Inicio Blog Páxina 1603

A Policía Local de Vigo paraliza unhas obras nun piso tras a caída dun anaco de metal que feriu a unha persoa

A Policía Local de Vigo paralizou unhas obras de renovación dunha ventá nun piso da cidade, despois de que, con motivo deses traballos, precipitouse ao baleiro un anaco de aluminio, que golpeou nas costas a unha persoa.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde do martes, cando un cidadán avisou ao 092 porque un obxecto caeu desde un sétimo piso dun edificio na zona de Travesía de Vigo e causoulle lesións nas costas.

Segundo relatou este home, é mecánico nun taller situado no baixo do edificio e, cando estaba no exterior comprobando un vehículo, unha peza de metal caeu do edificio e golpeoulle as costas. Os axentes comprobaron que a peza procedía dunhas obras que se estaban facendo nunha ventá do inmoble. A propietaria do piso explicoulles que estaba a renovar as xanelas do salón.

Os operarios que estaban a facer os traballos confirmaron que, cando estaban a tentar cortar un anaco de aluminio cunha serra radial, este saltou e precipitouse á rúa.

A pesar de que os traballadores dispuñan de arneses de seguridade, non instalaran ningunha rede nin medida de protección na xanela. Ademais, segundo comprobou a Policía, a empresa que facía a obra tampouco dispuña de autorización administrativa, polo que os axentes paralizaron os traballos.

Investigan a morte dun home cuxo corpo apareceu en Mos medio espido e con sinais de violencia

0

A Garda Civil de Pontevedra investiga as circunstancias da morte dun home, cuxo corpo foi localizado este xoves na zona de Regadas, no municipio de Mos.

Segundo confirmaron fontes do Instituto Armado, o achado produciuse pasadas as 10,00 horas desta mañá. O cadáver, que corresponde a un home duns 50 anos, estaba medio espido e presentaba sinais de violencia.

Os investigadores non descartan ningunha hipótese, á espera do que determine a autopsia, que se realizará no hospital Nicolás Pena de Vigo, onde foi trasladado o corpo deste home.

Adenco, case tres décadas de xeiras micolóxicas: “Non vale preocuparse polo medio só o día da árbore”

As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegan este ano á súa vixésimo novena edición, realizándose de maneira ininterrumpida desde a constitución deste colectivo no ano 1990.

“As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables”, subliñan desde Adenco.

Este grupo ecoloxista desenvolve, como vén sendo habitual, no último fin de semana de outubro, varias actividades no Concello de Mondariz Balneario, epicentro histórico no mundo da micoloxía no sur de Galicia.

E desde Xornal de Vigo entevistamos a Anxo Fernández Saborido, presidente de Adenco, que fala con nós de biodiversidade, cambio climático, conservación e outros moitos temas, cos cogomelos como nexo condutor.

Fermoso fungo/ Facebook de ADENCO

P- Por que consideran o Concello de Mondariz-Balneario como o máximo expoñente en cogomelos do sur de Galicia?

R- Porque organízanse actividades desde 1990, e naquela época constituían algo excepcional. Cociñeiros de reconocido prestixio achegáronse a estas primeiras xeiras que programamos, algo que se cadra perdimos un pouco co tempo.Tamén acudiron científicos, como Marisa Castro ou Luís Freire. E a xente comezou a difundir os valores da micoloxía.

P- Cales son estes valores?

R- Nós o que queremos difundir é que os cogomelos son seres vivos, que relizan a función de “varrer” o monte, descompoñen e crean substrato. Isto é o que queremos relatar, non son xeiras adicadas á simple recollida dun comestible.

Anxo F. Saborido, primeiro pola esquerda, nunha entrega de premios/ Comarcas na rede

P- Por que non valoramos o seu rol e pensamos neles como algo menor?

R- Inflúe moito a historia que levan aparellada, asociados a meigas, a drogas… Algúns si son perigosos, outros teñen propiedades incluso medicinais. Aínda predomina en Galicia a percepción de que son “comida de pobres”, é algo metido na cabeza de moitas persoas. E a realidade é que chefs reputados están a pagalos especies a bo prezo.

P- Podería resumir as actividades desta xeira?

R- Daremos unha volta polo monte, uns 2 ou 3 quilómetros son suficientes, e apañaremos cogomelos para identificar despois as especies: boletus, cantharellus… Despois, unha charla buscará afondar na familia das cantharellus, pode que atopemos 3 ou 4 variantes diferentes nesta zona. Pecha o ciclo unha exposición que amosa a biodiversidade do lugar.

Fotografía dunha Amanita/ Facebook de Adenco

P- É arriscado ir pola nosa conta a apañalas, aínda co apoio dun manual micolóxico?

R- Si, sempre alertamos do mesmo. A xente non debe coñecer só a especie que está recollendo, senón tamén tódalas as que sexan similares. Cada día arríscase xente sen coñecemento ningún. Os cogomelos son un produto valorado, rico, pero esixen un coñecemento profundo. Os libros de consulta son bos pero non podes guiarte só por unha foto, hai certos coñecementos técnicos que levan tempo asimilalos.

P- Hai especies que se confundan moi a cotío?

R- A xente confunde todo con todo, hai quen confunde boletus con cantharellus sendo totalmente distintas. Ás veces vemos xente dando unhas por outras setas que son como o día e a noite. Non lle atopas a lóxica.

P- E hai cogomelos en perigo de extinción?

R- Moitas especies atópanse en regresión. O ministerio de Medio Ambiente ten unha lista de especies en perigo na que aínda non incluíu a cantharellus cibarius pero está tan en regresión que pouco lle queda. Pasamos dun verán cada vez máis longo ao inverno, e iso aféctalles moito. Ninguén pode negar xa o cambio climático.

P- Pero se só un tolo atacaría un lince, case ninguén sabe se unha especie micolóxica está en perigo ou non, e pode apañala por descoñecemento e sen outorgarlle importancia…

R- Falta moita cultura micolóxica. Non se coñece que só se pode recoller 2 kg de cada especie por día, e hai quen vai e arrasa con todo. Tamén hai que evitar apañar os cogomelos pequenos.

Recordando unha manifestación polo Tea/ ADENCO, Facebook

P- Todo o mundo sabe o de “pezqueñines no”, pero quen aplica o mesmo cos cogomelos?

R- Nós, precisamente, non somos unha agrupación gastronómica, senón que traballamos para a concienciación. E advertimos moito diso. A necesidade de deixar no monte os exemplares moi novos e tamén os máis vellos, que xa non valen para o consumo pero continúan realizando unha función.

P- Ademais dos champiñóns, cultívanse outras especies?

R- Os cogomelos teñen un proceso de reprodución moi complexo. Botan miles e miles de esporas porque a estatística vai en contra. Cultívase o champiñón porque os substratos nos que medra son replicables. Tamén é un mundo aparte, porque chegan ao consumidor nunhas condicións paupérrimas, nin deberían consumirse.

P- Cal é o lugar máis sinalado de Galicia en canto a aparición de cogomelos?

R- Buscar un epicentro biolóxico é moi complicado, posto que non hai un lugar no que medren tódalas especies. Iso si: unha carballeira, por exemplo, ten moita riqueza arredor e é moi probable a aparición de fungos. Nun eucaliptal non crecen os cogomelos.

Nin crecen coa contaminación. O lixo e as construcións urbanas poñen aos chouparros en risco. Vivimos na natureza e ocupamos a natureza limitando as especies, caracterizámonos precisamente por iso, pola severa ocupación dos espazos.

P- Fai balance positivo de todos estes anos de traballo?

R- Si, o positivo é continuar facendo as actividades ano tras ano, sendo unha organización sen ánimo de lucro, formada por voluntarios, asamblearia, horizontal. Calquera socio de Adenco pode participar na toma de decisións. E cada ano súmase xente ao proxecto, outros continúan 30 anos despois, traen ás súas familias.

Traballamos moi duramente na defensa do río Tea, que sufriu ao longo de décadas agresións a tódolos niveis, anos e anos de augas residuais e fecais e contaminación de todo tipo, polo que xa se abriron moitos expedientes e se pagaron sancións.

Movémonos por cinco concellos, tentando crear sinerxias e defender a protección do medio, que hai que ter sempre en conta, non só o día da árbore. O medio aínda non se ten en conta nas decisións importantes.

programa

Como xa reflectiu Anxo Saborido, as persoas interesadas poderán participar nun roteiro micolóxico guiado polos montes do Concello, asistir a unha conferencia sobre o mundo das cantarelas e ver e aprender cunha exposición de cogomelos, durante os próximos 27 e 28 de outubro.

Desde Adenco intentan “continuar cun traballo xa con matices de actividade histórica, con case tres décadas de existencia, pero sen perder o obxetivo de difundir o valor dos cogomelos dentro do noso ecosistema, dando a coñecer as diferentes especies e a súa función no noso monte”.

Como sempre, a última fin de semana de outubro é o punto de comezo das actividades. O sábado, ás 10:30h, desde o Concello, sairán ao monte a recoller diferentes especies e coñecer as súas funcións no ecosistema.

Pola tarde, desde as 19:30h, no auditorio do Concello, contaremos coa presenza de Jaime Blanco Dios, micólogo de recoñecido prestixio, que abordará no seu relatorio o mundo das cantharellus, sempre de grande interese entre o público.

O domingo pola mañá, entre as 11h e as 14h, exporanse as diferentes especies recollidas nos montes da Comarca nos soportais do Concello. As actividades son de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de apuntarse previamente.

Desvelan en Vigo os segredos constructivos dos estadios de fútbol do Mundial de Qatar

O Salón do Interiorismo e a Construción (SICO) 2019, que este fin de semana celebra en Vigo a súa sétima edición, contará con xornadas sobre axudas para a climatización en obra nova, así como relacionadas cos sistemas de bombas de calor e de ventilación.

A feira, que acolle o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), foi inaugurada este venres e prolongarase ata este domingo. Segundo indicou o Concello, no acto interveu o alcalde, Abel Caballero, quen definiu á construción como o “núcleo da actividade humana” ao crear espazos para vivir e destacou que se trata dunha parte relevante da calidade de vida das persoas. Por iso, apostou polo apoio á obra pública por parte das institucións.

En concreto, SICO 2019, cuxa entrada é gratuíta, contou este venres coa xornada ‘A boa arquitectura non entende de escalas’, dirixida a un público profesional, na que interviñeron os arquitectos Tiago do Vale, León López da Osa, Cristophe Hamblot e Mark Fenwick. Deste xeito, os asistentes ao congreso coñeceron detalles dos estadios que se construirán para o Mundial de Fútbol de Qatar e do camellódromo da capital do país, Doha.

Os organizadores detallaron que, este ano, o salón de interiorismo conta con representación de case 120 marcas e espera superar os 8.000 visitantes da última edición. Durante todo o fin de semana estará exposta unha mostra do arquitecto León López da Osa, ‘A esencia do obxecto’ e tamén se porá en marcha un concurso de descenso vertical con corda.

Ademais, este sábado celebraranse as xornadas ‘Asentamento diferencial do chan de cimentación: análise dos efectos sobre as estruturas e solucións para a consolidación’ e ‘Climatización en obra nova e rehabilitación. Subvencións’, así como ‘Ferramentas tecnolóxicas para a dinamización da empresa’ e ‘Sistemas de bombas de calor e ventilación en vivendas de consumo case nulo’. Así mesmo, a bloguera Andrea Gabián, coñecida como Lady Compostela, realizará ‘showcookings’ na ‘caseta’ Kitchen In.

A Xunta nega que obstaculice as obras en Vigo porque cumple “o previsto na lei de Patrimonio”

A Xunta de Galicia respondeu este venres ás acusacións do alcalde, Abel Caballero, sobre a paralización de obras na cidade “sen ningunha razón” por parte da administración autonómica, e asegurou que “se están tramitando os expedientes de acordo co previsto na lei“.

Así o trasladou o delegado territorial do goberno galego, Ignacio López-Chaves, quen asegurou que a actuación da Xunta ten por finalidade “garantir que non se producen danos ao patrimonio histórico dos vigueses“.

Mentres que o alcalde acusou á administración autonómica de “parar” as obras de asfaltado de Areal, Vitoria, Carral e Luís Taboada, esgrimindo cuestións arqueolóxicas, o delegado da Xunta recalcou que o goberno galego actuou “igual que no resto de concellos de Galicia“.

No caso das obras das que falou Abel Caballero, López-Chaves asegurou que as solicitudes se recibiron “fai cinco días” e estanse tramitando “segundo o procedemento, sen pór obstáculos”. Ademais, precisou, dunha das obras “nin sequera presentouse á solicitude”.

Pequenos focos da covid en centros de Covelo e da Guarda

0

A Consellería de Política Social notificou este venres de Nadal o positivo por coronavirus de cinco anciáns en residencias que ata o momento non contabilizaban ningún caso. En concreto, contaxiáronse tres usuarios do centro San Bartolomeu de Xove (Lugo), un na residencia de Trabada (Lugo) e outro na de Covelo (Pontevedra).

Ademais, o brote rexistrado no xeriátrico Monte Tecla da Guarda aumenta a un total de seis positivos despois de sumarse outros dous anciáns cunha PCR positiva.

No entanto, o cómputo global de usuarios de residencias de Galicia con coronavirus descendeu a 100, unha decena menos que 24 horas atrás, debido a que tamén se deron 16 altas –13 na Soremay de Pontevedra, dúas na Pontevedra de Vilaboa e unha no CRAPD Vigo II– e faleceu un usuario do CRAPD Vigo II.

Despois destas variacións, a DomusVi Vimianzo mantense este venres como o centro que máis casos activos de covid-19 entre os seus usuarios contabiliza, cun total de 19. Seguen a esta A Saleta de San Cristovo de Cea, con 15 infectados, o CRAPD Vigo II, con outros 15, e o xeriátrico Pontevedra de Vilaboa, con 10. Toda a información en Galicia Confidencial.

“O concerto comezou a encherse, estabamos todos saltando, tremeu o chan e caemos”

O accidente sufrido o pasado domingo no peirao de Vigo durante o concerto do rapeiro Rels B., dentro do programa de concertos do festival O Marisquiño, foi unha experiencia angustiosa para centos de persoas.

Afortunadamente, non hai que lamentar mortos, e dos máis de 300 feridos só 5 son graves e evolucionan favorablemente, como vén de celebrar o alcalde vigués. Nesta tarde de luns, numerosos medios de comunicación de todo o Estado achegáronse ao lugar dos feitos.

Os medios de comunicación, no peirao de Vigo/ Miguel Núñez

O acontecido tamén espertou a curiosidade de miles de vigueses, que respectaron onte á noite a actuación dos corpos de seguridade e hoxe quixeron botar unha ollada, sen traspasar as barreiras, do estado dun peirao vixiado pola Policía Nacional.

Eles encárgase de manter a orde e de que ninguén se achegue máis do permitido á zona, totalmente afundida.

De feito, no momento de visitar o lugar os reporteiros deste xornal, o nivel do mar chegaba a superar as táboas caídas. Se a auga se atopara a esta altura no momento do accidente, a traxedia podería ter sido moito maior.

Un gran número de persoas achegáronse durante todo o día á zona do accidente/ Miguel Núñez

Este grupo de mozos viaxaron desde a provincia de Ourense para desfrutar do Marisquiño, que congrega á mocidade de toda Galicia. Non levaban nin 5 minutos de concerto cando todo aconteceu.

De súpeto, un deles flotaba como podía enriba dun contedor do lixo. Foi complicado para eles saír de alí, aseguran, mais só un sufriu unha lesión leve, no xeonllo.

Grupo de amigos que caíu durante o accidente, mais só un sufriu lesións leves/ Miguel Núñez

Falamos cun traballador do quiosco que se atopa ao carón do escenario. Non viu o accidente. Pensaba ao comezo que os gritos eran parte da euforia. Logo comezou a ver á xente correr dun lado a outro, angustiada.

Shara Pérez, unha das vítimas do acontecido, que afortunadamente só sufriu feridas leves, recórdao perfectamente: “O concerto levaba unha canción, e na segunda comezou a encherse o lugar, estabamos todos saltando, estaba con dúas amigas máis, tremeu o chan e caemos. Foi todo rapidísimo”.

Tentan gravar máis de cerca o peirao afundido/ Miguel Núñez

Estaban lonxe da peor zona, pero intentaban saír e “a plataforma seguía afundíndose, a xente caía encima túa. Subín bastante rápido porque só me caeron dúas persoas enriba, e intentabamos non esmagar ás que estaban abaixo. Subín, subín á miña amiga, e mirabas como a madeira tiña ocos, rompera por zonas. Pedíamos que fixeran oco para pasar e ninguén se movía, tiñas que empurrar á xente para poder avanzar”.

Unha vez arriba, a xente non se movía porque non se enteraran do que pasara. Pensaban que só caera unha valla e que algunha persoa estaría danada, pero non que caeran ao mar. “Desde o escenario, pedían que a xente se movera, que o concerto estaba cancelado. Costou moitísimo saír de alí, a xente non se movía”, asegura a moza.

“Aínda menos mal, porque nos cadrou estar preto da zona que non cedeu, pero outras persoas tardaron moitísimo en subir porque lles caeu todo o mundo enriba, uns esmagaban aos outros”, recorda.

Multitude de persoas na zona do accidente do Marisquiño/ Miguel Núñez

“Do meu grupo de amigas, unha caeu na auga, outra bateu coa mandíbula cunha táboa, e costáballe movela, pero sabíamos que había xente que estaba peor e preferimos non molestar ás ambulancias. A min dóeme as costas da xente que me caeu enriba, pero estou ben. A outra xente si que se lle miraba mal”, recorda.

Forte presencia policial no lugar dos feitos/ Miguel Núñez

Tres detidos por agrediren unha parella de octoxenarios para roubarlles

0

Axentes da Brigada de Seguridade Cidadá e do grupo UDEV-Roubos da Comisaría de Vigo detiveron a tres homes, un veciño de Mos (Pontevedra) de 35 anos de idade, e dous veciños da cidade olícica, de 33 e 42 anos, como presuntos autores dun roubo con violencia, por golpear a unha parella de octoxenarios na súa casa para subtraerlles xoias e diñeiro.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos remóntanse ao pasado 28 de xullo, cando esta parella de anciáns atopábase no seu domicilio, vendo a televisión no salón, e tres encapuchados irromperon na vivenda. Os ladróns inmobilizáronos e esixíronlles o diñeiro e as xoias que tivesen. Cando as vítimas se resistiron, comezaron a golpealos e a ameazalos, polo que acabaron entregándolles o botín.

O matrimonio avisou á Policía que, tras unha inspección ocular no domicilio, comprobaron que a porta de entrada non presentaba signos de forzamiento, polo que preguntaron ás vítimas se perderan as chaves de casa.

SUBTRACCIÓN DAS CHAVES

A muller confirmou que facía días que botaba de menos a súa copia e as chaves, polo que as pescudas centráronse en lugares que frecuentara a señora nos días previos, e iso puxo aos axentes sobre a pista de tres sospeitosos. Así, a Policía pescudou que o matrimonio estivera na terraza dunha cafetaría, lugar no que coincidiran cos presuntos ladróns.

A Policía despregou un dispositivo de control sobre os sospeitosos, que permitiu localizar parte das xoias roubadas e, tras esperar uns días, púidose recuperar o groso do botín.

A partir de aí, procedeuse á detención do tres homes, en diferentes puntos de Vigo, e trasladóuselles a Comisaría, onde se comprobou que, entre todos, suman máis de 35 antecedentes por diversos delitos (entre eles, roubos). Os arrestados e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 da cidade olívica.

Ponteareas e Vigo asinan un acordo pola inserción laboral das persoas autistas

O concello de Ponteareas e a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo
(TEAVI) asinaron un convenio de colaboración de inserción laboral co obxectivo de
“asegurar a inclusión e o acceso das persoas con autismo a un entorno laboral
competitivo, mediante a optimización e mellora do seu rendemento, facilitándolles a
realización de prácticas formativas que permitan a súa posterior insercón no mercado
de traballo”.

O concello de Ponteareas facilitará as súas instalacións para as prácticas formativas acordadas durante os vindeiros dous anos. No marco do programa “Axúdalle a encaixar” esta iniciativa procura prácticas formativas en empresas ou administracións públicas, orienta e asesora ás persoas e familias con TEA, e ademais “apoia ao traballador no desenvolvemento de habilidades sociais comunitarias e ofrece estratexias de aprendizaxe para a realización de tarefas inherentes ao posto de traballo, ademais de realizar un seguemento da persoa e avaliación do procecemento de inserción do posto de traballo”.

Para a concelleira de Ensino de Ponteareas, Cristina Fernández, este convenio supón “un paso máis no compromiso de garantir a integración e a igualdade, aportando ferramentas a aqueles que máis o precisan e traballando para que Ponteareas teña un futuro máis
comprometido e participativo”.

Por que os turistas visitan Vigo?

1

O sector turístico en Vigo segue a medrar sen parar. Nos primeiros sete meses do ano, con agosto aínda sen contabilizar, as chegadas de visitantes ascenden a 229.000, é dicir, un 0’33% máis que no mesmo período do ano pasado. Pola súa banda, as pernoctacións ascenden a 443.000, un 1% máis. A partir destes datos pódese concluir que de media os turistas que visitan a cidade quedan case dúas noites.

Segundo un estudo da Xunta, o primeiro motivo de que os turistas recalen en Galicia é o medio natural e o paisaxe do país (42’5%), seguido pola enogastronomía (25’8%) e o descanso (24’9%). Vigo posúe unha das contornas naturais máis destacables de toda Galicia: As Illas Cíes, que son un gran reclamo turístico.

Paula Rivera, que traballou ata fai pouco tempo no posto de venda de billetes das Illas Atlánticas, explica que é máis común que os turistas vaian a Cíes mentres que as persoas locais ou das Rías Baixan opten por Ons: “A xente de aquí foi a Cíes moitas veces, polo que para descubrir cousas novas vai para Ons por cambiar un pouco”.

Illas Atlanticas
Praia de Rodas, nas illas Cíes / © Miguel Nuñez

En canto á nacionalidade das persoas que acoden ás Illas, lembra que había unha maioría de persoas españolas, pero indica que as persoas estranxeiras eran unha porcentaxe para nada desprezable: “Son moi comúns os franceses, ingleses ou alemáns”, explica Rivera.

Por outra banda, o perfil que elabora é dunha persoa de mediana idade e cun gran poder adquisitivo: “Obviamente eu non lles vin o que tiñan ou o que deixaban de ter no peto, pero dende logo non parecía que se queixaran polo prezo dos billetes á Cíes”. O prezo da viaxe durante xullo e agosto é de 18’50 euros, mentres que en temporada baixa descende a 16 .

EXPERIENCIAS

Pol e Rubén, de Barcelona, visitaron precisamente as Illas Cíes fai uns días: “Son moi bonitas e están moi coidadas, realmente é un medio natural incrible”, destacan. Levan en Galicia unha semana e antes de ir a Vigo, estiveron en Compostela e Pontevedra: “Pensamos que non é unha ruta habitual, pero nos gusta descubrir e ver todo ben cando viaxamos”. O que máis destacan da súa estancia en Galicia é por unha banda a Catedral de Santiago que cualifican de “xoia arquitectónica” e o Casco Vello de Vigo polo cheo de vida que está e o amable que é a xente.

John e Jessica son un matrimonio inglés que leva dúas noites en Vigo. “Coñecemos a cidade nun cruceiro que fixemos o ano pasado, gustounos moito polo que decidimos volver este verán”. O que máis lle gusta á parella é a amabilidade da xente os “lugares románticos” que ten a cidade e o que menos, o transporte: “Realmente agora que levamos uns días aquí, dámonos conta do mal comunicada que está a cidade, iso ten que cambiar”, reclaman.

Casco vello de Vigo / © Miguel Núñez.

Juan, sevillano, tamén destaca a amabilidade dos vigueses. Esta é a terceira vez que visita a cidade: “As outras dúas veces foron por compromisos laborais, pero por fin podo desfrutar da cidade con tranquilidade”. Tamén destaca a gastronomía e comenta que para el é imprescindible subir ata O Castro cada vez que ven aínda que sexa nun pequeno oco: “Paréceme un sitio impresionante e demostra unha configuración da cidade curiosa e atraínte”, comenta.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed