O secretario xeral do partido galeguista Comprimiso por Galicia, nunha reunión mantida na sede do Real Club Celta con Carlos Mouriño, presidente celtista, trasladou a necesidade da creación dunha equipa feminina, igual que teñen a maioría dos clubes de fútbol da Liga.
Piñeiro Docampo instou ao presidente do Celta a que tome como súa esta iniciativa “e promova a visibilidade do deporte e das deportistas femininas”.

“Apostamos pola visualización das mulleres no deporte e somos conscientes da forza que o fútbol, como deporte maioritario, ten na sociedade. Neste sentido apelamos á creación da equipa feminina do Real Club Celta, procurando asi a normalidade e a igualdade na sociedade”, subliñan.
“Vivimos nunha sociedade onde as mulleres precisan dun espazo e dunha visualización que hoxe non teñen”, engadiu Docampo. Apela tamén a visibilidade doutras disciplinas e tamén a que o presidente do Celta teña o compromiso de potenciar seccións históricas do Celta, como poden ser as de atletismo ou a de baloncesto feminino, que hoxe en día xa nin sequera pertencen ao club.
Para os galeguistas o Celta é unha marca que representa a Galicia mais aló do fútbol, por iso precisa estender a sua imaxe noutros deportes. Neste sentido, remarcan que o celta é algo que transcende en moitos eidos o exclusivamente deportivo, representando o nome de Vigo e de Galicia por todo o mundo.