unha nova mentira clamorosa” e criticou o sistema de financiamento da Xunta aos concellos. No caso de Vigo, explicou, o goberno galego “enviou do fondo de participación autonómica 6,2 millóns de euros”, mentres que o Concello olívico paga á Xunta en diversos conceptos (canon por saneamento e abastecemento, centros de días e escolas infantís, canon polo encoro de Eiras…) 6,6 millóns de euros.

A eses conceptos, engadiu o alcalde, hai que sumar o custo do centro CEDRO, que atende a persoas drogodependentes nun labor que “é competencia da Xunta”. Tendo iso en conta, o saldo “negativo” para o Concello de Vigo é de máis dun millón de euros.

Fronte a estas cifras, Abel Caballero recalcou que o Goberno de España transfire a Vigo, pola xestión de tributos, o fondo complementario e axudas de transporte, entre outras cousas, case 94 millóns de euros. “Os datos son irrebatibles. Falar é fácil, señor Feijóo, e vostede mente tanto”, proclamou o alcalde da cidade olívica.

Con respecto ás axudas para paliar os efectos da crise sanitaria, o rexedor socialista retou ao presidente da Xunta a “debater” sobre a súa repartición. Segundo asegurou, a Xunta recibiu máis de 1.400 millóns de euros do Goberno central e da UE, dos que Vigo (e o resto de concellos) recibiron “cero euros“, porque a administración autonómica non os repartiu entre as entidades locais.

Menos casos e menos pacientes covid na área de Vigo

Os novos contaxios de Covid-19 superan por primeira vez esta semana o centenar, tras rexistrarse 106, mentres que os casos activos seguen en descenso por duodécimo día seguido e sitúanse en 2.156. Mentres, os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 107, catro menos.

Segundo os datos actualizados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, recollidos por Europa Press, descenden a 20 as persoas ingresadas en UCI en Galicia, unha menos e a 87 as que permanecen noutras unidades, tres menos.

Por áreas sanitarias, na área de Vigo descenden a cinco os pacientes en UCI –un menos– e a 13 os doutras unidades –dous menos–.

MENOS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid-19 no conxunto de Galicia manteñen a tendencia descendente por duodécima xornada consecutiva e sitúanse en 2.156, 50 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (154) que novos contaxios (106), ao que se engaden dous falecidos. En Vigo son 27 casos menos. Con todo, continúa á cabeza en Galicia con 635 casos activos.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 en Galicia rompen a tendencia dos últimos días de situarse por baixo do centenar e alcanzan a cifra de 106, tras unha xornada do mércores con 82 e iniciar a semana con 76. Na área de Vigo houbo 14 novos casos por PCR.

Simulacro da Armada este mércores e xoves en Tui e Tomiño

0

A Armada, a través da Forza de Acción Marítima, realizará este mércores e xoves, 19 e 20 de maio, un simulacro de emerxencias no Miño entre Tui-Valença e Tomiño-Vila Nova.

En total, o exercicio, denominado Marsec-21, conta con 13 escenarios diferentes que se desenvolverán en varios puntos da costa española entre os días 17 e 28 de maio.

Así, contará coa participación de múltiples organismos estatais, autonómicos e locais, así como da Marinha Portuguesa.

Participarán unidades dos Exércitos e a Armada, organismos de seis ministerios, oito delegacións do goberno e multitude de institucións, organismos e administracións locais e autonómicas involucradas na seguridade marítima, así como varias empresas privadas.

OBXECTIVO

O Marsec-21 está programado polo almirante xeneral xefe de Estado Maior da Armada, conducido polo almirante da Frota e executado polo almirante de Acción Marítima a través do seu Estado Maior e do Centro de Operacións e Vixilancia de Acción Marítima en Cartagena.

O obxectivo xeral do exercicio é comprobar a capacidade de coordinación e colaboración da Forza de Acción Marítima (FAM) con outros organismos para afrontar Operacións de Seguridade Marítima (MSO), mellorar a coordinación con outras unidades da Armada e organismos gobernamentais e non gobernamentais.

Abarcan actividades relacionadas co tráfico de sustancias estupefacientes, operacións de mergullo, guía do tráfico marítimo e auxilio e rescate no mar ata o control sanitario de persoal a bordo de buques.

No mesmo sentido, abórdase a colaboración na loita contra a contaminación, o apoio ao mantemento da biodiversidade, así como a presenza constante e permanente de buques da Armada nas augas territoriais durante o desenvolvemento normal da súa actividade, pon de manifesto o respecto e o compromiso existentes.

A Comandancia Naval do Miño, foi creada en 1989, e ten as súas orixes no Tratado Internacional de Límites de 1864 e no Tratado de Comercio e Navegación de 1893 asinados entre España e Portugal.

O BNG denuncia un consenso PP-PSOE para pechar unha investigación sobre o saneamento da Ría de Vigo

O BNG denunciou que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pechou a investigación sobre o saneamento na Ría de Vigo debido a “un consenso entre o Partido Popular e o Partido Socialista“.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou o que cualificou como unha “camarilla” por parte do PP e o PSOE para “eludir os problemas e metelos debaixo da alfombra”. “A día de hoxe non está rematado o saneamento, por moito que exista unha depuradora”, insistiu Miranda, a colación do que argumentou que “defender a Ría é defender os postos de traballo da pesca e o marisqueo, a investigación, a ciencia e loitar contra o cambio climático”.

A portavoz do BNG apuntou que o PSOE inicialmente apoiou a denuncia, con todo, “agora como está no Goberno central decidiu pechar” a investigación. Neste sentido, avanzou que o Bloque recorrerá esta decisión.

Pola súa banda, o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira, lembrou que a organización que preside presentou a denuncia sobre o saneamento da Ría ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2009, ante o que lamentou que o PP e o PSOE se puxeran “de acordo para botar abaixo estas investigacións no canto de buscar unha solución”.

Segundo dixo, as verteduras “séguense facendo”, o que non é un problema “só de Vigo, senón de toda a Ría”. Así, manifestou que actualmente en Vigo hai oito puntos de verteduras, “ademais do permanente e directo da EDAR de Teis”, aos que se suman outros 17 desde outros puntos da Ría.

Así mesmo, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, mantivo que as “agresións” sobre a Ría “non cesan”, senón que continúan “en forma de ameazas de recheos e tamén en forma de reiterados verteduras de auga sen depurar”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed