Inicio Blog Páxina 1557

Os afectados de Paramos denuncian a insuficiencia das axudas de Concello, Deputación, Xunta e o Estado

0

A plataforma de afectados pola explosión pirotécnica ocorrida o 23 de maio en Paramos denunciou que “se está atrasando todo” o relativo ás axudas que precisan, polo que solicitou permiso para convocar unha manifestación este sábado e unha delegación do colectivo acudirá este mércores ao Parlamento galego.

Así o comunicaron os veciños na súa primeira rolda de prensa como colectivo, na que esixiron “que se axilice” a tramitación das axudas; que se engadan máis subvencións e se incrementen as contías; que se lles facilite atención psicolóxica continua; e “que todas as administracións se impliquen ao mesmo nivel”.

Tamén pediron á aseguradoras “axilidade e que non poñan trabas” e puxeron o foco de atención nas dificultades para o reacollo dos afectados: “Nos estamos a meter onde podemos”. “Axudas xa, porque a xente non ten que estar nin en hoteis nin en casas de familiares, ten que estar na súa propia casa“, espetou unha veciña.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Tal e como mantivo a portavoz Lupe Pérez, despois de dúas semanas dende o suceso, “a situación é a mesma” e mantense “un gran impacto social, con xente sen poder reacollerse”. En relación con iso, manifestou que no caso dos veciños que se mudaron “case todas as vivendas foron buscadas polos particulares, con apoio dos servizos sociais”.

Critican de igual maneira que cada veciño ten que ir solicitar a baixa de servizos como a auga e a luz para que non lles cobren máis, e que ademais cando as vivendas estean rehabilitadas terán que pagar o alta.

Os portavoces tamén esixiron “axilizar a investigación para deixar polo menos entrar aos propietarios”. Así, explicaron que a zona cero da explosión abrangue varias vivendas nas que “mesmo os propietarios atopan dificultades para entrar a coller as súas pertenzas”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Neste marco, dixeron que a xuíza pediu un reforzo e “está a traballar ágilmente nas periciais”, pero lamentaron que hai “atrancos” porque os técnicos necesitan de bombeiros para acceder á zona cero. Por iso, consultarán se o Concello pediu á Deputación dispor de efectivos, e senón solicitarano eles mesmos.

AXUDAS CON ATRASO E INSUFICIENTES

Sobre as axudas, sinalaron que até o momento as únicas decretadas son as da Xunta, aínda que “xa se está atrasando” porque a orde que desenvolve o decreto ía publicarse este martes pero detectouse “algún erro” e, como consecuencia, “sairá o xoves ou venres”.

Tamén o Concello de Tui dispuxo unha partida dun millón de euros, pero insistiron en que “é insuficiente” e ademais aínda non contan “coa base para desenvolver esa partida, e o compromiso é que sairá como moi tarde o luns”.

Aínda que a Deputación puxo ao servizo do goberno local o Plan Concellos, lembraron que estas axudas teñen unha repartición equitativa de acordo coa poboación de cada localidade, polo que insistiron en que “non é suficiente” e ademais “haberá partidas superfluas que si se poden desviar, pero outras que non”.

Explosión de material da pirotécnica La Gallega en Tui / Miguel Núñez

Das axudas estatais, comentaron que este luns se publicou o Real Decreto que regula as subvencións en atención a determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica, pero din que seguen “esperando a que se declare zona catastrófica” e se asigne “unha partida para isto”.

Neste ámbito, o portavoz Salvador García censurou que após participar no Gabinete de crise, a súa sensación “foi de descontrol e pasarse a pataca quente” entre Concello, Deputación, Xunta e Goberno, aos que instou a remar “na mesma dirección”. A iso súmase que, co cambio de goberno estatal, ata que o consello de ministros non dea a súa aprobación as axudas “non van chegar”.

PIDEN MÁIS AXUDAS

Por todo isto, solicitaron que a Deputación inclúa nos seus orzamentos de 2019 unha partida destinada a atender aos veciños de Paramos, e que a Xunta dispoña máis medios a través de máis consellerías, entre as que mencionaron Medio Ambiente (para o rebo) e Medio Rural (para explotacións de cetraría, galpóns, alpendres, etc.).

Especificamente, esixen aumentar as axudas para segundas vivendas, que se concreten as axudas para locais comerciais e industrias e crear partidas para vehículos. Piden tamén que se materialice a exención de taxas para os afectados e que as axudas non teñan que tributar.

Explosión de Tui/ Miguel Núñez

Ademais, os portavoces lembraron que as axudas se centran nas vivendas, pero enumeraron outras necesidades que non ven cubertas. Así, reclaman unha partida para o rebo, xa que a Deputación de Pontevedra trasladoulles que porá á súa disposición medios “pero ninguén puxo partidas”.

En relación con isto, propuxeron que o Concello dispoña unha parcela para acumular alí os cascallos e que a xente poida iniciar a reconstrución das súas vivendas “canto antes”. “Preocúpanos bastante o rebo, e terán que sumar todas as administracións: medios ou diñeiro”, apuntaron.

A maiores, entenden que a oficina urbanística do concello é “insuficiente”, polo que, para axilizar os trámites, solicitaron “máis axuda” á Deputación de Pontevedra. “Entendemos que a oficina se faga pequena nesta situación, pero necesitamos que se axilice, porque as axudas teñen prazo”, remachou Pérez.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA

Igualmente, reprobaron que o Sergas ofreza atención psicolóxica para os afectados por vía ordinaria, é dicir, que vaian ao médico de atención primaria para que lles remita, se corresponde, ao especialista. Así, advertiron dos efectos que o ocorrido pode ter sobre a xente, e especialmente sobre nenos e maiores.

García subliñou que este sistema “non é adecuado”, e esixiu atención directa aos afectados dende o centro de saúde, para o que pediu crear unha praza de psicólogo (que ademais dixo que é “unha reivindicación de Tui desde hai tempo) ou que se valore ‘in situ’ aos afectados. “Hai que darlle continuidade” á atención, concluíu.

MOBILIZACIÓNS

Neste contexto, os veciños comezan mobilizacións, que arrincarán este mércores coa súa presenza no Parlamento de Galicia, a onde foron convidados polo PP e En Marea. Así, acudirá unha delegación de 19 persoas e En Marea fretará un autobús. “Convocamos á cidadanía a que tamén acuda”, agregaron.

Tamén solicitaron á Subdelegación do Goberno permiso para a manifestación, que sairá ás 20,00 horas do sábado da área Panorámica até o Concello de Tui. A esta mobilización chamaron tamén aos cidadáns “para que as administracións non –lles– deixen de lado e traballen por resolver o problema canto antes”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

En canto á plataforma, consideraron que se lles “traslada aos veciños a responsabilidade do ocorrido” cando son “os menos culpables”, e ven “triste” ter que agruparse para “pelexar polo que –lles– corresponde”. En todo caso, referendaron que o único obxectivo desta entidade “é axudar aos veciños”.

O expedáneo de Paramos e membro da plataforma Laureano Gonzalez tamén interveu para negar que o dono da pirotecnia “tiña acolloados” aos veciños de Paramos para que non dixesen “nada” do material pirotécnico. “Non hai ninguén aquí que soubese o que había aí”, selou.

Finalmente, os portavoces lembraron que están en trámites para constituírse como asociación, o que esperan que aconteza esta mesma semana. Unha vez culminado o proceso, poderán emprender accións legais polo ocorrido: “Si, está nos plans loitar por vía legal tamén”, remataron.

A Xunta autoriza as expropiacións para mellorar a seguridade viaria na PO-330

O Consello da Xunta deu este xoves luz verde ao decreto polo que se declara a utilidade pública e disponse a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria na PO-330, ao seu paso por Valadares e Pereiró, no Concello de Vigo.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación é de case 1,85 millóns de euros, nos cales se inclúe o pago dos 36 predios necesarios para a súa execución.

Esta intervención, conforme indicou a Xunta, ten como obxectivo desenvolver un conxunto de actuacións integrais ao longo de case 7 quilómetros da vía autonómica na procura do reforzo da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade nestes núcleos para evitar un tramo de concentración de accidentes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano, coa previsión de licitar e executar as obras no ano 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de dez meses.

Feridas dúas persoas nun accidente con dous coches implicados en Mos

0

Dúas persoas resultaron feridas na noite deste xoves nun accidente con dous coches implicados na A-55 ao seu paso polo termo municipal de Mos.

Segundo informou o 112 Galicia, este accidente tivo lugar uns minutos antes da medianoite no punto quilométrico 13 da A-55 ao seu paso pola parroquia de Sanguiñeda, no termo municipal pontevedrés de Mos.

Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar do sucedido e solicitar asistencia médica para as dúas ocupantes dun dos vehículos. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112 por un dos alertantes, os turismos entorpecían a circulación.

Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 que as dúas mulleres feridas foron evacuadas a un centro hospitalario, indicaron as mesmas fontes. Ademais, para garantir as condicións de seguridade na vía, tamén se solicitou a intervención de axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas.

A Garda Civil desmantela un novo cultivo con máis de 500 plantas de marihuana vixiado con cámaras no Porriño

0

A Garda Civil, en colaboración coa Policía Local, desmantelou unha plantación de marihuana con máis 500 exemplares no Porriño, informou este luns nun comunicado de prensa, no que indicou que o cultivo, ao aire libre, estaba vixiado con cámaras de vídeo con sensores de movemento.

Os axentes da Garda Civil comezaron a investigar e tiveron coñecemento da existencia desta plantación, que se atopaba nun terreo de uso público e estaba distribuída en 11 parcelas distintas próximas entre si.

As plantas de cannabis foron cortadas para ser destruídas coa axuda de Protección Civil e empregados municipais. A Garda Civil destaca a circunstancia “nova” de que o perímetro da plantación estaba protexido coas cámaras e que se instalou un sistema de rega automática que extraía a auga dun río próximo.

Ademais, as plantas atopábanse nun terreo catalogado como lugar de importancia comunitaria (LIC), dentro de plan Rede Natura 2000. Trátase da segunda plantación descuberta no Porriño nunha semana.

Os axentes entregaron as dilixencias instruídas, xunto coas plantas e os efectos intervidos, ao Xulgado de Instrución de garda do Porriño. A investigación segue aberta para identificar e localizar aos responsables da plantación, que se enfrontan a posibles responsabilidades penais por un delito contra a saúde pública.

Falece un mariñeiro de Cangas a bordo dun buque que faenaba en Malvinas

0

Un mariñeiro de 50 anos de idade, natural de Cangas, faleceu nas últimas horas por unha afección cardíaca repentina, cando se atopaba a bordo dos pesqueiro ‘Irmáns Touza’, que ten base en Vigo e que estaba a faenar en augas de Malvinas.

Segundo informaron fontes da armadora do buque, o falecemento produciuse de forma súbita, por un problema cardíaco, e a empresa está xestionando os trámites para repatriar o corpo do mariñeiro.

As mesmas fontes confirmaron que o barco, que se atopaba capturando lura, dispón de equipos desfibriladores a bordo e a tripulación ten formación para usalos, con todo, neste caso o episodio foi tan repentino que non foi posible facer nada polo mariñeiro, que acabou falecendo.

Messi esnaquiza o Celta a balón parado

Leo Messi foi a diferenza, sobre todo a balón parado. Foi o fiel da balanza nun partido plano, no que o Barça tampouco deu mostras de melloría. Dá igual o rival que estea enfronte, porque a este Barça vénselle as costuras, incapaz de atopar a súa mellor versión, a pesar de que hoxe Ernesto Valverde rebuscou na súa aliñación e expuxo algún cambio.

O coñecemento que Óscar García Junyent ten do Barça, ao que seguro que viu xogar máis que ao seu equipo, o Celta, foi determinante na formulación. Puxo o técnico céltico a un equipo para presionar moi arriba, con tres centrais para buscarlle a iugular aos azulgrana. E ante as dúbidas, o Barça estivo uns cantos minutos no inicio do partido a mercé do rival que, aínda que non tiña ocasións de gol, empezou xogando moitos minutos no campo contrario.

Puxo Valverde a Sergi Roberto de mediocentro, a Umtiti como acompañante de Piqué, regresou Arthur ao equipo e deulle minutos a Ansu con Messi e Griezmann na dianteira. Pero non funcionou. O balón non corría, o fútbol non fluía e só algún escintileo de Leo Messi animaba aos espectadores. Todo cambiou nunha xogada do dominicano Junior Firpo, que recuperou un balón tras unha acción reclamada como falta de Arthur por parte dos galegos.

Junior centrou e Aidoo despexou o balón coa man. O penalti transformouno Messi (1-0, m. 23). Pouco antes lesionouse Semedo, Busquets entrou por el e Sergi Roberto volveu ao lateral. O gol fixo dano ao Celta, o partido xa era do Barça, que tivo algunha ocasión para pór o 2-0, pero na única que tivo o Celta empatou.

EMPATE

Pape Cheikh recuperou un balón, Messi tentou frealo, pero o árbitro sinalou unha falta protestada preto da frontal da área. O magnífico lanzamento do central uruguaio Lucas Olaza superou a barreira e sorprendeu a Ter Stegen (1-1, m. 42).

Pero xusto na última acción do primeiro tempo, unha falta sobre Arthur permitiu a Messi pór o 2-1, tras outro magnífico lanzamento directo. E o segundo tempo empezou como acabou o primeiro, cun gol de Messi para decidir o partido. De novo Messi, outra vez nun lanzamento de falta e pola esquerda de Rubén Branco.

O arxentino, no 48, puxo o 3-1 e practicamente pechou o partido fronte a un rival sen respostas. A pesar da goleada, que culminou Sergio Busquets no minuto 85, o Barça non mostrou moita melloría no seu xogo, pero recupera o liderado e Messi, por 45 ocasión na súa carreira, volveu levar o balón a casa.

Deberíanse cambiar as aves por pratos nos campionatos galegos de caza con arco?

Para a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, o campionato de caza con arco de Soutomaior desta fin de semana “non tería espazo algún nun país verdadeiramente desenvolvido e implicado no desenvolvemento de políticas de protección ambiental e animal”.

Os animalistas realizaron esta afirmación comparando a convocatoria deste domingo no municipio pontevedrés cos “xogos simulados, que se están desenvolvendo cun importante éxito económico en lugares como Escocia, onde se emprega a tecnoloxía fronte á matanza de aves por mero divertimento”.

Ambos colectivos suxiren substituír o uso de paspallás, ou o acoso a estas aves na súa contorna natural, polo aluguer de máquinas de pratos “que imitan á perfección o movemento dos animais e constitúen unha alternativa ética fronte á caza ao uso, como empregar frechas para matar a estes seres vivos”.

FFW e LIBERA! tamén están contra a cobertura institucional que a Xunta de Galicia está prestando ao Campionato galego de caza con arco ao voo, “sendo unha modalidade extremadamente cruel, innecesaria e subvencionada polo goberno autonómico, onde tamén a Fundación Deporte Galego aparece presente nos carteis e no programa da proba”.

De forma paralela, estas organizacións solicitaron á Consellería de Medio Ambiente información do apoio que vén prestando a campionatos deste tipo, recordando que “o Parlamento xa advertiu sobre os seus subsidios ás matanzas de raposos que se veñen realizando na comunidade branqueadas como suposta actividade deportiva”.

Aparece un terceiro zulo propiedade do investigado pola explosión de Tui

A Garda Civil localizou máis material pirotécnico nun terceiro zulo propiedade do investigado pola explosión dun almacén clandestino en Tui (Pontevedra) que o pasado mércores deixou dúas persoas mortas, unha vintena de feridos e cuantiosos danos materiais.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da investigación, axentes da Benemérita descubriron na tarde deste domingo máis material explosivo almacenado de maneira clandestina noutro zulo situado en Baldráns. Polo momento non transcendeu a cantidade requisada nesta intervención.

Trátase do terceiro punto de almacenamento clandestino de material pirotécnico relacionado co propietario da pirotecnia La Gallega, F.G.L., investigado como presunto responsable da explosión do pasado mércores.

O sábado, a Garda Civil desarticulou un punto de almacenamento no que foron requisados un total de 500 quilogramos de pólvora. Ademais, axentes do Instituto Armado tamén retiraron outros 100 quilogramos de material preparado.

O material intervido, que se atopaba almacenado en bidóns nunha leira de Baldráns situada a uns 100 metros das instalacións da pirotecnia ‘La Gallega’, foi posteriormente trasladado polos Tedax a para a súa destrución.

INVESTIGADO

A xuíza de Instrución número 1 de Tui (Pontevedra) decretou o pasado venres a posta en liberdade de F.G.L., o dono da pirotecnia La Gallega, detido o pasado mércores logo da explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico.

Este home mantén a súa condición de investigado polos suposto delitos de homicidio imprudente, danos imprudentes e lesións imprudentes e deberá comparecer os días 1 e 15 de cada mes. Ademais, impútaselle o delito de risco catastrófico na modalidade de delito de risco provocado por explosivos e outros axentes, engadiron fontes xudiciais.

Caballero quere relanzar a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este venres “explicacións” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois de que o proxecto presentado para a designación da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco fracasase”, á vez que anunciou que o goberno vigués relanzará “con moitísima forza” a candidatura “gañadora” das Illas Cíes.

O rexedor vigués afirmou que “sempre” defendeu que “primeiro tiña que lanzarse Ribeira Sacra” neste proceso, e despois a candidatura das illas Cíes (aínda que a Xunta se adiantou anunciando unha candidatura das Illas Atlánticas). “Pero claro, a Xunta presentou o proxecto de Ribeira Sacra e fracasou, foi rexeitado, e quero que Feijóo fale, ten que explicar que pasou. O conselleiro dá case igual o que diga despois dese fracaso”, proclamou.

Segundo apuntou Caballero, a Unesco fixo un informe “moi negativo” sobre a candidatura de Ribeira Sacra e agora o presidente do Goberno galego debe explicar “que fixeron mal”.

A principios de xuño, o Goberno central e a Xunta acordaron, nunha reunión entre o conselleiro Román Rodríguez e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, aprazar a presentación das candidaturas tras un informe por parte do Incomos (órgano asesor da Unesco) que cuestiona algúns aspectos do proxecto.

Nese momento, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade trasladou que se trata dun “adiamento estratéxico” entre, outras cuestións, para “reforzar” dita candidatura, e encadrouno dentro da “normalidade”, xa que outras iniciativas que optaban ao recoñecemento tamén o fixeron no seu momento, logrando posteriormente ser Patrimonio da Humanidade.

RELANZAMENTO DE CÍES

En calquera caso, e tras esixir esas explicacións a Feijóo, o alcalde de Vigo confirmou que retomará a candidatura das illas Cíes, que será presentada para formar parte da lista indicativa (o paso previo antes de formalizar a candidatura ante a Unesco).

Respecto diso, volveu acusar á Xunta de presentar outra candidatura, a das Illas Atlánticas, co único fin de bloquear a iniciativa do Concello, e advertiu de que “xa todo o mundo sabe que a candidatura de Illas Atlánticas é unha candidatura perdedora”. “Presentárona para parar a de Cíes, foi unha operación antiVigo“, sentenciou.

Abel Caballero cuestionou que a proposta da Xunta poida saír adiante, habendo “un inmenso vertedoiro” nas próximidades de Sálvora (un depósito residuos de dragados portuarios acumulados desde hai anos), ou incluíndo a illa de Ons, cuxos habitantes “non queren ser Patrimonio da Humanidade”.

Por contra, vaticinou que o informe da Unesco sobre Cíes “vai ser positivo”, e insistiu en que, desde que se anunciou a candidatura da Xunta para Illas Atlánticas, “Feijóo non fixo nada, só parar a de Cíes”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed