Inicio Blog Páxina 1587

‘Lüften’ Coñece as técnicas de ventilación alemás para combater o coronavirus en espazos pechados

A principios de xullo, máis de 200 científicos pediron á Organización Mundial da Saúde (OMS) e a outras autoridades que tomasen máis en serio o risco de transmitir o coronavirus a través de aerosois . Existe un potencial considerable para inhalar gotiñas microscópicas contaminadas co virus desde unha distancia curta a media. Un estudo mesmo atopou que a carga viral dos aerosois podería ser mesmo maior do que se pensaba, atopando restos do virus a 10 metros dunha persoa infectada.

A mediados de agosto o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán – coas siglas BMAS – formulou por primeira vez desde o inicio da pandemia unha normativa nacional específica de seguridade e saúde que regulaba a protección contra o COVID19 no traballo. As técnicas de ventilación de espazos pechados xogaron entón un papel importante.

En España, o Ministerio de Sanidade Español recoñecía esta mesma semana que a maior parte dos contaxios desta segunda ola están a producirse principalmente no ámbito familiar, onde as persoas relaxaron as medidas de seguridade básicas polo feito de reunirse con familiares nun espazo privado, pero que non forman parte do grupo de convivencia estable. En xullo de 2020 o Ministerio de Sanidade publicaba unha guía de recomendacións de operación e mantemento dos sistemas de climatización e ventilación en edificios e locais. Neste documento xa se falaba da transmisión por aerosois, máis tiña maior importancia a transmisión por “gotas ou contacto” “Estas vías de transmisión se producen de forma simultánea y paralela, siendo la el principal mecanismo la transmisión por gotas y contacto.”

A OMS recoñece agora o erro de infravalorar a pontecialidade de infección que representan a “transmisión aérea”. José Luis Jiménez, experto en aerosois da Universidade de Colorado en Boulder (Estados Unidos), advirtía sobre o perigo de volver ás clases sen ter en conta o risco que supoñen os espazos mal ventilados ocupados por moita xente e criticaba abertamente que a OMS non dese a oportuna importancia a esta vía de transmisión . Os aerosois “son como o fume: se ti estás nun local con alguén infectado, e o local ten pouca ventilación, vaise acumulando o “fume” e podes infectarte ainda que estés a máis de dous metros.“

A adopción por sistema destas técnicas de ventilación de espazos pechados poden axudar a combater a propagación do virus, sobre todo nas aulas.

Pero ainda que a medida poida resultar absurda, básica ou simplista “é un dos xeitos máis baratos e eficaces para conter a propagación do virus” segundo aseguran os expertos e recalcou esta mesma semana a chanceler Angela Merkel.

Dende que se soubo que o 90% dos pacientes con Covid-19 se contaxian en interiores, a posta en práctica da medida pasou a implantarse por sí mesma e agora acaban de ser engadidas nas directrices de recomendacións sanitarias básicas do goberno alemán para facer fronte ao virus engadida ás xá comúnmente coñecidas como son o distanciamento, a hixiene e uso da máscara.

Agora, cun inverno ás portas, son a nova punta de lanza do goberno alemán para combater o coronavirus.

Aquí desgranamos todo o que se sabe, en base á experiencia e estudos no goberno xermano.

Para os alemáns non resulta unha medida nova, xa que teñen por costume abrir as fiestras habitualmente varias veces ao día, incluso no inverno. Ata o punto que nalgúns contratos de aluguer o establecen como cláusula do contrato para evitar moho, humidades e malos cheiros.

A ventilación regular por choque -Stosslüften- en todas as habitacións pode reducir considerablemente o perigo de infección

Os tipos de ventilación

En alemaña existen varias técnicas de ventilación (Lüften, que significa “ventilar” en alemán): A ventilación de choque, o Stosslüften, que implica abrir de par en par unha ventá pola mañá e pola tarde durante polo menos 5 minutos para permitir que circule o aire. A ventilación cruzada Querlüften, na que todas as ventás dunha casa ou piso abrénse de par en par para retirar o aire viciado e deixar que entre aire renovado e fresco.

“A ventilación regular por choque –Stosslüften– en todas as habitacións pode reducir considerablemente o perigo de infección“, aseguran dende o goberno.

Mesmo sen o coronavirus, Martin Kriegel, enxeñeiro e analista de corrente aérea na Universidade Técnica de Berlín, dixo ao prestixioso diario Die Zeit: “hai evidencias claras de que a calidade do aire nas oficinas está correlacionada co número de días que os traballadores están de baixa“.

Como ventilar con eficacia?

Basicamente, a nova normativa de seguridade laboral do BMAS alemán recomenda a apertura das fiestras como a forma máis sinxela de ventilación. Debería facerse cando se inicia a actividade nesa habitación e despois a intervalos regulares.

En xeral, debe evitarse permanecer en estancias masificadas e mal ventiladas. Nas estancias sen ventilación técnica (sistemas de renovación de aire), as fiestras deben abrirse con moita máis frecuencia do habitual. Incluso a Axencia Federal de Medio Ambiente recomenda a ventilación despois de cada estornudo ou tose por algunha das persoas que está no interior desa estancia.

A recomendación sería a de propiciar aire fresco de 3 a 10 minutos con ventilación por choque como mínimo cada 60 minutos en oficinas e cada 20 minutos nas salas de reunións. A maior frecuencia de ventilación, maior eficacia.

A ventilación pódese comprobar medindo o contido de dióxido de carbono na habitación. O valor debe manterse por debaixo das 1000ppm de CO2.

Son perigosos os sistemas de aire acondicionado?

A clave segundo indican os expertos estaría no tipo de filtros e se o sistema toma aire exterior para renovalo. Se a máquina conta con filtros HEPA de clase H13 ou con toma de aire exterior non hai perigo ningún, é máis, recomendan o seu funcionamento contínuo para renovar o aire. Se non hai sistema de filtrado ou subministro de aire exterior, neste caso a recomendación é evitar o funcionamento dese sistema de ventilación na medida do posible. E se esa estancia non ten alternativa de ventilación, evitar o seu uso.

E os purificadores de aire fan algo co coronavirus?

Si, os purificadores de aire poden reducir significativamente a concentración de aerosois en estancias pechadas, tal e como o demostrou un estudo recente da Universade de Bundeswehr de Múnic. Segundo os resultados do estudo ata o 99,99% de todos os aerosois filtráronse do aire en probas cos dispositivos.

Pero no caso do coronavirus é requisito que os purificadores de aire teñan un filtro de tipo HEPA clase H13 e teñen que ter unha potencia de renovación de aire acorde ao tamaño da habitación para que sexa capaz de absorver todas as partículas en suspensión.

E os ventiladores e sistemas de aire acondicionado portátiles?

No caso dos elementos que removen o aire, como os ventiladores ou mesmo os sistemas de aire acondicionado portátiles, está desaconsellado o seu uso salvo que sexa para uso individual, é dicir que esteas ti só nesa habitación. O motivo sería que o fluxo de aire contribúe á distribución dos aerosois en todo o habitáculo e por tanto axuda na dispersión do virus pero non o elimina.

A ventilación nas escolas

As escolas, considéranse cada vez máis como un campo de probas para saber como a sociedade pode aprender a convivir coa enfermidade, adoptaron esta práctica dende hai tempo en Alemaña.

A “Comisión de hixiene do Aire interior ” da Axencia Federal de Medio Ambiente alemá, contou coa opinión de cinco expertos en diversos campos; dende a mecánica de fluídos ata os hixienistas e expertos en aerodinámica do aire en interiores, reforzaron a importancia de airear as aulas “intensamente coas xanelas abertas”. Manter as xanelas inclinadas (abatidas) ou lixeramente abertas de xeito permanente non é suficiente nas aulas con moitos alumnos.

A recomendación sería de abrir totalmente as ventás cada 15 ou 20 minutos, durante 5 minutos se estamos en primavera ou en outono e durante 3 minutos se estamos no inverno.

Segundo os expertos, as salas nas que se practican deportes deberían ventilarse moito máis frecuentemente; a comisión recomenda cinco veces por hora ou máis.

E que pasa no inverno e a perda de calor?

En alemaña hai un dito das persoas que non creen nas medidas de ventilación que traducido queren dicir algo así como “que ninguén morreu polo cheiro, pero sí polo frío” para rexeitar ventilar as estancias durante o inverno.

Pero neste caso non é só polo cheirou ou pola humidade, se non que a causa é moito máis importante, rebaixar a carga vírica dunha estancia pechada.

Segundo os estudos da Universidade de Múnic, neste caso o recomendable sería o uso de purificadores de aire móbiles para filtrar os aerosois infeciosos, para evitar a perda de enerxía nos climas máis fríos.

Un traballador resulta ferido grave ao cortarse cunha motoserra en Nigrán

Un home resultou ferido de gravidade tras cortarse cunha motoserra mentres traballaba, no municipio de Nigrán.

O 112 recibiu o aviso sobre as 18,00 horas. O ferido traballaba preto da estrada que une as parroquias de Chandebrito e Camo, e o servizo de emerxencias solicitou a intervención dos axentes da Garda Civil e Policía Local.

Os servizos sanitarios pediron nun primeiro momento a presenza do helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que o ferido foi evacuado finalmente en ambulancia.

Marea de Vigo pide que se publiquen os estudos dos comités que analizan as novas concesións de auga e transporte

Marea de Vigo-Son En Común demandou a publicación dos estudos dos comités técnicos multidisciplinares que analizan as novas concesións de auga e transporte da cidade olívica, dado que as vixentes caducarán durante esta lexislatura.

A formación criticou que non estivese representada no comité técnico e móstrase  contraria á súa composición. Ante esta situación, esixiu que, polo menos, o traballo realizado por este equipo se publique.

Tamén apostou por que o debate técnico inclúa propostas cidadás e dos grupos da corporación municipal e reprobou que non se trasladou información sobre o traballo realizado ata ese momento.

Así, sinalou que espera que non se presente un proxecto definitivo sen contar con distintas opinións e avogou pola utilización de mecanismos de transparencia, como a publicación das actas da mesa.

Ademais, advertiu de que é posible que non se aborde a posibilidade dunha xestión pública e remarcou a importancia de que os modelos se axusten ás necesidades da cidade, en lugar das empresas privadas que opten á prestación dos servizos.

O Goberno autoriza ampliar o peirao pesqueiro de Vigo

A Dirección Xeral da Sustentabilidade da Costa e o Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, deu luz verde ao proxecto de ampliación da explanada anexa ao porto pesqueiro de Vigo, o que permitirá gañar 8.300 metros cadrados á beira da lonxa.

Segundo comunicou a Autoridade Portuaria de Vigo, a obra foi adxudicada por case tres millóns de euros, e o período de execución é de 12 meses. O Porto de Vigo lembrou que a actual situación de pandemia obriga a tomar medidas para garantir a seguridade sanitaria do peixe e marisco, o que implica unha ampliación e adecuación das instalacións da lonxa. Así, defendeu o organismo, mellorarase a operativa de carga e descarga por vía terrestre.

A ampliación concretarase coa construción dun peirao con bloques prefabricados, o que obrigará a facer un dragado que permita a obra e o aumento de calado ata os 8,5 metros nalgunhas zonas, que se dedicarán a atracada. Esta actuación é o paso previo para acometer a ampliación da lonxa, “á vista das necesidades de espazo que existen actualmente, como consecuencia das restricións establecidas pola crise sanitaria“, explicou o Porto.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Por outra banda, a Autoridade Portuaria de Vigo lembrou que prevé investir 8 millóns de euros nos próximos meses en diversas actuacións de mellora e modernización da lonxa pesqueira. Así, xa se instalou unha marquesiña e mellorouse a instalación de frío da lonxa; e estanse executando obras como a ampliación do departamento de usuarios (adxudicada por case un millón de euros), coa construción dunha zona acristalada en altura, con vistas á sala de poxas.

Tamén se adxudicou a mellora do peirao do porto pesqueiro, no que se acometerán traballos de limpeza, estabilización e reforzo do paramento do peirao mergullado. Finalmente, adxudicouse por máis de 2,6 millóns de euros a mellora da eficiencia enerxética da lonxa, para que funcione con enerxías renovables. Así mesmo, está a estudarse a instalación de sistemas de xeotermia na zona do Mercado.

A alcaldesa de Moraña non declara no proceso separado contra ela pola Operación Patos

Luisa Piñeiro (PP), alcaldesa en funcións de Moraña (Pontevedra), compareceu este xoves nos xulgados de Pontevedra, investigada nunha peza separada da chamada Operación Patos, relativa a supostas irregularidades na adxudicación dunhas obras dun campo de fútbol subvencionadas pola Deputación de Pontevedra, que entón presidía Rafael Louzán.

Segundo confirmou a propia rexedora, que xa declarou hai anos como testemuña, a súa citación como investigada nesta causa fíxose “con moita prema” e non tivo acceso á información do procedemento, por iso acolleuse ao seu dereito a non declarar.

Nesa citación recóllese que é chamada a comparecer ante o xulgado como suposta cooperadora necesaria nunhas presuntas irregularidades relativas á tramitación dunha modificación (para ampliar) do proxecto do campo de fútbol.

Ese expediente tramitouse en 2013 e a Fiscalía sospeita que houbo irregularidades na adxudicación á construtora Eiriña (cuxo dono, Enrique A.P., é considerado o xefe da trama) dunha ampliación do proxecto.

Ademais da rexedora, nesta peza separada tamén figuran como investigados Enrique A.P e outro directivo de Eiriña; a exsecretaria provincial do PP, Begoña Estévez (que tivo responsabilidades de contratación na Deputación); o arquitecto que asinou o modificado da obra; dous empresarios; un técnico da Deputación; e o propio expresidente da institución provincial e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

O Concello de Vigo trasladará o borrador do PXOM a colectivos e a Federación Veciñal acúsao de falta de información

O Concello de Vigo reunirase con “todos os colectivos significativos da cidade” nos distintos barrios para “dialogar” sobre o borrador do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) desde o vindeiro luns e durante un mes, co fin de informarlles respecto da súa tramitación.

Así o avanzou este martes o alcalde, Abel Caballero, quen explicou que o obxectivo desta iniciativa pasa por “someter a coñecemento dos cidadáns” o texto. Do mesmo xeito, apuntou que as reunións se realizarán de acordo con protocolos COVID-19 no museo Verbum e que se limitará o número de asistentes.

Abel Caballero indicou que os colectivos manterán encontros coa concelleira de Urbanismo e cuarta tenente de alcalde, María José Caride, e o equipo da Xerencia Municipal de Urbanismo. Do mesmo xeito, asegurou que o goberno local manterá un “diálogo aberto con toda a cidadanía” respecto diso.

O rexedor lembrou que está en proceso a avaliación estratéxica ambiental do documento, sobre o que apuntou que se atopa nunha fase “moi inicial”. En concreto, o pasado mes de xuño a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou a tramitación ambiental do futuro plan de urbanismo, tras o que se abriu o prazo de consultas previas.

Así as cousas, Abel Caballero insistiu en que o goberno local busca que a exposición pública da avaliación estratéxica ambiental se realice “con diálogo” e afirmou que se resolverán as dúbidas dos cidadáns. Ademais, avanzou que se recollerán as súas suxestións e que se introducirán no plan as que “se consideren razoables”.

Así mesmo, o alcalde indicou que se celebrarán “máis reunións co estudo en detalle” tras o avance do proceso administrativo. Tamén lembrou que o PXOM “ten condicionantes legais” e débese adaptar a unha normativa autonómica que “prohibe cousas que estaban no anterior plan”, anulado polo Tribunal Supremo en 2015. Con todo, apuntou que “agora a relación (do goberno local) coa Consellería de Medio Ambiente é fluída e é boa”.

CRÍTICAS DA FEDERACIÓN VECIÑAL

Pola súa banda, a Federación Veciñal Eduardo Chao de Vigo criticou a “falta de información” aos colectivos veciñais que achega o documento urbanístico, e sinalou que, salvo a asociación de veciños de Coruxo, a maior parte de asociacións non foron convocadas.

A presidenta da Federación, María Pérez, sinalou que esta organización está a manter reunións pola súa conta para informar os veciños do Plan Xeral e asegurou que, neste documento, están “afectadas” 4.531 vivendas, 731 locais industriais e 28 locais comerciais ao longo de todo o territorio municipal.

“É un plan feito ás costas dos veciños, non temos información para poder presentar alegacións (…), o único que temos a disposición é unha ligazón na web do Concello e non todo o mundo sabe interpretar os planos”, sinalou.

Á marxe da PXOM, a Federación Veciñal de Vigo volveu criticar este martes o “total abandono” das parroquias por parte do goberno local, e denunciou danos, falta de limpeza ou iluminación insuficiente en zonas como San Roque, Freixeiro, Coruxo ou Bembrive.

Piden 11 anos de cárcere para unha nai e o seu fillo por reter contra a súa vontade a noiva deste

A Fiscalía pide penas que suman 11 anos de cárcere para unha nai e o seu fillo, que serán xulgados o martes na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acusados dun delito de detención ilegal por reter contra a súa vontade a noiva del.

Segundo o escrito de acusación pública, en febreiro de 2017, o acusado iniciou unha relación de parella coa vítima, que era menor de idade, e a nena foi vivir con el e coa súa nai á súa vivenda, nunha barriada xitana do partido xudicial de Vigo.

Aos poucos días de estar alí, a menor trasladou o seu noivo e a nai deste que xa non quería seguir vivindo con eles, momento en que ambos a retiveron contra a súa vontade nesa vivenda.

Os acusados só permitiron á nova saír da vivenda durante a primeira semana, e sempre o facía en compañía do seu noivo. A partir dese momento, prohibíronlle saír, e só a deixaban comunicarse por teléfono coa súa familia cando os acusados estaban presentes “para evitar que comentase o que lle estaba pasando”.

A menor estivo encerrada durante un mes ata que, nun descoido dos seus captadores, puido contactar coa súa nai, que avisou a Policía. Os axentes liberaron á nena o 21 de marzo de 2017.

PETICIÓN DE PENAS

Por estes feitos, a Fiscalía considera a ambos os acusados autores dun delito de detención ilegal, aínda que no caso do fillo, pide que se lle aplique a eximente incompleta de alleamento mental.

A ese respecto, a acusación pública sinala que o acusado ten “un atraso madurativo e coeficiente intelectual límite”, por baixo da media na súa idade. Así mesmo, apunta que é unha persoa dependente, que necesita apoio de terceiros para realizar trámites xurídicos ou administrativos e que a súa situación de “vulnerabilidade”, faino “facilmente manexable”.

Ten ademais, engade a Fiscalía, “unha precaria conciencia da súa enfermidade e unha diminución parcial da súa capacidade intelectiva e volitiva”.

Por iso, pide para el a pena de catro anos de prisión, mentres que para a súa nai solicita a pena de sete anos de cárcere. Así mesmo, reclama que se impoña a ambos os dous a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 10 anos.

Comeza a demolición da bancada do Marcador en Balaídos

As obras de demolición da antiga bancada do estadio municipal Abanca Balaídos comezaron formalmente este luns, e desenvolveranse ao longo do próximo “mes ou mes e medio”, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, que lembrou que a nova bancada será financiada por Concello e Deputación, cun investimento duns 15,5 millóns de euros.

Segundo explicou o rexedor olívico en rolda de prensa, tras o traslado dos sistemas de cableado e do servizo de Bombeiros (que tiña un dos seus parques nos baixos do estadio), iniciaranse os traballos de derriba, que suporán demoler unhas 10.000 toneladas de formigón.

A nova bancada contará con novos accesos, 8 ascensores e asentos a pé de campo, en concreto, subliñou Caballero, “30 metros máis preto” do terreo de xogo.

O alcalde insistiu en que a práctica total da reforma do estadio está a ser sufragada por Concello e Deputación (ata agora o investimento ascende a 27,5 millóns de euros).

Asociacións veciñais de Vigo rexeitan que Caballero entregue o superávit do Concello ó Goberno: “debería empregarse en axudas sociais”

O vicepresidente da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) de Vigo, Óscar Álvarez, avanzou que esta entidade reunirase con alcaldes da área metropolitana e, mediante outras asociacións veciñais, con rexedores de toda a comunidade, para expresar o seu rexeitamento á aceptación da proposta do Ministerio de Facenda sobre os remanentes por parte da FEMP.

En concreto, este luns, a federación municipalista aceptou co único apoio do PSOE a proposta pola que os concellos poderán pór os seus remanentes a disposición do Executivo, que llos devolverá nun prazo de dez anos con intereses. O acordo, rubricado este martes, establece tamén a prórroga para 2020 da regra especial do destino do superávit de 2019, así como a do procedemento de execución de investimentos financieramente sustentables iniciadas en 2019 con cargo ao superávit de 2018.

O vicepresidente da Favec lamentou que o voto de calidade do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, fose determinante para a aceptación desta proposta nun momento no que familias e comerciantes de cidade olívica atópanse nunha difícil situación económica.

Deste xeito, reprobou que o Goberno central vaia a recibir os “aforros” da urbe, que, ao seu xuízo, “deberían destinarse a axudas sociais” e a apoiar o comercio de proximidade. Así, Óscar Álvarez asegurou que entre 20 e 25 persoas contactan coa Favec cada semana para solicitar apoio para afrontar as súas necesidades económicas e recalcou que un gran número de establecementos da cidade afrontan perdas, polo que pecharán nos próximos meses.

Tamén afirmou que a ONG Provivienda, a través da que o Concello avala a persoas vulnerables para que poidan acceder ao aluguer dun inmoble, carece de recursos para apoiar a máis cidadáns.

REUNIÓNS CON ALCALDES

Por iso, o vicepresidente da Favec incidiu na necesidade de que o Concello olívico “quede co seu diñeiro” para investilo na cidade e avanzou que a entidade se reunirá con alcaldes galegos para expresar o seu rexeitamento á proposta aceptada pola FEMP.

Ademais, o portavoz da Asociación de Veciños de Coruxo, Adolfo Domínguez, asegurou que as arcas municipais dispoñen de ao redor de 90 millóns de euros aforrados, o que representa unha contía de 300 euros por persoa. No entanto, lamentou que non se acometeron melloras no saneamento, a limpeza e o acceso á auga potable na parroquia de Coruxo.

Pola súa banda, Abel Caballero defende que a proposta aceptada pola FEMP representa a única vía para habilitar o uso dos remanantes dos municipios sen que estes incorran en déficit debido á vixencia Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira.

O Orgullo de Vigo camiña cara a igualdade con voces que animan a loitar

0

Centos de persoas manifestáronse en Vigo por mor do Orgullo LGBT para reivindicar os dereitos desta comunidade e unha igualdade real. Foi un acto central dunha xornada que puxo fin a unha semana conformada numerosas actividades e que tivo o seu colofón nunha mobilización presidida por unha faixa lembrando os 50 anos da revolta de Stonewall, orixe da celebración deste día.

A manifestación, organizada pola asociación Nós Mesmas,  tivo un percorrido similar ao de anos anteriores: Saíu da Praza da Pedra e pasou pola rúa Príncipe, Colón e Policarpo Sanz para rematar nun mesmo punto dun xeito circular. Xusto antes de emprender a marcha, a karateka compostelá Cristy Tojo, unha das poucas deportistas de alto nivel que que admitiu publicamente a súa pertenza á comunidade LGBT, leu o pregón. Cando rematou a mobilización, a actriz Paula Pier fixo o propio.

Faixa que presidiu o Orgullo de Vigo en lembranza de Stonewall / Miguel Núñez

REACCIÓNS

“Foi un Orgullo moi similar a outros na cidade, non veu nin moita nin pouca xente.”, explica Marta González, unha das persoas que participaron. “A valoración que fago é boa pero sempre hai polémicas cos cánticos, porque moitas hai consignas que exclúen as persoas trans”, aínda que engade que “pouco a pouco parece que se vai superando”. Pedro Araújo sinala a este respecto o bo labor da organización que solucionou a problemática “pasando o megáfono entre asistentes e que así todo o mundo estivera representando”.

Respecto á elección de reivindicar Stonewall, González o ve dun xeito moi positivo: “Paréceme ben que se lembre onde está a orixe, sobre todo porque esta é unha manifestación que se transforma sempre nunha festa. Hai demasiada batukada. Realmente os momentos reivindicativos quedan para os pregóns e ás veces son tapados por todo o demais”, explica. Araújo considera que para ir neste camiño, a propia comunidade é a que ten que concienciarse: “O cambio de perspectiva ten que ser noso, aínda que penso que imos polo bo camiño, por exemplo un dos lemas do Orgullo animaba precisamente a iso”.

González tamén é crítica coa propia programación do evento: “Está ben que se reivindique que o Orgullo é loita pero se logo da manifestación hai un concerto hai algo que non cadra”. Di que ela estaría máis satisfeita con outra clase de eventos “que inviten máis á reflexión, como un recital de poesía”, aventura baseándose nas actividades doutras edicións.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed