A principios de xullo, máis de 200 científicos pediron á Organización Mundial da Saúde (OMS) e a outras autoridades que tomasen máis en serio o risco de transmitir o coronavirus a través de aerosois . Existe un potencial considerable para inhalar gotiñas microscópicas contaminadas co virus desde unha distancia curta a media. Un estudo mesmo atopou que a carga viral dos aerosois podería ser mesmo maior do que se pensaba, atopando restos do virus a 10 metros dunha persoa infectada.
A mediados de agosto o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán – coas siglas BMAS – formulou por primeira vez desde o inicio da pandemia unha normativa nacional específica de seguridade e saúde que regulaba a protección contra o COVID19 no traballo. As técnicas de ventilación de espazos pechados xogaron entón un papel importante.
En España, o Ministerio de Sanidade Español recoñecía esta mesma semana que a maior parte dos contaxios desta segunda ola están a producirse principalmente no ámbito familiar, onde as persoas relaxaron as medidas de seguridade básicas polo feito de reunirse con familiares nun espazo privado, pero que non forman parte do grupo de convivencia estable. En xullo de 2020 o Ministerio de Sanidade publicaba unha guía de recomendacións de operación e mantemento dos sistemas de climatización e ventilación en edificios e locais. Neste documento xa se falaba da transmisión por aerosois, máis tiña maior importancia a transmisión por “gotas ou contacto” “Estas vías de transmisión se producen de forma simultánea y paralela, siendo la el principal mecanismo la transmisión por gotas y contacto.”
A OMS recoñece agora o erro de infravalorar a pontecialidade de infección que representan a “transmisión aérea”. José Luis Jiménez, experto en aerosois da Universidade de Colorado en Boulder (Estados Unidos), advirtía sobre o perigo de volver ás clases sen ter en conta o risco que supoñen os espazos mal ventilados ocupados por moita xente e criticaba abertamente que a OMS non dese a oportuna importancia a esta vía de transmisión . Os aerosois “son como o fume: se ti estás nun local con alguén infectado, e o local ten pouca ventilación, vaise acumulando o “fume” e podes infectarte ainda que estés a máis de dous metros.“
A adopción por sistema destas técnicas de ventilación de espazos pechados poden axudar a combater a propagación do virus, sobre todo nas aulas.
Pero ainda que a medida poida resultar absurda, básica ou simplista “é un dos xeitos máis baratos e eficaces para conter a propagación do virus” segundo aseguran os expertos e recalcou esta mesma semana a chanceler Angela Merkel.
Dende que se soubo que o 90% dos pacientes con Covid-19 se contaxian en interiores, a posta en práctica da medida pasou a implantarse por sí mesma e agora acaban de ser engadidas nas directrices de recomendacións sanitarias básicas do goberno alemán para facer fronte ao virus engadida ás xá comúnmente coñecidas como son o distanciamento, a hixiene e uso da máscara.
Agora, cun inverno ás portas, son a nova punta de lanza do goberno alemán para combater o coronavirus.
Aquí desgranamos todo o que se sabe, en base á experiencia e estudos no goberno xermano.
Para os alemáns non resulta unha medida nova, xa que teñen por costume abrir as fiestras habitualmente varias veces ao día, incluso no inverno. Ata o punto que nalgúns contratos de aluguer o establecen como cláusula do contrato para evitar moho, humidades e malos cheiros.
Os tipos de ventilación
En alemaña existen varias técnicas de ventilación (Lüften, que significa “ventilar” en alemán): A ventilación de choque, o Stosslüften, que implica abrir de par en par unha ventá pola mañá e pola tarde durante polo menos 5 minutos para permitir que circule o aire. A ventilación cruzada Querlüften, na que todas as ventás dunha casa ou piso abrénse de par en par para retirar o aire viciado e deixar que entre aire renovado e fresco.
“A ventilación regular por choque –Stosslüften– en todas as habitacións pode reducir considerablemente o perigo de infección“, aseguran dende o goberno.
Mesmo sen o coronavirus, Martin Kriegel, enxeñeiro e analista de corrente aérea na Universidade Técnica de Berlín, dixo ao prestixioso diario Die Zeit: “hai evidencias claras de que a calidade do aire nas oficinas está correlacionada co número de días que os traballadores están de baixa“.
Como ventilar con eficacia?
Basicamente, a nova normativa de seguridade laboral do BMAS alemán recomenda a apertura das fiestras como a forma máis sinxela de ventilación. Debería facerse cando se inicia a actividade nesa habitación e despois a intervalos regulares.
En xeral, debe evitarse permanecer en estancias masificadas e mal ventiladas. Nas estancias sen ventilación técnica (sistemas de renovación de aire), as fiestras deben abrirse con moita máis frecuencia do habitual. Incluso a Axencia Federal de Medio Ambiente recomenda a ventilación despois de cada estornudo ou tose por algunha das persoas que está no interior desa estancia.
A recomendación sería a de propiciar aire fresco de 3 a 10 minutos con ventilación por choque como mínimo cada 60 minutos en oficinas e cada 20 minutos nas salas de reunións. A maior frecuencia de ventilación, maior eficacia.
A ventilación pódese comprobar medindo o contido de dióxido de carbono na habitación. O valor debe manterse por debaixo das 1000ppm de CO2.
Son perigosos os sistemas de aire acondicionado?
A clave segundo indican os expertos estaría no tipo de filtros e se o sistema toma aire exterior para renovalo. Se a máquina conta con filtros HEPA de clase H13 ou con toma de aire exterior non hai perigo ningún, é máis, recomendan o seu funcionamento contínuo para renovar o aire. Se non hai sistema de filtrado ou subministro de aire exterior, neste caso a recomendación é evitar o funcionamento dese sistema de ventilación na medida do posible. E se esa estancia non ten alternativa de ventilación, evitar o seu uso.
E os purificadores de aire fan algo co coronavirus?
Si, os purificadores de aire poden reducir significativamente a concentración de aerosois en estancias pechadas, tal e como o demostrou un estudo recente da Universade de Bundeswehr de Múnic. Segundo os resultados do estudo ata o 99,99% de todos os aerosois filtráronse do aire en probas cos dispositivos.
Pero no caso do coronavirus é requisito que os purificadores de aire teñan un filtro de tipo HEPA clase H13 e teñen que ter unha potencia de renovación de aire acorde ao tamaño da habitación para que sexa capaz de absorver todas as partículas en suspensión.
E os ventiladores e sistemas de aire acondicionado portátiles?
No caso dos elementos que removen o aire, como os ventiladores ou mesmo os sistemas de aire acondicionado portátiles, está desaconsellado o seu uso salvo que sexa para uso individual, é dicir que esteas ti só nesa habitación. O motivo sería que o fluxo de aire contribúe á distribución dos aerosois en todo o habitáculo e por tanto axuda na dispersión do virus pero non o elimina.
A ventilación nas escolas
As escolas, considéranse cada vez máis como un campo de probas para saber como a sociedade pode aprender a convivir coa enfermidade, adoptaron esta práctica dende hai tempo en Alemaña.
A “Comisión de hixiene do Aire interior ” da Axencia Federal de Medio Ambiente alemá, contou coa opinión de cinco expertos en diversos campos; dende a mecánica de fluídos ata os hixienistas e expertos en aerodinámica do aire en interiores, reforzaron a importancia de airear as aulas “intensamente coas xanelas abertas”. Manter as xanelas inclinadas (abatidas) ou lixeramente abertas de xeito permanente non é suficiente nas aulas con moitos alumnos.
A recomendación sería de abrir totalmente as ventás cada 15 ou 20 minutos, durante 5 minutos se estamos en primavera ou en outono e durante 3 minutos se estamos no inverno.
Segundo os expertos, as salas nas que se practican deportes deberían ventilarse moito máis frecuentemente; a comisión recomenda cinco veces por hora ou máis.
E que pasa no inverno e a perda de calor?
En alemaña hai un dito das persoas que non creen nas medidas de ventilación que traducido queren dicir algo así como “que ninguén morreu polo cheiro, pero sí polo frío” para rexeitar ventilar as estancias durante o inverno.
Pero neste caso non é só polo cheirou ou pola humidade, se non que a causa é moito máis importante, rebaixar a carga vírica dunha estancia pechada.
Segundo os estudos da Universidade de Múnic, neste caso o recomendable sería o uso de purificadores de aire móbiles para filtrar os aerosois infeciosos, para evitar a perda de enerxía nos climas máis fríos.