Inicio Blog Páxina 1568

A UVigo chama a traballar por unha universidade “igualitaria” o día que suma 24 novos catedráticos, 20 homes e catro mulleres

0

O reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, chamou a traballar para alcanzar unha universidade “igualitaria” nun día no que esta institución sumou 24 novos catedráticos, 20 homes e catro mulleres.

Estes engadíronse aos 148 contabilizados ata este momento na UVigo e asinaron os seus nomeamentos nun acto celebrado este xoves, que, segundo o reitor, representou un “día grande para a institución”.

Así, Manuel Reigosa asegurou que estas persoas contan con “méritos máis que sobrados” para “chegar ao máximo nivel ao que se pode chegar dentro da universidade española”.

Ademais, explicou que a toma de posesión destes novos catedráticos permite recortar un déficit que a universidade arrastra desde a súa creación e “mostra que o que se sementó inicialmente agora está a dar froitos”.

No entanto, o reitor lamentou o “pequeno” número de mulleres que pasaron a ser catedráticas neste acto, só catro das 24 persoas que adquiriron esta distinción.

“Cabería pensar que teriamos metade e metade, por iso imos tentar entre todos e todas conseguir unha universidade absolutamente igualitaria e, aí, temos que dar exemplo“, manifestou. Así mesmo, Reigosa esperou que nos próximos anos se poida baleirar a bolsa de persoas acreditadas a cátedra e que poida ser automática.

Un total de 19 dos catedráticos que tomaron posesión este xoves pertencen a facultades e escolas do campus de Vigo, catro, ao de Ourense e un ao de Pontevedra.

O Museo do Mar de Vigo regresa cunha mostra do artista cubano Nelson Villalobos

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, reabriu este xoves as súas portas, cunha mostra do pintor, debuxante, escultor e serígrafo Nelson Villalobos, que poderá verse ata o 29 de xuño e que conta con 62 obras do artista cubano.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou este xoves a exposición, titulada ‘Blanquísima a súa presenza’, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Corina Porro, e do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo.

A mostra divídese en dúas áreas diferenciadas, a primeira composta por 14 pezas recentes de gran formato (a maioría dedicadas á nai do autor), e unha segunda parte, cun total de 48 pezas de menor tamaño, que constitúen unha retrospectiva da súa traxectoria.

Ademais, os visitantes poderán ver por primeira vez unha peza inédita, creada durante as semanas de confinamento. A historia remóntase a hai uns meses, cando Nelson Villalobos estaba a preparar unha exposición no Museo do Mar centrado na relación entre Galicia e Cuba, un proxecto que se viu interrompido pola crise sanitaria.

Esa obra interpreta a relación entre Galicia e Cuba, entre Vigo e A Habana, e representa algúns dos símbolos deste territorio, como o Apóstolo Santiago, as Illas Cíes, o Malecón ou a Catedral da Habana.

Debido ás restricións do estado de alarma pola pandemia de coronavirus, o Museo reabrirá cun terzo da súa capacidade en cada un dos expacios e salas, sen que se permita tocar ningún dos elementos museográficos.

Así mesmo, as visitas realizaranse de modo individual, aínda que se permiten grupos de familias ou unidades de convivencia, pero non reservas de grupos.

MUSEO MARCO

Por outra banda, outro museo vigués, o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) tamén anunciou a súa reapertura, a partir do 2 de xuño. Este museo municipal tamén renova a súa actividade con restricións debido á crise sanitaria.

Así, será obrigatorio o uso de máscaras, así como a distancia social de 2 metros; poranse xeles desinfectantes en varios puntos; prohibirase a entrada con alimentos ou bebidas; limitarase o aforamento e sinalizaranse as zonas de tránsito; e permanecerán pechadas os despachos de billetes individuais e o servizo de gardarroupa.

Do mesmo xeito, manterase pechada a biblioteca do museo para actividade presencial, aínda que seguirá aberta ‘en liña’. Como excepción, permitirase o acceso presencial a investigadores con cita previa.

Os bárbaros de Cabo da Crus reconquistan Vigo

Falan os veciños trala explosión en Tui: “Foi coma se me desen cun mazo no peito”

0

24 horas despois de devastadora explosión pirotécnica nunha vivenda no lugar de Paramos, no concello de Tui, os veciños, algúns aínda en shock, revisan as desfeitas nas súas propiedades e mantéñense atentos aos feridos.

O reporteiro de Xornal de Vigo Miguel Núñez estivo con algún deles. O seu ánimo está polo chan e aínda non dan crédito ao acontecido. O balance é, de momento, dous mortos, unha trintena de feridos e 60 vivendas arrasadas, ademais de moitas outras con danos.

Os veciños explican a Xornal de Vigo o que viviron e ao que se enfrontan agora, nunha contorna que semella máis propia dun escenario bélico, con casas destruídas, cascallos por todas partes e un terreo queimado e aínda fumeante.

Vigo quere impulsar o vehículo eléctrico intelixente e conectado

A factoría do grupo Stellantis en Vigo lidera un proxecto no que conta coa colaboración da Universidade de Vigo, da Xunta, e dos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen e Gradiant, para avanzar no deseño da fábrica de automoción do futuro, co foco posto no vehículo eléctrico intelixente e conectado.

Trátase dunha iniciativa que prevé un investimento de 22,3 millóns de euros, dos que a Xunta achegará algo máis de 12 millóns, no marco do programa Fábrica Intelixente e Sostible, e ten un período de execución de 31 meses.

‘Facendo 4.0’ é un proxecto orientado ao desenvolvemento de procesos, produtos e sistemas que dirixan á planta viguesa cara á “fábrica do futuro”, e que inclúe unha ambiciosa estratexia de electrificación de cara ao ano 2025.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, recalcou a transferencia de coñecemento que se produce en toda a cadea de valor polo peso que ten a industria da automoción no conxunto da economía galega.

Así mesmo, Conde lembrou que a automoción galega “non parte de cero” no proceso de transición cara a unha industria máis dixital e sustentable, e puxo en valor a “visión de unidade” coa que o sector está a afrontar o actual contexto, tal e como se reflicte no proxecto AutoAncora.

Un escape de gas en Tomiño obriga a desaloxar varios edificios

0

Un escape de gas nun depósito situado nas inmediacións da praza do Seixo, en Tomiño (Pontevedra), obrigou a desaloxar varios edificios da zona. Diso informou o CIAE 112 Galicia, que tivo coñecemento dos incidente minutos máis tarde das 15,30 horas deste luns.

Varias chamadas de veciños alertaban da existencia dunha fuga dun tubo de gas que, ademais de ser visible, desprendía un forte cheiro.

Nese momento, a central do 112 activou o dispositivo, no que participaron efectivos dos bombeiros do Porriño, o GES da Guarda, axentes da Garda Civil, Protección Civil e os profesionais de Urxencias Sanitarias 061, así como membros da Policía Local.

O incidente saldouse sen que resultasen persoas afectadas, aínda que por precaución procedeuse ao desaloxo dos edificios da zona. Tras informar á empresa distribuidora do gas do acontecido, o escape foi reparado ás 19,00 horas, segundo informa o CIAE Galicia. A partir dese momento, os veciños puideron regresar aos seus fogares.

Caen 20 metros marcha atrás dende o Parador de Baiona

0

Un home de 72 anos, R.G.A, e unha muller de 69, M.B.M.V., resultaron feridos este mércores despois de precipitase, no seu coche, desde o alto da muralla do Parador de Baiona (Pontevedra), segundo informaron fontes do 112 Galicia.

O accidente tivo lugar sobre as 15,50 horas, cando un particular alertaba a emerxencias de que un vehículo con dúas persoas no seu interior precipitouse desde o alto da muralla do Monte do Boi, dende o aparcadoiro da recepción do Parador, ata o paseo de Monterreal.

Testemuñas sinalan que os ocupantes do turismo puideron saír do mesmo, aínda que precisaron de asistencia médica.

O 112 mobilizou a emerxencias sanitarias, a Protección Civil, ao GES do Val Miñor e á Policía Local de Baiona. Ademais, unha ambulancia desprazouse ata a zona para atender ao condutor e ao seu acompañante, aos que trasladou ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os dous ocupantes foron trasladados en ambulancia con feridas de consideración. De momento descoñécense as causas do suceso.

Piden 27 anos de cárcere para o presunto asasino de Ana Enjamio, que será xulgado a partir do xoves

0

A Fiscalía solicita penas que suman 27 anos de cárcere para César A.O., presunto autor do asasinato da enxeñeira Ana Enjamio, en decembro de 2016 en Vigo, e ao que tamén atribúe un suposto delito de acoso.

O procesado será xulgado, a partir do xoves, por un tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia de Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

O ministerio público considera probado que o acusado, que era compañeiro de traballo da vítima e mantivera unha relación sentimental con ela durante uns meses, someteuna a unha total “fustrigación” e acoso desde a ruptura da relación, en xullo de 2016, ata que acabou coa súa vida, o 16 de decembro dese ano.

No seu escrito de acusación, sinala que César A.O. non aceptou o fin da relación e insistíalle constantemente para que volvese con el, chegando mesmo a subtraerlle o teléfono para enviar fotos de ambos á anterior parella de Ana, coa que ela retomara o contacto.

O acusado, que chegou a inscribirse no mesmo ximnasio que a vítima, instalou unha aplicación no móbil para controlar as súas chamadas e mensaxes, presentábase na súa casa, mesmo de madrugada, para reprocharlle que se vise con ese outro mozo e pedirlle que volvese ser a súa parella, e chegou a “obsesionarse completamente” con Ana.

De feito, apunta no seu escrito o Ministerio Público, César comentou aos seus achegados que rompera a súa familia para estar con ela (estaba casado e tiña dous fillos cando iniciou a relación) e que, se Ana non estaba con el, tampouco estaría co outro mozo.

O grao de acoso chegou ata tal punto que a moza deixou a súa vivenda por temor e foise a vivir temporalmente co mozo co que retomara a amizade, antes de trasladarse definitivamente a unha vivenda compartida na Avenida de Madrid.

DESENLACE FATAL

A espiral de fustrigación tivo o seu desenlace fatal na madrugada do 16 de decembro de 2016. Esa noite, ambos coincidiron nunha cea de empresa e, durante todo o tempo, César estivo pendente de Ana, chegando a seguila a ela e ao seu grupo de amigos cando saíron a dar unha volta despois da cea.

Nun momento determinado, o acusado desapareceu sen despedirse, ao darse conta de que Ana ía regresar á súa casa (no coche dunha amiga, xunto a outras persoas que a acompañaban). César desprazouse a fume de carozo ás inmediacións do piso onde vivía Ana e unha vez alí, rachou as rodas do seu coche, que estaba aparcado na zona, e esperouna, ata que a moza chegou e os seus acompañantes marcharon.

Entón, abordouna de forma sorpresiva cando entraba no portal e atacouna cun coitelo ou navalla. Sen darlle posibilidade de defenderse, arrastrouna ata o fondo do portal, onde lle asestou polo menos 28 coiteladas en abdome, peito e pescozo, das que 12 alcanzáronlle o corazón.

Despois, o acusado foise a casa dos seus pais, duchouse e cambiou de roupa, e desfíxose da arma do crime, do teléfono de Ana (que levou con el), e das roupas que vestía cando a atacou.

DELITOS E PENAS

A Fiscalía considera a César A.O. autor dun delito de asasinato con aleivosía e ensañamento (porque planeou o crime, esperouna e aumentou brutal e deliberadamente o seu sufrimento), ademais dun de acoso. Polo primeiro dos delitos pide para el 25 anos de cárcere, e dous anos polo segundo, ademais de reclamar que se lle prohiba achegarse durante 10 anos á familia da vítima, á que deberá indemnizar en 450.000 euros por danos morais.

Pola súa banda, a acusación popular, que exerce a Xunta de Galicia, pide que o acusado sexa condenado a 33 anos de prisión. Así, reclama 25 anos polo delito de asasinato, 3 anos por un delito continuado de coaccións (ou subsidiariamente 2 anos por un delito de acoso ilexítimo) e outros 5 anos de cárcere polo delito de vulneración da intimidade.

O xuízo contra César A.O. iniciarase o xoves e está previsto que dure ata o 22 de novembro. Para esta vista foi necesaria a realización dun sorteo adicional para completar a selección de candidatos a formar parte do xurado, xa que, dos primeiros 36 elixidos, non se puido garantir a presenza da vintena mínima necesaria (da que saen os 9 membros do tribunal, máis dous suplentes).

Marea de Vigo pide que os voos a Madrid e Barcelona sexan de ‘obrigado servizo público’

O grupo municipal Marea de Vigo propuxo este xoves que o goberno local solicite ao Ministerio de Fomento a declaración de ‘obrigado servizo público’ (OSP) para as rutas que operan desde Peinador a Madrid e Barcelona, de maneira que poidan contar con financión das administracións central e autonómica, e teñan prezos máis competitivos.

Así o trasladou en rolda de prensa o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, quen apuntou que este sería “un bo primeiro paso” para consolidar rutas estratéxicas desde a cidade olívica, e acabar coa “batalla” entre o Concello e o Goberno galego acerca do financiamento de voos.

A ese respecto, o portavoz de Marea incidiu en que a subvención directa a liñas aéreas privadas, a través de “supostos concursos públicos” é unha “política fracasada”, como quedou de manifesto con Ryanair. Segundo sinalou, esta compañía é “especialista en captar diñeiro público” e “logo darse o piro”, como ocorreu en Vigo.

Por iso, Marea de Vigo expuxo que se solicite a declaración de OSP para as conexións con Madrid e Barcelona, unha consideración que xa teñen outras conexións en España, como os voos desde Canarias, a ruta Almería-Sevilla, ou as liñas de Badaxoz a Madrid e Barcelona. “Se Badajoz pode, Vigo tamén”, sentenciou.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed