InicioSociedadeDe Mesopotamia ao Imperio Romano: A situación das mulleres ao longo da...

De Mesopotamia ao Imperio Romano: A situación das mulleres ao longo da historia

PUBLICADO O

Mulleres que na antiga Mesopotamia traballaban nas mesmas categorías que os homes, como a construción; cinco faraoas que gobernaron no antigo Exipto; mulleres que na antiga Roma realizaron as primeiras manifestacións contra leis lesivas para elas, e Safo, a primeira poetisa recordada da literatura da antiga Grecia.

Estes foron os catro temas escollidos para abordar este luns na xornada “A muller na antigüidade: perspectivas e reflexións” que celebrou a Facultade de Historia da USC no campus de Ourense.

Fronte a unha visión histórica tradicionalmente androcéntrica, o obxectivo desta iniciativa foi visibilizar e reivindicar desde unha “perspectiva de xénero” o papel das mulleres na antigüidade.

A xornada estivo organizada pola Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo e coordinada polas profesoras Susana Reboreda e Iria Souto: “O Grao de Xeografía e Historia é un grao xeralista e con esta xornada quixemos completar a súa oferta formativa abordando a temática de xénero, que non se inclúe no programa docente”, subliñou Susana Reboreda, que conta cunha dilatada traxectoria en proxectos de investigación tanto estatais como europeos sobre a muller na historia.

Iria Souto, Susana Reboreda, Dolors Molas, Rosa Cid, Nuria Castellano e Agnès García/ Duvi

Esta abordaxe, apuntou a tamén decana da Facultade de Historia, “é fundamental para a formación do alumnado” e para o desenvolvemento do seu espírito crítico. A situación da muller no próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma, apuntou, pode parecer “en principio algo moi remoto” pero suscita “nos estudantes a reflexión, porque a medida que van coñecendo van establecendo similitudes e diferenzas con situacións actuais propias ou doutras culturas”.

A actividade, especialmente pensada para o alumnado do Grao en Xeografía e Historia contou coa colaboración de ademais da Facultade de Historia, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense.

“Nós consideramos que temos que impulsar unha epistemoloxía feminista ou con perspectiva de xénero. Moita da historia fíxose desde o androcentrismo e este tipo de iniciativas son unha forma de visibilizar a presencia das mulleres, de facer unha interpretación nova da historia. É necesario empezar a construír un saber experto feminista”, subliñou Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, durante a xornada.

O programa de conferencias correu a cargo de catro profesoras ou doutoras de recoñecido prestixio e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga procedentes de tres universidades.

Coidando das galiñas/ Miguel Núñez

O programa arrancou cunha conferencia de Agnès García, investigadora posdoutoral da Universitat de Barcelona sobre mulleres traballadoras na antiga Mesopotamia. Durante a súa intervención, García explicou como existen documentos de finais do terceiro milenio antes de Cristo nos que se fala das “mulleres traballadoras de a pé”, describindo os seus horarios e tarefas.

Fronte á “idea moi da revolución industrial” de que as mulleres están no ámbito doméstico e privado e os homes son os que traballan fóra do fogar, a experta amosou como na antiga Mesopotamia tanto homes como mulleres están na esfera pública con traballos e obrigacións similares e compartindo categorías profesionais.

“As mulleres non só están tecendo, que tamén, senón tamén en sectores como a construción carrexando ladrillos”. Así, subliñou como na abordaxe desde unha perspectiva de xénero da historia “é importante reconstruír a historia destas mulleres que a miúdo se pasan por alto en detrimento das mulleres das elites”.

Da mesma universidade participou na xornada a profesora titular Dolors Molas, que ofreceu unha conferencia titulada “Hetairai e Philai: Safo e a poesía lírica grega arcaica”. Nela falou da “primeira poetisa recordada da literatura grega” e polo tanto “da literatura europea”.

Reconquista viguesa
As mulleres foron participes activas na reconquista de Vigo/Miguel Nuñez

Molas animou ao alumnado presente a abordar esta figura e a lectura dos seus poemas sen prexuízos relacionados coa invisibilización da muller e coa invisibilización do amor entre elas.

Outra das expertas que participou na xornada foi Nuria Castellano, doutora en exiptoloxía e profesora da Universidad de Murcia, que falou sobre o Faraón, o poder feminino. Fronte á consideración “da palabra e da figura do faraón como moi masculina”, a profesora abordou o caso de cinco mulleres que foron faraoas e que as fontes tradicionais teñen recoñecidas como tal, ademais do caso doutras mulleres que ostentaron poderes moi similares.

“Estas figuras fálannos do poder feminino. Elas facían o mesmo que os faraóns, incluso participar activamente nas guerras”, afirmou. Na súa intervención fixo fincapé tamén en desbotar prexuízos como consideralas “rexentas” ou que o seu reinado puido ser a causa do final dunha época de esplendor do antigo Exipto.

Por último, Rosa Cid, profesora catedrática da Universidad de Oviedo, falou sobre “Mulleres na Roma antiga: entre a domus e o templo”. Na súa intervención apuntou como, a pesar de ser a casa o seu principal escenario de vida, na antiga Roma “as mulleres racharon moldes de domesticidade, saíron das casas para cuestionar un poder que mermaba os seus dereitos”.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

Así, explicou ao alumnado presente nas xornadas as primeiras manifestacións públicas de romanas, “as primeiras protestas femininas”, que tiveron lugar no século II contra leis lesivas para elas.

Ademais, Cid abordou a casa como un espazo interseccional no que estaba a muller pero tamén o home, persoas de diferentes clases sociais e de diferentes idades. “Elas están na casa pero con outras persoas”, advertiu, ademais de explicar como “tamén fan vida no espazo público, acudindo a termas, templos, visitas, espectáculos, etc”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...