A Garda Civil interceptou este fin de semana a catro persoas que circulaban sen permiso de condución polos municipios pontevedreses de Cuntis, A Estrada, Lalín, Ponteareas e Cangas.
Segundo detallaron fontes da Benemérita, as actuacións foron levadas a cabo por patrullas de seguridade cidadá. Así, este sábado sobre as 23,50 horas, efectivos de Cuntis detiveron un veciño da Coruña que circulaba pola N-550. Dese modo, comprobouse que se lle retirou o permiso de conducir e que lle constaba unha reclamación xudicial dun xulgado de Padrón que ordenara a súa procura, detención e personación.
Ademais, este sábado ao redor das 11,30 horas, unha patrulla de seguridade cidadá interceptou un home residente en Cangas por conducir un turismo no centro urbano desta localidade a pesar de nunca dispor do permiso correspondente.
Así mesmo, ese día localizouse a unha muller de 26 anos e a un home de 31 mentres conducían automóbiles pola Estrada e Lalín, respectivamente, aínda que se lles retirou o permiso de condución por perder a totalidade dos puntos.
Adicionalmente, na madrugada deste domingo, interceptouse un veciño de Vigo de 31 anos que circulaba pola N-120 á altura de Ponteareas. Investigóuselle penalmente ao descubrir que carecía de permiso de condución.
As localidades de Redondela e Cangas, e a viguesa illa de Toralla serán os escenarios da rodaxe da película ‘María Solinha’, producida por Vía Láctea Filmes e dirixida polo cineasta Ignacio Vilar.
O propio director, acompañado polo responsable da Agadic, Jacobo Sutil; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; e as actrices Graal Montes e Laura Míguez, presentou este martes o inicio da rodaxe do filme, que terá lugar entre o 19 de agosto e o 20 de setembro.
Esta película, que conta con financiamento da Agadic e da Deputación de Pontevedra, relata a historia dun director de teatro que chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica do século XVII que foi acusada pola Inquisición de practicar a bruxaría.
Jacobo Sutil lembrou que este filme é un dos traballos que lograron subvención na convocatoria de axudas da Agadic, dentro da modalidade de longametraxes de ficción, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diversidade cinematográfica de Galicia.
Así mesmo, puxo en valor a “oportunidade” que Ignacio Vilar ofrece en cada novo proxecto ás novas xeracións de intérpretes galegos, como o caso de Graal Montes e Laura Míguez, que encabezan un elenco no que tamén estarán Mabel Rivera, Antonio Durán ‘Morris’, Alfonso Agra ou Mela Casal, entre outros.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, apostou por converter a provincia nun “estudio de cinema”, para impulsar a “creatividade” e o “talento” de Pontevedra e de Galicia.
Silva fixo tamén fincapé na figura de María Solinha, unha muller “perseguida e violentada” por unha sociedade patriarcal, do mesmo xeito que outras mulleres que, ao longo da historia, sufriron discriminación por “querer ser independentes, por ter riqueza que o patriarcado non asumía que estivese en mans femininas”.
A Garda Civil conseguiu localizar en Madrid un cáliz subtraído na igrexa de Tebra, en Tomiño, no ano 1984, segundo informou este venres o Instituto Armado. A denuncia do párroco desta parroquia de Tomiño facilitou unha operación na que participaron os equipos de Policía Xudicial da Garda Civil de Tui, Pontevedra e Madrid.
O sacerdote informara no posto da Garda Civil de Tomiño en marzo do ano pasado que o cáliz roubado se correspondía cun que se estaba anunciado nunha páxina web para coleccionistas.
Grazas a esta información, e en colaboración cos equipos de Policía Xudicial, o Instituto Armado recuperou esta obra de arte catalogada no obispado da Diócese de Tui-Vigo. Trátase dun cáliz de prata coa inscrición gravada do nome da súa parroquia, Tebra, obra do prateiro Pedro Antonio Carabelo.
A Garda Civil identificou ao actual propietario, que declarou comprar a peza por uns mil euros a unha terceira persoa con domicilio en Murcia.
A investigación realizada pola Garda Civil confirmou que os dous últimos propietarios do cáliz adquirírano a anticuarios, achegando a correspondente factura.
O equipo de Policía Xudicial de Tui entregou este venres o cáliz ao cura párroco de San Salvador de Tebra, en calidade de depositario, facéndolle saber que a peza se atopa a disposición do xulgado de Instrución número 3 de Tui.
O Concello de Vigo reforzará a vixilancia sobre o uso de máscaras en espazos públicos e sobre o cumprimento de todas as restricións para controlar a pandemia de coronavirus, e reducirá aínda máis os aforamentos en espazos municipais.
Así o trasladou o alcalde, Abel Caballero, despois da reunión do comité municipal de seguimento da pandemia.
Á vista dos rebrotes e o incremento de casos activos de COVID-19, o rexedor anunciou que se reducirán aínda máis os aforamentos en espazos municipais, como salas de exposicións e museos, e en eventos como as vodas que se celebran no Pazo de Castrelos (fixarase un máximo de 25 asistentes no interior do edificio).
Así mesmo, e xa a partir desta fin de semana, reforzarase a vixilancia sobre o cumprimento de medidas como o uso das máscaras na vía pública, a prohibición de fumar se non hai distancia interpersoal, ou a prohibición de aglomeración de persoas na rúa ou locais.
A ese respecto, Abel Caballero insistiu en que “está terminantemente prohibido” beber na rúa se non é unha terraza ou mesa habilitada, en alusión á habitual concentración de clientes de locais situados en zonas como a contorna da Concatedral. “Non se poden vender bebidas para ser consumidas nunha praza”, advertiu.
Nesa liña, asegurou que o Concello e a Policía Local permanecerá “moi vixiantes”, especialmente cos “recalcitrantes” que perseveran nos incumprimentos, e proclamou que “se hai que multar, multarase”. “Tomémonolo en serio, isto non é unha broma”, resolveu.
A comunidade científica internacional coincide en cualificar como irrefutable que o cambio climático está afectando aos animais mariños. Dende corais con dificultades para construír os seus esqueletos, ata atúns e salmóns que adiantan as migracións ou poboacións de krill antártico que diminúen mentres aumentan as de peixes tropicais.
E é que os organismos vivos teñen tres opcións: adaptarse, moverse ou extinguirse. Na segunda destas opcións é na que centra o seu traballo o Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, liderado por Elena Ojea.
A tamén investigadora deste grupo, Alba Aguión, explica nun artigo que aínda que “os rangos xeográficos das especies son dinámicos e varían co tempo, o cambio climático está causando unha redistribución significativa das especies a nivel mundial”.
Cabalo de mar/ Photopin
Así, do mesmo xeito que algúns animais terrestres se moven á montaña escapando do calor, “moitos peixes descenden en profundidade buscando augas frías ou abandonan as augas do Ecuador para desprazarse a latitudes máis próximas aos polos”. Pero esta redistribución dos ecosistemas e comunidades biolóxicas tamén está a ter efectos no benestar e seguridade alimentaria das sociedades humanas.
O impacto na pesca
Future Oceans Lab centra as súas investigacións nas consecuencias do cambio climático no océano. Como explica Alba Aguión, “a redistribución animal provoca importantes consecuencias para a pesca, sector do que dependen uns 520 millóns de persoas (un 8 % da poboación mundial) segundo os datos da FAO do 2011”.
A investigadora apunta varios exemplos desta redistribución. Por exemplo, como resposta ás elevadas temperaturas, case dous terzos das especies do mar do Norte sufriron cambios de latitude ou profundidade en menos de 25 anos.
Especies mariñas / Photopin
Tamén se refire ás augas de Corea, do estreito de Bering e do nordeste de Estados Unidos, “onde se detectaron cambios latitudinais importantes en diversas especies de interese pesqueiro”.
Tamén no norte do golfo de México se rexistraron extincións e invasións que semellan estar relacionadas co cambio climático. Non obstante, explica Aguión, “nun contexto de redistribución non todo son perdas e, no mar do Norte, por exemplo, a maior abundancia de peixes de climas cálidos como a robaliza ou o salmonete de rocha creou novas oportunidades para o sector”.
Previsións de futuro
De cara ao futuro, os investigadores do Future Oceans Lab adiantan que as zonas xeográficas que sufran os cambios climáticos máis bruscos e que teñan especies con menores rangos de tolerancia “serán máis proclives a experimentar elevados porcentaxes de redistribución”.
Porén, sosteñen que isto non implica que as súas flotas pesqueiras sexan as máis afectadas, xa que países como China, Taiwán, Xapón, Corea do Sur e España, que acumulan máis do 80% das horas de pesca rexistradas en alta mar, é dicir, máis aló da súa zona económica exclusiva no 2016, serán “susceptibles a sufrir impactos económicos por redistribución de stocks lonxe das súas costas”, explican.
Especies mariñas / Photopin
Outra das consecuencias do movemento das especies pesqueiras e polo tanto das flotas, será o incremento de conflitos no reparto das cotas entre países. Exemplo disto é o enfrontamento entre Islandia e illas Feroe con Reino Unido derivado do movemento da rincha cara as augas frías dos primeiros países.
Ademais, lembra Aguión, a redistribución de stocks agárdase que diminúa a eficacia das ferramentas de xestión deseñadas sen considerar os impactos do cambio climático. “Un bo exemplo son as áreas mariñas protexidas, xa que unha reserva creada hoxe para conservar unha especie determinada ou fomentar a pesca en zonas adxacentes é moi probable que no futuro non sexa efectiva se os stocks a abandonan para migrar cara zonas frías”.
As respostas dende a ciencia
Fronte a todos estes retos, a resposta para facer fronte ao impacto de cambio climático ten que vir dende a ciencia, no caso de Future Oceans Labs investigando o seu impacto nos stocks e comunidades pesqueiras e as posibles medidas a tomar.
Neste contexto, os investigadores do grupo remarcan a necesidade de realizar estudos biofísicos sobre a relocalización dos stocks e sobre os posibles mecanismos e medidas de adaptación que as flotas e gobernos poidan tomar.
Neste sentido, á hora de prever cales serán os países máis vulnerables aos impactos do cambio climático, “a hipótese principal é que as flotas tecnoloxicamente máis avanzadas, propias de países ricos, conten con maiores capacidades de adaptación, movéndose a novas zonas de pesca a través de acordos con outros países ou cambiando as súas artes”.
O caso contrario, o das flotas domésticas como as das illas do Pacífico, “que limitan a súa actividade á zona económica exclusiva do seu país, agárdase que conten con menores capacidades de axuste”.
Especies mariñas / Photopin
Precisamente, as áreas tropicais e do hemisferio sur son as zonas menos estudadas no que se refire á redistribución das especies mariñas comerciais, a pesar de seren as zonas máis vulnerables pola súa proximidade ao Ecuador.
Son, explica Aguión, “propensas a sufrir as maiores migracións debido ás altas temperaturas e ademais, contando con pouca capacidade para facer fronte a estes impactos, o que pon de manifesto a urxencia de realizar investigacións biofísicas e de políticas de adaptación en ditas zonas”, conclúe.
Os contaxios de Covid-19 seguen en descenso en Galicia tras sumar 409, deles 388 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, fronte aos 489 do luns. Tamén os casos activos baixan a 9.060, medio centenar menor que a xornada anterior.
Concretamente na área de Vigo, confirmáronse 97 contaxios por PCR nas últimas 24 horas, e mantense así como a área na que máis aumentan os casos de coronavirus. No tocante aos casos activos, na área sanitaria de Vigo caen a 2.347, 14 menos que este luns.
Ademais, as persoas ingresadas con coronavirus baixan a 105 os ingresados –dous menos que este luns–, deles 23 en UCI –dous menos– e 82 noutras unidades. Ata a data curáronse nesta área 5.876 persoas e realizáronse 161.737 PCR.
Nais e estudantes do IES de Mos que decidiu prohibir aos rapaces vir disfrazados este venres con ameaza de sancións, tal e como adiantou XdV, comparan esta medida coa Ditadura de Franco. “É como se estiveramos na época de Franco”, asegura unha das nais en declaracións a Xornal de Vigo.
Un dos estudantes do centro di que é “inxusto e estúpido” que paguen todos por algo que fixeron uns poucos, en relación a uns actos vandálicos no centro que aconteceron o pasado Nadal e que motivaron a decisión da dirección.
Os pais lembran que hoxe terá lugar unha xuntanza da AMPA na que se dará conta desta decisión aínda que califican de “moi radical” a decisión do centro.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reclama ao Executivo “que se rehabilite para a súa reapertura ao tráfico o máis axiña posible e con todas as garantías de seguridade” o túnel do Folgoso na Cañiza en sentido a Madrid, co obxecto de “paliar canto antes” o impacto económico e social que está a provocar este peche no sur de Galicia.
“Resulta intolerable que despois de permanecer pechado desde o pasado 25 de xaneiro debido ao incendio dun camión, o Goberno anuncie que a reapertura deste túnel –central na arteria de comunicación que vertebra todo o seu territorio desde Vigo á meseta–, aínda se demorará como mínimo ata o mes de maio”, censura a patronal galega.
Nun comunicado, advirte de que “o desvío de tráfico incrementa a viaxe en ao redor de media hora máis e sen outra alternativa existente, coa consecuente perda de tempo e diñeiro para os usuarios particulares e transportistas”. Todo iso, lamenta, “contribúe a prexudicar aínda máis a xa de seu deteriorada competitividade das empresas galegas”.
Así mesmo, a CEG tamén reclama ao Goberno “a mellora íntegra das estradas N-120 e N-559, vías por estanas transcorrendo desde o mes de xaneiro os usuarios que en circunstancias normais transitarían a través deste túnel da Autovía das Rías Baixas”.
POSTURA DO GOBERNO
Doutra banda, respecto da proposta para habilitar de forma bidireccional o carril cara a Vigo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, remarcou que con iso a Xunta “expón algo que non permite a normativa, a Unión Europea nin o sentido común, que é a circulación bidireccional”.
Así o trasladou este luns nunha entrevista na Cadea Ser, na que lembrou que o túnel sufriu “unhas importantes desfeitas, sen danos persoais grazas ao labor da Garda Civil e dos Bombeiros”.
As tarefas de reparación que se están realizando inclúen iluminación, ventilación, vixilancia, reposición do sistema de radiocomunicacións, recableado dos sistemas de seguridade, rehabilitación das tubaxes e bajantes, repintado, limpeza e reposición das marcas viarias.
Na mesma entrevisa, Losada tamén apuntou que espera que a apertura dos servizos de atención ao viaxeiro na estación Vialia en Vigo “dea un novo impulso á alta velocidade” e subliñou o “compromiso para potenciar a saída ferroviaria sur de Vigo e a posta en marcha do tren de alta velocidade desde Vigo”.
A Asociación Internacional de Portos seleccionou o proxecto ‘Peiraos do Solpor’ da terminal de Vigo entre o tres mellores a nivel mundial na integración Porto-Cidade, na categoría ‘Diálogo coa comunidade e a cidade portuaria’.
Tal e como trasladou o Porto de Vigo nun comunicado, esta iniciativa, enmarcada na súa estratexia de crecemento azul, presentouse en decembro ao premio que organiza a asociación internacional, onde competiu contra outros 45 proxectos. Posteriormente, ‘Peiraos do Solpor’ foi seleccionado para participar na votación final, na que se enfrontará a un consorcio de portos de Estados Unidos e Canadá e a un proxecto dun porto coreano.
Deste xeito, as tres propostas someteranse a unha votación pública, que permanecerá aberta ata o 29 de febreiro nesta páxina web. Os resultados das preferencias da cidadanía e o voto do xurado permitirán determinar os gañadores das distintas categorías. Daranse a coñecer a Conferencia Mundial de Portos que se celebrará en Anveres (Bélxica) o 18 de marzo.
A Asociación Internacional de Portos promove unha estratexia de sustentabilidade en colaboración con Word Port Climate Iniciative (WPCI) desde hai anos e, en concreto, busca potenciar a participación de terminais europeas. A Autoridade Portuaria de Vigo participa desde 2019 nesta entidade e colabora con iniciativas enmarcadas na súa estratexia de crecemento azul.
A selección de ‘Peiraos do Solpor’ como finalista dos premios da asociación de portos permitirá visibilizar e outorgar recoñecemento a nivel internacional a esta iniciativa, así como reforzar o seu carácter verde e innovador.
PROXECTO
Mentres, este proxecto de xardíns mariños atópase en execución. De feito, o pasado mes de marzo colocáronse as primeiras estruturas e o proxecto do observatorio submarino, que estará situado en lazona da Laxe, atópase en fase de deseño. Deste xeito, búscase ofrecer un “miradoiro ao mar” para Vigo e o seu Porto a través da ría.
Tamén, a empresa israelí especializada en proxectos ecolóxicos Econcrete e a Universidade de Vigo (UVigo) traballan no deseño de estruturas ou arrecifes submarinos mediante impresoras 3D.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Vigo, Abel Losada, volveu a criticar a “política de nomeamentos e cesamentos” de altos cargos da Xunta que se incorporarán ás listas electorais do PPdeG para as eleccións autonómicas do 12 de xullo e lamentou a utilización da institución para “garantir salarios” a militantes do partido.
En declaracións remitidas aos medios, reprobou que os departamentos da Administración autonómica exerzan como “portas giratorias” para afiliados ao Partido Popular. A este respecto, Abel Losada asegurou que esta situación atenta contra a “calidade democrática” de “calquera país occidental” e asegurou que representa unha “tomadura de pelo política” por parte do PPdeG e o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén ostenta a Presidencia da Xunta.
Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG na cidade olívica acusou a Feijóo de utilizar o Diario Oficial de Galicia (DOG) como unha “plataforma publicitaria electoral” enfocada a satisfacer “intereses” do seu partido. Por iso, asegurou que Feijóo debería dar “exemplo” na súa oposición ás ‘portas giratorias’ e “excluír” de altos cargos a persoas que “entran e saen” das institucións “para cobrar un salario”.
Do mesmo xeito, tras cesar á delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Corina Porro; Abel Losada lamentou que o seu “compromiso” coa cidade “lle durase dous meses e medio”, durante os que considerou que realizou unha “campaña electoral” a favor do seu partido.
En concreto, Porro foi nomeada delegada en xullo de 2019 e cesada en febreiro de 2020 para integrarse nas listas do PPdeG para os comicios galegos. Tras suspenderse a súa celebración, prevista para o 5 de abril, pola pandemia da COVID-19, retomou o seu cargo ata a pasada semana, cando foi cesada para concorrer ás eleccións autonómicas, que finalmente se celebrarán o 12 de xullo.