Inicio Blog Páxina 1618

Nai e filla aceptan dous anos de prisión por agredir un profesor da UVigo

Unha nai e a súa filla aceptaron dous anos de cárcere por agredir a un profesor da Universidade de Vigo (Uvigo) en 2019, unha pena que quedou suspendida a condición de que non delincan nese tempo e paguen unha multa de 450 euros, así como a indemnización de 610 euros ao prexudicado.

Os feitos remóntanse a xaneiro do ano pasado, cando Ana María M. S. e a súa nai Ana María S. F. se presentaron no despacho deste profesor da Facultade de Económicas de Vigo para revisar un exame.

O docente advertiu de que só atendería á alumna e iso desencadeou un enfrontamento durante o cal, segundo a Fiscalía, as acusadas tentaron encerrar ao profesor no despacho e, nun momento posterior, golpeárono cun paraugas.

Por estes feitos, a Fiscalía pedía dous anos de cárcere para ambas e 1.440 euros de multa, polos delitos de atentado á autoridade e lesións, así como unha indemnización de 710 euros. A acusación particular, pola súa banda, reclamaba tres anos de prisión.

O espectacular salto dos golfiños

0

Varios golfiños foron avistados este domingo desde a praia de Lagos, en Bueu. Os seus espectaculares saltos foron captados polo fotoxornalista colaborador de XdV Miguel Núñez.

Vigo xa ten conexión 5G, pero aínda non é demasiado aproveitable

0

O 5G, a nova rede de navegación ata cen veces máis rápida que o 4G, é unha realidade aínda bastante limitada en España, xa que só está presente en 15 cidades, entre elas Vigo e A Coruña. Ademais, por agora só é compatible con catro ‘smartphones‘ e unicamenta o oferta unha operadora telefónica.

Ao atoparse no inicio do establecemento desta rede de navegación, o límite de uso da rede 5G estará ao redor de 1Gbps. A medida que se liberen redes para este servizo de banda de 700 mhz, a velocidade irá en aumento, de maneira que chegará a alcanzar algún día os 10 Gbps.

O 5G é unha tecnoloxía innovadora que permite superar a velocidade que a maioría de usuarios temos na casa ou no traballo. A velocidade de navegación do 5G é ata 100 veces superior ao 4G, é dicir, con esta tecnoloxía é posible ver un vídeo 4K en ‘streaming’ en alta calidade sen esperas ou descargar a aplicación máis pesada nuns segundos.

Outra gran vantaxe do 5G é que elimina case por completo o temido ‘lag’ (retardo) tanto en videoxogos como en vídeos en ‘streaming’, debido á súa baixa latencia. Ese atraso entre o que sucede no videoxogo ou na vida real e o que ve o usuario na súa pantalla será “inexistente”, como apuntan desde o comparador de tarifas de telefonía e internet Roams.

No caso dos videoxogos en liña, por exemplo, a eliminación do ‘lag’ abrirá o mundo competitivo dos ‘eSports’ para ser xogado de forma diferente con esta tecnoloxía.
Os vídeos en ‘streaming’ tamén notarán unha mellora de calidade que poderán reproducir 4K ou superior, xa que as plataformas que utilizan este tipo de transmisión optimizan o contido a 1080p para conexións estándar de 4G, que será o estándar en tres anos, como moito.

O 5G EN ESPAÑA

Actualmente, en España Vodafone é a única operadora que ofrece conexión 5G, aínda que Movistar, Orange e o grupo MásMóvil teñen previsto contar con esta rede proximamente. Iso si, os usuarios necesitan ter un ‘smartphone’ compatible coa conectividade 5G e actualmente só se comercializan catro dispositivos con esta tecnoloxía.

Como explican desde Roams, Movistar e MásMóvil parece ser que pretenden ter o servizo ou ben a final deste ano ou a comezo do 2020, mentres que Orange prefire esperar a que a tecnoloxía estea máis asentada.

As 15 cidades que dispoñen desta rede de alta velocidade, ademais da Coruña e Vigo, son Barcelona, Bilbao, Xixón, Logroño, Madrid, Málaga, Pamplona, Santander, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria e Zaragoza.

Polo momento, e segundo o servizo actual de Vodafone, o uso do 5G non afectará directamente á factura do móbil. No entanto, desde Roams aseguran que “non é descartable que algunha operadora poña un custo extra ao servizo“. De feito, explican que “en Vodafone funciona un sistema de límite de velocidade que se asemella a pagar unha cantidade superior por optar a máis velocidade. É dicir, aínda que esteas en territorio con rede 5G, a velocidade de conexión é baixa salvo que se contrate a oferta que a inclúa”.

Proxecto pioneiro nas bateas da ría para convertelas no pulmón verde do mar de Vigo

A Autoridade Portuaria de Vigo presentou o proxecto de rexeneración de fondos mariños ‘Peiraos do Solpor‘, que empregará as estruturas verticais existentes nas bateas para crear ecosistemas de microhábitats que permitan implantar algas e novas especies.

Segundo recolleu a Xunta nun comunicado, trátase dunha iniciativa impulsada mediante a colaboración público-privada na que participan o Porto, o Campus do Mar da Universidade de Vigo (UVigo), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Centro Oceanográfico de Vigo e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

‘Peiraos do Solpor’ é un proxecto do Porto de Vigo enmarcado a súa estratexia Blue Growth 2016-2020, que aspira a apoiar o crecemento do emprego relacionado co mar dun modo sustentable na Unión Europea (UE).

Na súa presentación, este martes en Vigo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, destacou o labor levado a cabo pola Autoridade Portuaria para compatibilizar o seu desenvolvemento e a súa actividade industrial coa conservación do ecosistema mariño e da riqueza ecolóxica.

Nesta liña, defendeu que o Porto de Vigo demostra que estas entidades poden ser “xeradoras de riqueza ecolóxica” e protexer a “biodiversidade” que alberga a zona na que se sitúan. Así, puxo en valor as súas accións enfocadas a reducir e controlar as verteduras ata achegarse “aos máis altos estándares” e asegurou que se converteu nun “referente de porto verde no sur de Europa”.

Denunciado un taxista tras ser gravado por unha clienta conducindo borracho e utilizando o móbil

Un taxista foi acusado dun suposto delito contra a seguridade viaria tras dar positivo en controis de alcoholemia e drogas mentres conducía por Vigo.

Segundo trasladou nun comunicado a Policía Local, este corpo de seguridade foi contactado este martes ás 1,12 horas da madrugada por unha muller que asegurou que un taxista que a recolleu na rúa Aragón conducira a alta velocidade ata alcanzar os 125 quilómetros por hora, así como que parecía estar baixo os efectos do alcol.

Posteriormente, unha patrulla contactou persoalmente coa requirente e esta mostroulle unha gravación que realizara durante o traxecto. No vídeo, os policías observaron como o taxista manipulara o seu móbil durante a condución e circulara nalgúns tramos do túnel de Beiramar a máis de 90 quilómetros por hora e mesmo a 125 no traxecto exterior da vía.

Tras localizar ao condutor, os axentes percibiron que presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas e, despois de sometelo á proba pertinente, comprobárono. Tamén foi sometido ao test de drogas, no que tivo un resultado positivo en cocaína e cannabis. Por estes motivos, impútaselle un presunto delito contra a seguridade viaria.

Detido un vigués por tentar roubar nun local do que acababa de ser despedido como cociñeiro

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 43 anos de idade, M.A.R.N., como presunto autor dunha tentativa de roubo con forza nun establecemento no que traballara como cociñeiro.

Segundo informaron fontes policiais os feitos ocorreron na madrugada deste venres, cando dúas testemuñas sorprenderon ao sospeitoso tentando entrar no local. Así, estes cidadáns circulaban en coche pola estrada de Camposancos, cando se decataron de que había unha persoa tentando entrar nese establecemento, e que tiña xa medio corpo metido nunha xanela.

Por iso, interceptárono e comezaron a forcexear con el, momento no que pasou unha patrulla da Policía Local, e comprobou que a xanela tiña signos de ser forzada, así como o enreixado de apertura principal. Os axentes viron unha cadeira colocada preto da xanela pola que quería entrar o sospeitoso, así como un garfo parrilleiro trinchante co que, supostamente, forzou dita xanela.

Alertada pola Policía, presentouse no lugar a propietaria do establecemento, quen confirmou que coñecía ao sospeitoso porque traballara alí como cociñeiro. Segundo explicou aos axentes, tiveran un problema laboral e rescindiulle o contrato o pasado mércores. A muller tamén confirmou que M.A.R.N. non ten permiso para acceder ao local fóra do horario de apertura, e que tampouco dispón de chaves do mesmo.

Unha persoa queda inconsciente tras ser atropelada na rúa Teixugueiras

0

Unha persoa resultou ferida na tarde deste venres ao ser atropelada por un vehículo na cidade de Vigo. Segundo informou o Centro Integral de Atención a Urxencias 112-Galicia, o atropelo tivo lugar á altura do número 22 da rúa Teixugueiras. Foi un particular o que alertou de que unha persoa fora atropelada e de que a vítima se atopaba inconsciente e convulsionaba.

Ata a zona foron mobilizados efectivos de Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Vigo, así como unha ambulancia do 061, que trasladou á persoa ferida ao Hospital Povisa.

De Mesopotamia ao Imperio Romano: A situación das mulleres ao longo da historia

Mulleres que na antiga Mesopotamia traballaban nas mesmas categorías que os homes, como a construción; cinco faraoas que gobernaron no antigo Exipto; mulleres que na antiga Roma realizaron as primeiras manifestacións contra leis lesivas para elas, e Safo, a primeira poetisa recordada da literatura da antiga Grecia.

Estes foron os catro temas escollidos para abordar este luns na xornada “A muller na antigüidade: perspectivas e reflexións” que celebrou a Facultade de Historia da USC no campus de Ourense.

Fronte a unha visión histórica tradicionalmente androcéntrica, o obxectivo desta iniciativa foi visibilizar e reivindicar desde unha “perspectiva de xénero” o papel das mulleres na antigüidade.

A xornada estivo organizada pola Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo e coordinada polas profesoras Susana Reboreda e Iria Souto: “O Grao de Xeografía e Historia é un grao xeralista e con esta xornada quixemos completar a súa oferta formativa abordando a temática de xénero, que non se inclúe no programa docente”, subliñou Susana Reboreda, que conta cunha dilatada traxectoria en proxectos de investigación tanto estatais como europeos sobre a muller na historia.

Iria Souto, Susana Reboreda, Dolors Molas, Rosa Cid, Nuria Castellano e Agnès García/ Duvi

Esta abordaxe, apuntou a tamén decana da Facultade de Historia, “é fundamental para a formación do alumnado” e para o desenvolvemento do seu espírito crítico. A situación da muller no próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma, apuntou, pode parecer “en principio algo moi remoto” pero suscita “nos estudantes a reflexión, porque a medida que van coñecendo van establecendo similitudes e diferenzas con situacións actuais propias ou doutras culturas”.

A actividade, especialmente pensada para o alumnado do Grao en Xeografía e Historia contou coa colaboración de ademais da Facultade de Historia, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense.

“Nós consideramos que temos que impulsar unha epistemoloxía feminista ou con perspectiva de xénero. Moita da historia fíxose desde o androcentrismo e este tipo de iniciativas son unha forma de visibilizar a presencia das mulleres, de facer unha interpretación nova da historia. É necesario empezar a construír un saber experto feminista”, subliñou Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, durante a xornada.

O programa de conferencias correu a cargo de catro profesoras ou doutoras de recoñecido prestixio e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga procedentes de tres universidades.

Coidando das galiñas/ Miguel Núñez

O programa arrancou cunha conferencia de Agnès García, investigadora posdoutoral da Universitat de Barcelona sobre mulleres traballadoras na antiga Mesopotamia. Durante a súa intervención, García explicou como existen documentos de finais do terceiro milenio antes de Cristo nos que se fala das “mulleres traballadoras de a pé”, describindo os seus horarios e tarefas.

Fronte á “idea moi da revolución industrial” de que as mulleres están no ámbito doméstico e privado e os homes son os que traballan fóra do fogar, a experta amosou como na antiga Mesopotamia tanto homes como mulleres están na esfera pública con traballos e obrigacións similares e compartindo categorías profesionais.

“As mulleres non só están tecendo, que tamén, senón tamén en sectores como a construción carrexando ladrillos”. Así, subliñou como na abordaxe desde unha perspectiva de xénero da historia “é importante reconstruír a historia destas mulleres que a miúdo se pasan por alto en detrimento das mulleres das elites”.

Da mesma universidade participou na xornada a profesora titular Dolors Molas, que ofreceu unha conferencia titulada “Hetairai e Philai: Safo e a poesía lírica grega arcaica”. Nela falou da “primeira poetisa recordada da literatura grega” e polo tanto “da literatura europea”.

Reconquista viguesa
As mulleres foron participes activas na reconquista de Vigo/Miguel Nuñez

Molas animou ao alumnado presente a abordar esta figura e a lectura dos seus poemas sen prexuízos relacionados coa invisibilización da muller e coa invisibilización do amor entre elas.

Outra das expertas que participou na xornada foi Nuria Castellano, doutora en exiptoloxía e profesora da Universidad de Murcia, que falou sobre o Faraón, o poder feminino. Fronte á consideración “da palabra e da figura do faraón como moi masculina”, a profesora abordou o caso de cinco mulleres que foron faraoas e que as fontes tradicionais teñen recoñecidas como tal, ademais do caso doutras mulleres que ostentaron poderes moi similares.

“Estas figuras fálannos do poder feminino. Elas facían o mesmo que os faraóns, incluso participar activamente nas guerras”, afirmou. Na súa intervención fixo fincapé tamén en desbotar prexuízos como consideralas “rexentas” ou que o seu reinado puido ser a causa do final dunha época de esplendor do antigo Exipto.

Por último, Rosa Cid, profesora catedrática da Universidad de Oviedo, falou sobre “Mulleres na Roma antiga: entre a domus e o templo”. Na súa intervención apuntou como, a pesar de ser a casa o seu principal escenario de vida, na antiga Roma “as mulleres racharon moldes de domesticidade, saíron das casas para cuestionar un poder que mermaba os seus dereitos”.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

Así, explicou ao alumnado presente nas xornadas as primeiras manifestacións públicas de romanas, “as primeiras protestas femininas”, que tiveron lugar no século II contra leis lesivas para elas.

Ademais, Cid abordou a casa como un espazo interseccional no que estaba a muller pero tamén o home, persoas de diferentes clases sociais e de diferentes idades. “Elas están na casa pero con outras persoas”, advertiu, ademais de explicar como “tamén fan vida no espazo público, acudindo a termas, templos, visitas, espectáculos, etc”.

A Garda Civil confisca catro plantas de marihuana en Gondomar

Efectivos da Garda Civil de Gondomar investigan a un veciño deste municipio como suposto autor dun delito contra a saúde pública, na modalidade de cultivo e elaboración de drogas, ao ser o presunto responsable dunha pequena plantación de marihuana que se localizou nun terreo anexo á súa vivenda.

As actuacións desenvolvéronse durante a tarde deste martes, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Gondomar, no seu percorrido pola parroquia de Peitieiros, observou unha planta de marihuana no patio exterior dunha vivenda.

Ao requirir a presenza do propietario do inmueble, comprobaron que tiña outras
tres plantas, que foron incautadas para ser postas a disposición da autoridade xudicial competente.

As dilixencias instruídas polos efectivos da Garda Civil, xunto coas plantas aprehendidas, foron postas a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed