InicioSucesosOs afectados de Paramos denuncian a insuficiencia das axudas de Concello, Deputación,...

Os afectados de Paramos denuncian a insuficiencia das axudas de Concello, Deputación, Xunta e o Estado

Esixen atención psicológica especializada, estudan emprender accións legais e convocan manifestacións.

PUBLICADO O

A plataforma de afectados pola explosión pirotécnica ocorrida o 23 de maio en Paramos denunciou que “se está atrasando todo” o relativo ás axudas que precisan, polo que solicitou permiso para convocar unha manifestación este sábado e unha delegación do colectivo acudirá este mércores ao Parlamento galego.

Así o comunicaron os veciños na súa primeira rolda de prensa como colectivo, na que esixiron “que se axilice” a tramitación das axudas; que se engadan máis subvencións e se incrementen as contías; que se lles facilite atención psicolóxica continua; e “que todas as administracións se impliquen ao mesmo nivel”.

Tamén pediron á aseguradoras “axilidade e que non poñan trabas” e puxeron o foco de atención nas dificultades para o reacollo dos afectados: “Nos estamos a meter onde podemos”. “Axudas xa, porque a xente non ten que estar nin en hoteis nin en casas de familiares, ten que estar na súa propia casa“, espetou unha veciña.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Tal e como mantivo a portavoz Lupe Pérez, despois de dúas semanas dende o suceso, “a situación é a mesma” e mantense “un gran impacto social, con xente sen poder reacollerse”. En relación con iso, manifestou que no caso dos veciños que se mudaron “case todas as vivendas foron buscadas polos particulares, con apoio dos servizos sociais”.

Critican de igual maneira que cada veciño ten que ir solicitar a baixa de servizos como a auga e a luz para que non lles cobren máis, e que ademais cando as vivendas estean rehabilitadas terán que pagar o alta.

Os portavoces tamén esixiron “axilizar a investigación para deixar polo menos entrar aos propietarios”. Así, explicaron que a zona cero da explosión abrangue varias vivendas nas que “mesmo os propietarios atopan dificultades para entrar a coller as súas pertenzas”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Neste marco, dixeron que a xuíza pediu un reforzo e “está a traballar ágilmente nas periciais”, pero lamentaron que hai “atrancos” porque os técnicos necesitan de bombeiros para acceder á zona cero. Por iso, consultarán se o Concello pediu á Deputación dispor de efectivos, e senón solicitarano eles mesmos.

AXUDAS CON ATRASO E INSUFICIENTES

Sobre as axudas, sinalaron que até o momento as únicas decretadas son as da Xunta, aínda que “xa se está atrasando” porque a orde que desenvolve o decreto ía publicarse este martes pero detectouse “algún erro” e, como consecuencia, “sairá o xoves ou venres”.

Tamén o Concello de Tui dispuxo unha partida dun millón de euros, pero insistiron en que “é insuficiente” e ademais aínda non contan “coa base para desenvolver esa partida, e o compromiso é que sairá como moi tarde o luns”.

Aínda que a Deputación puxo ao servizo do goberno local o Plan Concellos, lembraron que estas axudas teñen unha repartición equitativa de acordo coa poboación de cada localidade, polo que insistiron en que “non é suficiente” e ademais “haberá partidas superfluas que si se poden desviar, pero outras que non”.

Explosión de material da pirotécnica La Gallega en Tui / Miguel Núñez

Das axudas estatais, comentaron que este luns se publicou o Real Decreto que regula as subvencións en atención a determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica, pero din que seguen “esperando a que se declare zona catastrófica” e se asigne “unha partida para isto”.

Neste ámbito, o portavoz Salvador García censurou que após participar no Gabinete de crise, a súa sensación “foi de descontrol e pasarse a pataca quente” entre Concello, Deputación, Xunta e Goberno, aos que instou a remar “na mesma dirección”. A iso súmase que, co cambio de goberno estatal, ata que o consello de ministros non dea a súa aprobación as axudas “non van chegar”.

PIDEN MÁIS AXUDAS

Por todo isto, solicitaron que a Deputación inclúa nos seus orzamentos de 2019 unha partida destinada a atender aos veciños de Paramos, e que a Xunta dispoña máis medios a través de máis consellerías, entre as que mencionaron Medio Ambiente (para o rebo) e Medio Rural (para explotacións de cetraría, galpóns, alpendres, etc.).

Especificamente, esixen aumentar as axudas para segundas vivendas, que se concreten as axudas para locais comerciais e industrias e crear partidas para vehículos. Piden tamén que se materialice a exención de taxas para os afectados e que as axudas non teñan que tributar.

Explosión de Tui/ Miguel Núñez

Ademais, os portavoces lembraron que as axudas se centran nas vivendas, pero enumeraron outras necesidades que non ven cubertas. Así, reclaman unha partida para o rebo, xa que a Deputación de Pontevedra trasladoulles que porá á súa disposición medios “pero ninguén puxo partidas”.

En relación con isto, propuxeron que o Concello dispoña unha parcela para acumular alí os cascallos e que a xente poida iniciar a reconstrución das súas vivendas “canto antes”. “Preocúpanos bastante o rebo, e terán que sumar todas as administracións: medios ou diñeiro”, apuntaron.

A maiores, entenden que a oficina urbanística do concello é “insuficiente”, polo que, para axilizar os trámites, solicitaron “máis axuda” á Deputación de Pontevedra. “Entendemos que a oficina se faga pequena nesta situación, pero necesitamos que se axilice, porque as axudas teñen prazo”, remachou Pérez.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA

Igualmente, reprobaron que o Sergas ofreza atención psicolóxica para os afectados por vía ordinaria, é dicir, que vaian ao médico de atención primaria para que lles remita, se corresponde, ao especialista. Así, advertiron dos efectos que o ocorrido pode ter sobre a xente, e especialmente sobre nenos e maiores.

García subliñou que este sistema “non é adecuado”, e esixiu atención directa aos afectados dende o centro de saúde, para o que pediu crear unha praza de psicólogo (que ademais dixo que é “unha reivindicación de Tui desde hai tempo) ou que se valore ‘in situ’ aos afectados. “Hai que darlle continuidade” á atención, concluíu.

MOBILIZACIÓNS

Neste contexto, os veciños comezan mobilizacións, que arrincarán este mércores coa súa presenza no Parlamento de Galicia, a onde foron convidados polo PP e En Marea. Así, acudirá unha delegación de 19 persoas e En Marea fretará un autobús. “Convocamos á cidadanía a que tamén acuda”, agregaron.

Tamén solicitaron á Subdelegación do Goberno permiso para a manifestación, que sairá ás 20,00 horas do sábado da área Panorámica até o Concello de Tui. A esta mobilización chamaron tamén aos cidadáns “para que as administracións non –lles– deixen de lado e traballen por resolver o problema canto antes”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

En canto á plataforma, consideraron que se lles “traslada aos veciños a responsabilidade do ocorrido” cando son “os menos culpables”, e ven “triste” ter que agruparse para “pelexar polo que –lles– corresponde”. En todo caso, referendaron que o único obxectivo desta entidade “é axudar aos veciños”.

O expedáneo de Paramos e membro da plataforma Laureano Gonzalez tamén interveu para negar que o dono da pirotecnia “tiña acolloados” aos veciños de Paramos para que non dixesen “nada” do material pirotécnico. “Non hai ninguén aquí que soubese o que había aí”, selou.

Finalmente, os portavoces lembraron que están en trámites para constituírse como asociación, o que esperan que aconteza esta mesma semana. Unha vez culminado o proceso, poderán emprender accións legais polo ocorrido: “Si, está nos plans loitar por vía legal tamén”, remataron.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...