Inicio Blog Páxina 1574

H&M trasladará a tenda de Vigo sen despedir traballadoras

A cadea de moda H&M alcanzou un preacordo cos sindicatos para reducir o alcance do expediente de regulación de emprego (ERE) a un máximo de 349 traballadores, fronte aos case 1.100 afectados que propuxera inicialmente a empresa no mes de abril, segundo informou o sindicato Comisións Obreiras (CCOO) este venres.

Nese acordo figura, segundo informou CC.OO., que non se pechará a tenda da firma en Ourense –tampouco as de L’Ila e Loranca–, mentres que o establecemento que estaba previsto clausurar en Vigo trasladarase a outro lugar. O persoal desta última tenda formará parte dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) cun 80% de salario.

A formación sindical precisou que este preacordo terá que ser ratificado por cada unha das partes implicadas antes do próximo martes 25 de maio, cando está previsto que se realice a firma do acordo definitivo.

No proceso de negociación, os representantes dos traballadores e a empresa tamén acordaron unha serie de modificacións fronte ás propostas iniciais. Así, a adscrición ao ERE será voluntaria, tendo preferencia as persoas que foron afectadas inicialmente.

A indemnización será de 45/33 días por ano traballado máis unha prima por antigüidade. Os traballadores que teñan ata cinco anos, cobrarán 3.000 euros, entre cinco e dez anos, 4.000 euros; e máis de dez anos, 5.000 euros.

A cambio de reducir o número de despedimentos, a empresa reducirá a xornada para 170 persoas. Esta redución non será superior ao 20% e terá unha duración de dous anos, tras o cal revisarase para “poder volver á súa xornada inicial”.

“CCOO valora positivamente o preacordo alcanzado, que permitiu conseguir unha redución importante de persoas afectadas, a alternativa de vacantes e que aquelas persoas que finalmente abandonen a compañía fágano de maneira voluntaria e con boas condicións. Este acordo non fose posible sen o seguimento maioritario que se fixo das mobilizacións por todo o persoal”, subliñou o sindicato.

Vigo, a cidade na que máis tarde anoitece de Europa

A madrugada do próximo domingo, 25 de outubro, finalizará o horario de verán cando ás 03.00 horas se atrasen os reloxos e de novo volverán marcar as 02.00 horas en España. Deste xeito, recuperarase un ano máis o horario de inverno, de acordo coa Directiva Europea do Cambio de Hora que se aplica en todos os Estados da UE. Un cambio horario que, no caso de Galicia, está desfasado co resto do Estado, xa que, pola súa latitude corresponderialle o mesmo fuso horario que Reino Unido, Irlanda ou Portugal. Unha situación que provoca que Vigo sexa a cidade europea na que máis tarde anoitece, pero na que tamén custa máis madrugar.

En febreiro de 2018, a proposta de Finlandia, a Eurocámara votou sobre a posibilidade de terminar co cambio de hora. A pesar de recibir 384 votos en contra e tan só 153 a favor, o Parlamento Europeo comprometeuse a estudar a viabilidade do cambio de hora e abriu unha consulta pública, na que máis do 80% dos 4,6 millóns de cidadáns que participaron, mostráronse a favor de acabar cos cambios de hora.

Aínda que a Comisión Europea aprobou a eliminación do cambio de horario, en marzo deste ano a comisión de Transporte e Turismo do Parlamento Europeo apostou por atrasar ata o ano 2021 a eliminación do cambio de hora bianual proposto pola Comisión Europea para abril deste ano, de forma que as capitais tivesen máis tempo para decidir se o país queda co horario de verán ou o de inverno. Países como Portugal xa decidiron que continuarán co cambio de hora estacional.

As primeiras disposicións sobre o horario de verán adoptáronse en Europa en 1980 e desde o ano 2000, coa mencionada directiva, quedaron establecidas as regras que marcan o seu inicio en marzo e a súa finalización en outubro.

O cambio de hora empezou a xeneralizarse a partir de 1974, a partir da primeira crise do petróleo, cando algúns países decidiron adiantar o reloxo para aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación. Aplícase como directiva desde 1981 e foi renovada sucesivamente cada catro anos.

Aínda que, desde a aprobación da Novena Directiva polo Parlamento Europeo e do Consello da Unión en xaneiro de 2001, o cambio aplícase con carácter indefinido. A Directiva está incorporada ao ordenamento xurídico español por Real decreto 236/2002, de 1 de marzo.

O cambio de hora efectúase sempre o último domingo do mes de outubro no caso do horario de inverno, cando o reloxo se atrasa unha hora, e o último domingo do mes de marzo, cando se adianta unha hora o reloxo e comeza o horario de verán.

O CASO DO ESTADO

En España, o Executivo creou unha comisión de 14 ‘sabios’ para determinar a conveniencia ou non de eliminar o cambio de hora estacional e, en caso de decisión afirmativa, decidir que horario era máis adecuado, o de verán ou o de inverno.

En marzo do ano pasado, esta comisión presentou un informe no que non chegou a ningunha “resolución concluínte”, tendo en conta da “gran cantidade de repercusións de impacto” que ten esta medida en campos como o económico ou o cultural.

España xeograficamente está situada no uso GMT+1 coincidindo coa maior parte de Europa, excepto Reino Unido, Irlanda e Portugal, que se manteñen no UTC/GMT+0. Un fuso horario que tamén ten Canarias e que lle correspondería a Galicia pola súa situación, pero que o Estado négase a cambiar. De feito,esta adscrición de fuso é a que marca desde 1940 a hora oficial española, adiantada en 60 minutos á hora universal.

Na latitude de España as horas de sol son as mesmas, aproximadamente dez no inverno e unhas 14 no verán, pero non amence ou anoitece á mesma hora no leste que no oeste, podendo haber máis dunha hora de diferenza dun extremo ao outro. Vigo, por exemplo, é a cidade europea na que máis tarde anoitece.

AFORRO ENERXÉTICO

En España, non existen informes actualizados que permitan asegurar que o cambio de hora leve asociados aforros enerxéticos. Ademais, as novas esixencias de eficiencia enerxética en iluminación, nos sistemas de climatización, e nos propios edificios, así como a progresiva introdución do autoconsumo alteran significativamente as análises que orixinalmente se utilizaban para calcular estes datos.

Por outra banda, a comisión encargada de estudar a conveniencia ou non de eliminar cambio horario estacional, ditaminou que España debía manter o seu actual fuso horario, un debate paralelo ao do cambio de hora estacional e no que algúns se inclinaban por que España adoptase o fuso horario de Londres e Portugal fronte ao de Berlín.

Trasladadas tres persoas debido á saída de vía dun vehículo en Covelo

0

Tres persoas, dúas mulleres e un home, foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo tras sufrir unha saída de vía co vehículo no que viaxaban na noite do domingo no municipio de Covelo (Pontevedra).

Segundo informou o 112 Galicia, este accidente tivo lugar sobre as 22,30 horas na estrada que une as localidades pontevedresas de Covelo e Lourido.

Tras ter constancia dos feitos, a través da alerta dos profesionais sanitarios, por parte do 112 Galicia solicitouse a intervención do GES-SPEIS Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea.

Ao lugar, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico que levou ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao home D.M.I., de 34 anos; e ás mulleres M.M.I.P., de 56 anos, e M.A.D.B., de 78 anos.

Piden penas de cárcere para dous acusados sorprendidos en Vigo con 83 gramos de cocaína

0

A Fiscalía pide penas que suman 9 anos de prisión para dous acusados de tráfico de drogas, aos que se interviñeron máis de 80 gramos de cocaína e máis de 1.200 euros en billetes cando circulaban nun coche no partido xudicial de Vigo.

A.A.F. e M.C.L.L serán xulgados este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes, na modalidade de drogas que causan grave dano á saúde.

Segundo o escrito de acusación pública, ambos foron sorprendidos nun coche o pasado 2 de novembro de 2017. A Policía interviulles 83,2 gramos de cocaína que A.F.F. levaba ocultos na súa roupa interior, así como 1.210 euros en metálico, que M.C.L.L. transportaba no seu bolso.

Ademais da droga e o diñeiro, incautáronselles tres teléfonos móbiles que, segundo a Fiscalía, utilizaban na súa actividade ilícita. A cocaína intervida foi valorada en máis de 8.500 euros en venda por gramos, que ascenderían a máis de 15.000 euros se se vendese por doses.

O ministerio público pide para cada un deles 4 anos e medio de cárcere e o pago dunha multa de 40.000 euros.

OUTROS XUÍZOS

A sección quinta da Audiencia Provincial tamén acollerá este martes outras dúas vistas. Nunha delas, xulgarase a F.J.P.P., acusado de vender droga no bar que rexentaba a súa parella, que foi quen denunciou os feitos.

A Policía atopou dúas papelinas de cocaína no bar. Ademais, nun bolso que o sospeitoso deixara noutro establecemento, os axentes deron con varios anacos de resina de cannabis, un par de botes de plástico con máis de 15 gramos cocaína, unha balanza de precisión, unha navalla e outros efectos para preparar as sustancias estupefacientes.

Por estes feitos, a Fiscalía pide que sexa condenado a tres anos de medio de cárcere por tráfico de drogas, e ao pago dunha multa de 3.000 euros.

Finalmente, xulgarase a J.S.P., que foi sorprendido pola Policía cando vendía a outra persoa unha papelina de cocaína nas inmediacións do cemiterio de San Tomé de Freixeiro en Vigo. Os axentes atoparon, escondidos no osario do camposanto, unha bolsa con case 3 gramos de heroína, papel de aluminio con restos de cocaína e heroína, unha balanza, e unha arma branca.

O ministerio público pide para este acusado 4 anos e 9 meses de cárcere e o pago dunha multa de 600 euros.

Vigo solidaria: “Nós tamén queremos acoller a unha nena saharauí”

Solidaridade Galega co Pobo Saharauí organiza cada verán a acollida de nenos e nenas saharauís por parte de familias de toda Galicia. O prazo para inscribirse este ano remata nos últimos días de maio. Por iso, esta entidade anima aos galegos e galegas a vivir esta experiencia “inesquecible”.

Unha iniciativa que, con todo, ten o freo de man botado desde hai algúns anos, concretamente, desde que comezou a crise económica que aínda non nos deixou. E o certo é que, co tempo, a crise tamén é unha crise de valores e unha crise de solidariedade. Esta asociación botou a andar no ano 89. Nun comezo traían cada verán 20 nenos, logo foron 80, despois máis de 600. Coa crise, este número descendeu ata estabilizarse nos 400. No conxunto de España, fai 6 anos eran 12.000 nenos acollidos, agora algo menos da metade. 

Pero, a pesar das vacas bracas hai quen segue mantendo a ilusión por ver á rapazada saharauí en Galicia como o primeiro día. E un deles é Milucho Portela, un dos seus principais voceiros desta entidade, que recoñece que, a pesar dos problemas económicos hai concellos, como o de Vigo, que continúa botando unha man. Faino pagándolle todos os billetes dos cativos, que no verán subsisten no deserto nunhas condicións de vida aínda máis difíciles, a 50 grados centígrados.

Para recabar fondos e poder traer nenos e nenas a convivir coas familias dos demais concellos de Galicia, organizan diferentes iniciativas coma cenas, festivais musicais, actividades deportivas…

Nenos saharauis / Photopin

O mesmo Portela leva 20 anos acollendo nenos, xa veñen os sobriños dos primeiros. Axudar ao Sáhara non custa moito: “Cando calquera das familias de acollida deixa algo de diñeiro, a súa familia, de 9 ou 10 persoas, pode vivir diso cinco ou seis meses”.

A GUERRA ESQUECIDA

Fai máis de 20 anos que terminou a guerra no Sáhara, pero a situación segue sen arranxarse: “A pesar de tódalas resolucións da ONU, Francia ten dereito de veto, e entre Francia e Marrocos están a repartirse a riqueza do lugar. Cando España abandonou o Sáhara, non o deixou aos saharauís, e xa viviron 42 anos de conflito”.

Patricia leva 6 anos seguidos acollendo nenos saharauís, algúns anos viñeron incluso dous irmáns, como volverá ocorrer desta vez: “O primeiro ano é máis complicado, pola barreira do idioma, coñecen 3 palabras de castelán. Pero xa ao final do verán aprenderon todo. A experiencia é moi enriquecedora, tanto para eles como para nós”.

Ademais, así eles reciben revisións médicas que alá non teñen, e poden detectarse enfermidades. Patricia considera que a acollida supón abrir a mente, tamén para os máis pequenos da familia: “Que teñen de todo, e chegan nenos aos que todo lles falta, e aprenden de primeira man a valorar o que teñen“.

E engade que “estableces un vínculo que non é só 2 meses do verán, durante todo o ano estou en contacto con eles, e observo a súa evolución”.

Deserto do Sáhara / Photopin

Montse, que tamén decidiu acoller a un neno hai uns anos, considera que esta oportunidade cambiou a súa forma de ver a vida: “Foi unha aventura dende o comezo. Costoulle un par de días acomodarse á familia e un par de semanas comprender o idioma. El, que vivía nun campo de refuxiados, veu a unha cidade estraña, con persoas estrañas e costumes descoñecidas. Non podo imaxinarme no seu lugar. Estes nenos son uns valentes”.

SORPRESAS DIARIAS

Ao seu neno de acollida sorprendíalle cousas que para nós forman parte da rutina diaria: “O interruptor da luz, abrir unha billa e que brote a auga, a praia… Abraiado por absolutamente todo. O mellor foi velo desfrutar das pequenas cousas. Ao ano seguinte, por circunstancias persoais non puidemos acollelo, pero estivemos en contacto, incluso o visitamos”.

Montse recoñece que “o que che dan estes nenos, non se pode explicar con palabras”. E polo tanto anima aos galegos e galegas “a acoller e axudar a estes pequenos a esquecer durante dous meses o polvo e a calor do deserto“.

Morre un operario atropelado por unha máquina agrícola mentres traballaba na obra dunha gasolineira

0

Un operario perdeu a vida ao ser atropelado por unha máquina agrícola mentres traballaba na obra dunha gasolineira no Polígono Industrial de Tui.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia por ou particular sobre as 17,00 horas deste martes, o obreiro foi atropelado por un tractor de pequenas dimensións e necesitaba asistencia médica urxente.

Con estes datos, o 112 solicitou a intervención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou ata o lugar unha ambulancia para atender o ferido. Pero unha vez no punto, os equipos de intervención non puideron facer nada para salvarlle a vida.

No operativo tamén colaboraron os axentes da Garda Civil, da Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

Vigo suma outros 13 millóns de remanentes para gasto público co ‘non’ da oposición

A Corporación de Vigo aprobou, cos votos en contra de toda a oposición, unha modificación de crédito para incorporar 13 millóns de euros procedentes de remanentes aos investimentos de 2021. Esta iniciativa recibiu a súa aprobación definitiva no pleno extraordinario celebrado na mañá deste martes, no que o grupo socialista sacou adiante a proposta grazas á súa ampla maioría.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, remarcou que esta modificación de remanentes supón agregar 13 millóns de euros aos 36 millóns tamén procedentes de remanentes cuxo uso foi aprobado a finais do pasado ano para diversas obras. “Continuamos nesa liña de investimento masivo na cidade, somos un modelo de acción política”, destacou.

Aneiros lembrou, como xa adiantou en ocasións previas o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que estes fondos servirán para acometer, entre outras actuacións, a segunda fase das ramplas de Gran Vía (entre as rúas Venezuela e Nicaragua). Así mesmo, destinaranse 3 millóns de euros á construción do ascensor ‘halo’ que comunicará a zona de García Barbón co complexo de Vialia, e o investimento completarase con outros 4 millóns o ano que vén.

Estes remanentes tamén irán destinados a provisionar partidas para outras actuacións, como o Paseo de Bouzas, o pavillón de Quirós, os campos da Guía e Fragoselo, e diversas humanizacións.

OPOSICIÓN

Por parte do BNG, Xabier Pérez Igrexas, considerou que esta proposta do Goberno local é “negacionista”, posto que “propón usar os remanentes coma se non houbese unha pandemia e unha dura crise social e produtiva”. Neste sentido, tras criticar que “insistiron en dicir que non a todas as propostas da oposición”, considerou que as accións expostas “só van multiplicar a propaganda oficial”.

De forma similar, o edil da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou “o discurso erróneo” do PSOE, xa que fala de “obras inaprazables” en referencia a “cambiar un céspede dun campo de fútbol”. “Para nós o inaprazable é que as familias coman, botar unha man ao comercio e a hostalaría local, completar o catálogo de axudas sociais e axudas ao sector cultural”, resolveu.

Finalmente, o portavoz do PP Alfonso Marnotes, lamentou que o Goberno local deixou en 2020, en plena pandemia, case 120 millóns de euros do orzamento sen executar. Tras iso, insistiu en que “hai dúas diferenzas” entre o Goberno de Vigo e os outros gobernos socialistas de Galicia: “Eles negáronse a entregar os remanentes a Madrid e eles si están a axudar ás empresas das súas localidades, todos menos vostede, vostede é unha anomalía política”.

En resposta ás cuestións denunciadas por PP, Marea de Vigo e BNG, Aneiros lamentou a “actuación coral do tres tenores da oposición”, e considerou que con iso “cada un trata de esconder as súas vergoñas”. En contrapartida, defendeu que Vigo usa os remanentes “para xerar emprego e mellorar a calidade de vida das persoas”.

As instalacións do estaleiro Vulcano xa teñen novo dono

Marina Meridional asinou este xoves a adquisición do estaleiro vigués Factorías Vulcano, do que tomou posesión, e acordou coa administración concursal abonar a parte pendente dos 7,85 millóns de euros comprometidos, máis de 5 millóns, antes do próximo 31 de marzo.

Esta operación inclúe as instalacións e a concesión na que se asenta o estaleiro. Precisamente, esta concepción estivo rodeada de polémica dado que o Porto entende que a liquidación da sociedade leva a súa extinción, mentres que a administración concursal considera debe formar parte do alleamento da unidade produtiva.

En concreto, o pasado mes de outubro, o administrador concursal do estaleiro vigués Vulcano solicitou ao Xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, que autorizase executar a venda das instalacións á única empresa que presentara unha oferta, Marina Meridional, e que permitise a entrega de pagos a prazos ata o 31 de marzo. Así, expuxo que abonase mensualidades de 200.000 euros, que quedarían en Vulcano se se frustraba a operación.

Marina Meridional presentou unha proposta para comprar as instalacións de Vulcano por 7,8 millóns de euros: 2,5 millóns mediante a subrogación do crédito hipotecario do ICO, 1,7 millóns mediante a subrogación do crédito do FOGASA, 3,5 millóns en cheques bancarios, máis os 70.000 euros xa depositados no xulgado.

Fontes da administración concursal detallaron que ata o momento abonáronse ao redor de 3 millóns de euros e que o pago da parte restante foi posposto. Deste xeito, a empresa do grupo Argos disporá dun prazo que vencerá o próximo 31 de marzo para facelo efectivo, xa que, en caso contrario, perderá o importe abonado ata o momento.

PAGO A PRAZOS

Pola súa banda, fontes da empresa explicaron que desde o pasado outono efectuouse o pago a prazos acordado e que só permanece restante o abono correspondente a partes da subrogación dos créditos do ICO e FOGASA. Tamén detallaron que este xoves Marina Meridional tomou posesión do estaleiro.

As mesmas fontes valoraron que a firma se efectuase a mediados de xaneiro a pesar de que en principio a empresa do grupo Argos contemplara que se realizase nun prazo comprendido entre o pasado outono e o próximo 31 de marzo.

O estaleiro Vulcano pasou por dous concursos de acredores nos últimos anos e, aburado polas débedas, entrou en liquidación no verán de 2019. Posteriormente, Marina Meridional realizou a única oferta que se presentou para adquirir as instalacións e a concesión, que expira en 2027, por 7,85 millóns de euros.

Recentemente, o Xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra expuxo formalmente o conflito de xurisdición en relación á situación da concesión e remitiu as actuacións ao tribunal correspondente, que non se pronunciou polo momento.

Conxemar insta á Xunta a remitir o proxecto de ampliación do Ifevi ao Concello de Vigo para axilizar trámites

Conxemar instou á Xunta a remitir o proxecto de ampliación do Ifevi ao Concello de Vigo para permitir que se someta a exposición pública e se poidan executar os trámites correspondentes tras a aplicación da lei 3/2016 (reservada para proxectos de urxencia ou excepcional interese).

Conxemar insistiu en que “non se pode esperar máis” para acometer a ampliación do recinto feiral, xa que unha dilación nesta actuación “podería pór en risco” a continuidade do evento de conxelados, celebrado cada outubro en Vigo. Así, advertiu da competencia que supoñen outras citas similares, como a Seafood, cuxa celebración se trasladou de Bruxelas a Barcelona.

En concreto, esta asociación lembrou que Conxemar se consolidou como a terceira feira de conxelados a nivel mundial, polo que reivindicou a importancia de manter esta posición, para o que considera esencial a ampliación do Ifevi en 5.000 metros cadrados.

A ese respecto, lembrou que, o pasado mes de decembro, o Padroado do Ifevi acordou inicio da tramitación do proxecto de aprobación mediante a apliación da lei 3/2016 e tomou coñecemento do documento. Ademais, Conxemar indicou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou a esta entidade que o plan urbanístico da cidade “non permite (…) esa ampliación”, polo que debe efectuarse de acordo coa lei 3/2016.

Tamén apuntou que a Xunta informou a Conxemar de que precisa que o Concello solicite a aplicación da lexislación de urxencia mediante unha carta. Ante esa situación, a entidade que organiza a feira remarcou que esta normativa “establece que a súa aplicación debe solicitala o órgano promotor da obra, neste caso, o Padroado do Ifevi”.

En concreto, a Xunta conta con maioría no Padroado, no que o Concello, a Deputación de Pontevedra, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Mancomunidade da área Intermunicipalde Vigo e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa tamén contan con representación.

Retoman o arrastre do ‘narcosubmarino’ situado a unha milla de Aldán

0

O remolcador Insuíña Rande, escoltado por unha patrulleira da Garda Civil e unha embarcación de Vixilancia Aduaneira, partiu á primeira hora desta mañá do porto de Aldán para ir ao encontro do ‘narcosubmarino’ localizado o pasado fin de semana en Punta Couso, e que quedou a unha milla do porto, enganchado a unhas redes, cando era remolcado na tarde noite deste luns.

O somerxible foi reflotado este luns tras unha ardua xornada de traballo por parte dos mergulladores dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil, con axuda duns globos, e con apoio do resto de efectivos.

A última hora da tarde comezouse o remolque arrastrando o artefacto pero, a unha milla do porto de Aldán, e debido a que os globos perderon aire, a que quedou enganchado nunhas redes e ás malas condicións do mar, houbo que cancelar a operación.

Por iso, as embarcacións que coordinan o traslado do ‘narcosubmarino’ saíron esta mañá desde o peirao de Aldán cara a ese punto, co obxectivo de repetir as manobras para reflotar o somerxible e retomar o seu remolque ata o porto.

APRAZAN O PASO A DISPOSICIÓN XUDICIAL DOS TRIPULANTES

Dous dos tripulantes do ‘narcosubmarino’ afundido pasarán a disposición xudicial finalmente na tarde deste martes, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Estes dous arrestados, de nacionalidade ecuatoriana, ían ser postos a disposición do xulgado de instrución de Cangas a media mañá, pero o trámite pospoñerase unhas horas, tendo en conta que o remolque do somerxible que transporta a droga tamén se atrasou.

Ademais destes dous detidos, as forzas de seguridade seguen buscando a un terceiro tripulante do batiscafo, que se deu á fuga na madrugada do domingo, despois do afundimento da nave.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed