Envían unha queixa ao Defensor del Pueblo por desautorizar a manifestación da CUT en Vigo

Durante o estado de alarma decretado polo coronavirus, a manifestación convocada pola CUT para o 1 de maio foi desautorizada e as concentracións da CIG denunciadas. O Real decreto "non pode atacar, mesmo coa finalidade de defender a saúde pública, o núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación", argumenta Esculca.

Control policial © Miguel Núñez

Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, vén de enviar unha queixa ao Defensor del Pueblo pola “limitación do dereito fundamental de manifestación e liberdade sindical” durante o estado de alarma decretado pola pandemia da Covid-19. Refírese concretamente á manifestación convocada pola Central Unitaria de Traballadores-CUT para este primeiro de maio (Día dos Traballadores) en Vigo, que foi desautorizada pola subdelegación do Goberno en Pontevedra; e ás concetracións levadas a cabo pola CIG o pasado 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta, que foron obxecto de denuncia. 

CONVOCATORIAS

Na súa comunicación, a CUT indicaba que na manifestación “o dereito á saúde sería respectado de forma escrupulosa” por canto decorrería en vehículos privados e as persoas, protexidas con máscaras e luvas, non abandonarían os vehículos en ningún momento. No entanto, Esculca critica que a subdelegación do Goberno en Pontevedra, respondeu que o RD 463/2020 non contempla entre as actividades excepcionadas para circular na vía pública o deslocamento de persoas para exerceren o dereito de manifestación e prohibiu a súa celebración.

Tamén a CIG convocou varias concentracións o día 23 de abril diante das Delegacións e Centros da Xunta e, “apesar de que en todas estas concentracións foi respectada a distancia de seguranza entre as persoas que participaban, protexidas todas elas con máscaras”, indican desde Esculca, “houbo casos en que a policía as identificou e abriu expedientes de sancións”.

O ESTADO DE ALARMA NON PROHIBE AS MANIFESTACIÓNS

Fronte a estes acontecementos, para Esculca é “un feito incontestable” que nin o Real Decreto polo que se rexe o estado de alarma nin as súas prórrogas prohiben ou limitan os dereitos fundamentais de reunión, na súa modalidade de manifestación nin de liberdade sindical. “Non o fai no seu texto nin podería facelo por aplicación dos arts.11 e 13 da LO 4/1981 de 1º de xuño, onde a suspensión dos dereitos fundamentais só poderá ser acordada mediante a declaración do estado de excepción“. 

Por outro lado, no exercicio do dereito fundamental a doutrina entende que o núcleo esencial do mesmo non debe resultar atacado, a non ser que sexa obxecto de suspensión. Por iso, o Real decreto “non pode atacar, mesmo coa finalidade de defender a saúde pública, o núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación”, argumenta Esculca. “Poderá, iso si, impor a súa realización en condicións que non afecten o dereito á Saúde Pública (como certamente xa contemplan as organizacións convocantes) mais non afectar ao núcleo do dereito cunha prohibición de facto”, engade.

O Observatorio remítese a outros casos como o Tribunal Constitucional Federal Alemán, que defende o dereito de manifestación tamén en tempos de pandemia e obrigou a revisar a prohibición dun protesto de activistas pro-democracia que solicitaran celebrar unha manifestación sob o lema “Fortalecer a saúde, non debilitar os dereitos fundamentais. Protección contra o virus, non contra as persoas”, en que participarían, segundo anunciaron, unhas trinta persoas. A manifestación, relatan dende Esculca, “fora organizada coidando de manter a distancia de seguranza esixida pola ordenanza con marcas no chan que indicarían a posición das persoas participantes”.

DEMANDA “ACTUACIÓN DE URXENCIA”

Esculca considera que os Tribunais se deben manifestar sobre cada unha destas recusas do Dereito de reunión, mais demanda do Defensor del Pueblo que, previa tramitación de expediente urxente, proceda a ditar recomendación -tamén urxente- ás administracións competentes para garantir a salvagarda do núcleo esencial do dereito de reunión e manifestación, así como do dereito de liberdade sindical e que estes dereitos poidan ser exercidos sen poñer en risco a saúde pública.

“Se as instrucións que demanda non foren ditadas con carácter urxente e estas se produciren pasadas as datas da convocatoria e/ou unha vez levantado o estado de alarma”, subliña Esculca, “a actuación tuitiva do dereito perdería a súa efectividade”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here