Inicio Blog Páxina 1517

A Xunta critica as distintas “versións” das datas para a chegada do AVE a Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, criticou que o Goberno central achegue “tantas versións” da data para a entrada en funcionamento da liña de alta velocidade que conectará Galicia con Madrid “como días da semana”.

Así se pronunciou, a preguntas dos xornalistas tras un evento en Vigo, despois de que a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Isabel Pardo de Vera, asegurase que, “se as probas a Puebla de Sanabria (Zamora) van tan ben e nos próximos meses pomos en servizo ese tramo desde Pedralba”, Galicia “podería ter a posta en servizo” do AVE na primavera de 2021.

Ante esta situación, a conselleira sinalou como un sinal de “respecto” aos galegos trasladarlles “cando chegará o AVE” a Galicia e denunciou que as datas avanzadas polo Executivo que preside Pedro Sánchez sexan “contraditorias”.

Nesta liña, a titular autonómica de Infraestruturas tamén resaltou que a Xunta xa advertira de que a finalización das obras da liña ferroviaria comprometida por Adif para finais de 2019 non sería posible debido aos “atrasos” acumulados e denunciou que se acusase por iso ao Goberno galego de “mentir”.

Tamén lembrou que se barallan datas próximas a este verán para a finalización das obras. Así, aínda que recoñeceu que esta actuación é “complexa”, insistiu en que tamén se debe recoñecer o “dereito” dos galegos a coñecer a data na que se terminará.

O Concello de Arbo insiste cun novo non á liña de alta tensión

O Pleno municipal do Concello de Arbo, en sesión extraordinaria urxente deste 24 de outubro, acordabou por unanimidade dos membros do plenario mostrar o seu rexeitamento contra a Linea 400 KV Fontefría-Frontera Portuguesa.

O día 16 de setembro de 2019 este concello recibiu expediente para estudio de viabilidade dun trazado alternativo do tramo final da Linea 400 kV Fontefría-Fronteira Portuguesa que pasa entre o límite do veciño concello de As Neves e o barrio de Rozas, dentro da parroquia de Sela. Esta é unha alternativa que tanto o Concello como a veciñanza rexeitan como xa fixeran coa anterior proposta que discurría polos barrios de Valiñas e Poste.

Durante o pleno, Horacio Gil, alcalde de Arbo, manifestou que defenderá sempre o interese de todos os veciños e veciñas de Arbo, mantendo a postura de rexeitamento de calquera liña de alta tensión que afecte a calquera zona dentro do territorio deste municipio, como se recolle no escrito de alegacións que o plenario acordou remitir ao Ministerio.

Neste escrito tamén se insiste no rexeitamento á afección orixinaria aos barrios de Valiñas e Poste. Por iso es pide o arquivo do expediente, así como considerar inviable a conexión coa alternativa proposta polo barrio de Rozas, pola afección ás persoas, ás súas propiedades e ao patrimonio, ademáis de non contar con saída ao enlace co país veciño.

O Festival de Cinema Inclusivo de Vigo aposta por facer visibles outras realidades

0

O Festival de Cinema Inclusivo de Vigo presentou este venres a programación completa da súa cuarta edición, que se celebrará no Auditorio Municipal e nos cinemas Salesianos do 22 ao 26 de outubro, e que continuará apostando por facer visibles outras realidades.

Así, unha trintena de títulos, entre longametraxes, curtos, series e webseries, conforman esta programación, de entrada gratuíta, que pretende dar visibilidade a realidades “ocultas ou descoñecidos” a través do audiovisual, así como que o cinema sexa unha arte feita “por e para todas as persoas”.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto deste venres, onde destacou o festival como un encontro “único e pioneiro” que ten no seu valor social o seu principal elemento distintivo dentro do panorama cinematográfico galego.

Tamén asistiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Esta última subliñou o papel do festival “como factor de apoio á democratización da cultura”, segundo recolleu o ente provincial nun comunicado.

Acusan de “caciquismo” ao goberno vigúes: cartos públicos para premiar “os que non pensan diferente”

Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, iniciou unha rolda de contactos con colectivos e organizacións sociais da cidade para “escoitar de maneira activa as súas opinións e demandas”. O primeiro encontro realizouno, acompañado do responsábel local do BNG, Serafín Otero, coa Comisión Permanente da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” (FAVEC).

A xuntanza, de noventa minutos, na que participou a presidenta da FAVEC, María Pérez, tivo lugar na sede da Federación. “Trasladeille á Comisión Permanente da FAVEC o apoio do BNG ao conxunto do movemento veciñal de Vigo. Sen participación non pode haber democracia, e as asociacións veciñais son espazos plurais e abertos para que as viguesas e os vigueses participen”, explicou o candidato ao remate do encontro.

Pérez Igrexas puxo en valor o papel da Federación Veciñal como “voz dos barrios”. Nese sentido, enfatizou que “o BNG sempre respeitamos a independencia da FAVEC, garantida pola pluralidade que convive no movemento veciñal, e recoñeceremos sempre o seu papel como interlocutor dos barrios e parroquias. Onte, hoxe e sempre. Coincidamos ou discrepemos. Con esta directiva ou con calquera outra”.

“No movemento veciñal a primeira e máis importante lección que aprendín foi a de escoitar. Sobre todo a de escoitar a quen pensa diferente. Iso é o que fai falla nesta cidade. Escoitar para sumar”, afirmou Igrexas.

Barrio vigués de Ribadavia / Miguel Nuñez

Na reunión, o candidato nacionalista puxo en común coa dirección do colectivo veciñal a súa preocupación polo “patente abandono” dos barrios e das parroquias. “Vemos como hai viais e camiños abandonados, como o mato medra sen control, como segue a haber importantes deficiencias en subministros básicos, ou como en moitos barrios padecen un transporte urbano de terceira división“, explicou Igrexas.

Por outra parte, denunciou tamén “o importante déficit dotacional que seguen a sufrir moitas zonas da cidade, en materia de infraestruturas, pero tamén de dotación culturais, deportivas ou de esparcemento, ademais de ser evidente a falta de atención da grave situación de emerxencia social que padecen millares de viguesas e vigueses”.

“Dixémolo diante do escándalo indecente das luces de nadal. Os cartos das viguesas e vigueses ten que dedicarse a atender os seus problemas e necesidades, non en circo”, remachou.

Por outra parte, o candidato do Bloque cualificou de “inaceptábel” o uso “caciquil” que o Goberno municipal fai dos recursos públicos. “É absolutamente inaceptábel utilizar o diñeiro público para premiar os colectivos que aplauden o goberno e castigar, e mesmo tentar afogar economicamente, a quen discrepa ou opina diferente. Iso é política caciquil pura e dura”, denunciou.

Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.
Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.

As traballadoras da limpeza do Hotel Bahía maniféstanse contra o seu despido fulminante

As traballadoras da limpeza do Hotel Bahía de Vigo levan 4 días manifestándose, posto que o día 7 deste mes de maio presentoulles a empresa a carta de despido, “sen ternos dito nada nin a empresa (Aliance) nin o hotel. Entón acudimos á CXT (Conferencia Xeral de Traballadores) para ver como podíamos mobilizarnos, e o sindicato falou con ambas partes pero sen alcanzar un acordo”, declara Maribel Alonso, unha das traballadoras afectadas.

As  traballadoras esixen que as readmitan ou que cando menos as coloquen noutro posto de traballo, ata agora a única proposta foi en Oporto, a 140 quilómetros, o cal rexeitan: “Ata o venres manifestarémonos no hotel, o luns en Camelias” (onde está ubicada a sede de Nortempo, a nova empresa concesionaria).

Hotel Vahia dono
Un sindicalista fala con César Sánchez, dono do Hotel Bahía/ Miguel Núñez

“Non podes mandar 15 persoas á rúa sen antelación ningunha, moitas nais con fillos que queremos sacar adiante, e de súpeto vémonos fóra”, denuncia Maribel. Falaron hoxe co director do Hotel Bahía, César Sánchez Ballesteros, e “díxinos que estaba moi contento co noso traballo, pero se a nova empresa, Nortempo, non nos collía, non era o seu problema, non están poñendo do seu lado”, lamenta Maribel.

“Chega Nortempo e di que non contrata a ningunha. Así que estamos en pé de guerra por un posto de traballo, algunhas traballadoras, xa con 50 anos, non atopan un emprego con facilidade, poden non telo en moito tempo, e levábamos entre un e cinco anos aquí”, denuncia.

Concentración á porta do Hotel / Miguel Núñez

Esta traballadora engade tamén que “Aliance, que ao comezo pagábanos moi mal cun convenio desactualizado e acadáramos un convenio dentro da legalidade, pediu unha subida ao hotel, e entón este decidiu cambiar por Nortempo, e todos desentendéronse de nós. Ao día seguinte de amosarnos a carta de despido, xa estaban en activo as novas traballadoras, cun convenio inferior”.

Hotel
Paula Quinteiro, diputada de Podemos no Parlamento de Galicia / Miguel Núñez

Así que esixen ser restituídas nalgún emprego, xa sexa no mesmo hotel ou na limpeza doutro establecemento, e remarca Maribel que “se, como din dende o hotel, estaban tan a gusto con nós, igual o que deberían de facer é mirar as posibilidades que hai”.

O BNG pide ao Goberno que priorice a conexión ferroviaria Vigo- Porto

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno do Estado que priorice a conexión ferroviaria que une a cidade de Vigo co Porto. O parlamentario rexistrou iniciativas no Congreso para coñecer os compromisos alcanzados no Goberno do Estado e o executivo portugués tras o cume hispano-luso celebrada en Trujillo.

Segundo informou o Bloque nun comunicado, a formación quere saber se se tratou de forma específica esta conexión entre Galicia e o norte de Portugal e se o Executivo estatal incluirá nos orzamentos xerais do Estado (PGE) partidas suficientes para levar a cabo o novo trazado e o impulso da modernización da liña ferroviaria Vigo-O Porto.

O BNG lembra que na comparecencia ante os medios, os presidentes dos dous Estados, Pedro Sánchez e Antonio Costa, fixeron pública a súa aposta polo tren e transporte sustentable pero non anunciaron compromisos concretos de investimento nin acordos sobre prazos.

O Bloque, que sinala que o presidente de Portugal mencionou nas súas declaracións que una das prioridades en materia ferroviaria era a conexión Vigo-O Porto, crítica que Sánchez “se esquecese” de citar a conexión do Eixo Atlántico pero si nomease a conexión Madrid-Lisboa. Por este motivo, a organización frontista quere saber se durante o cume, ambos os estados trataron de forma específica nas conversacións a modernización da conexión ferroviaria, tanto de viaxeiros como de mercadorías, entre Vigo e O Porto.

Ademais, pregunta sobre se o Executivo español “rectificará e incluirá nos orzamentos partidas especificas suficientes para acometer as obras de modernización e adquisición de máquinas e vagóns mellores, así como a ampliación de frecuencias”. “A modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e O Porto é vital por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para a vertebración das conexións entre Galicia e o norte de Portugal“, incide o BNG.

Néstor Rego crítica que proxectos como o saída sur de Vigo, a supresión dos pasos a nivel, a mellora do trazado e a dotación con sistemas de seguridade máis avanzados continúan sen contemplarse e sen ter partidas específicas. “O trazado do Eixo Atlántico segue sen avances, sendo un proxecto prioritario para garantir o futuro económico de Galicia”, salienta.

“É imprescindible a modernización e mellora do servizo desta liña”, subliña o parlamentario do Bloque, que incide en que esta actuación debe ir acompañada tamén da integración da liña de mercadorías Vigo-O Porto en Corredor Noroeste, garantindo o acceso a fondos europeos para o seu financiamento.

O novo xulgado do Social de Vigo entrará en funcionamento o mércores

Os novos xulgados do Social da Coruña, Vigo e Lugo entrarán en funcionamento o mércores, día 31, segundo explicou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, nunha visita ás dependencias do xulgado do Social número 7 da Coruña, que estará situado na antiga Audiencia Provincial.

Á visita, asistiron tamén o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

“Os xulgados sociais son os que teñen máis sobrecarga de asuntos”, afirmou Juan José Martín, quen lembrou que A Coruña conta agora mesmo con seis xulgados do Social e “hai dous reforzos compostos por xuíces e letrados da Administración de Xustiza e dez funcionarios da Xunta”.

Ademais do xulgado da Coruña, tamén se porán en marcha o mesmo día outros dous xulgados do social, un en Vigo e outro Lugo. “A Xunta fai un investimento de máis de 850.000 euros co tres novos xulgados, que se investirán en mobiliario, equipo informático ou funcionarios”, subliñou Juan José Martín.

Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia expresou “a súa satisfacción” coa Xunta e o Ministerio de Xustiza e felicitou as actuacións de xuíces e xuízas, xa que a pesar da carga de traballo na pandemia, “o número de asuntos en trámite descendeu entre o 1 e o 7%”.

Segundo apuntou, actualmente “habería preto de 35.000 asuntos en trámite” na cidade da Coruña. “Con este novo xulgado o que faremos é manternos nunha situación óptima”, dixo.

Por último, respecto da petición para que haxa un novo xulgado do Mercantil na cidade, que sería o terceiro de materializarse, o director xeral de Xustiza dixo “que se todo vai ben, podería entrar en funcionamento a finais de ano”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

O IES de Chapela ao carón da AP-9: “temos que usar micrófonos para que os alumnos nos oian”

O IES Chapela de Redondela ostenta a dubidosa honra de ser o centro educativo con maior exposición a ruídos de toda a Comunidade galega. Este instituto da provincia de Pontevedra comparte inmediacións con varias das vías máis concorridas da contorna, entre elas a AP-9, cuxo paso constante de vehículos leva décadas dificultade a docencia nas súas aulas.

O problema da contaminación acústica do IES Chapela vén de atrás, pero, segundo destaca Miguel Pérez, o seu director, estase a agudizar con motivo da situación pandémica. A Consellería de Educación da Xunta de Galicia recomendou aos centros da comunidade manter a abertas as xanelas das aulas todo o tempo posible para reducir a concentración de CO2 e así minimizar o risco de contaxio de covid. O problema é que esta medida complica aínda máis os problemas acústicos do centro, en particular da cara que dá directamente á autopista.

“Hai moitísimo ruído, é insoportable”, relata Miguel Pérez; que, á parte de levar a dirección do colexio é profesor de Música; unha docencia na que se deixan entrever con claridade as problemáticas desta proximidade ás estradas. Segundo explica, a ampliación da AP-9 acometida en 2016 sumou dificultades á posición do IES Chapela, deixando a apenas “15 ou 20 metros” as vías de comunicación, que producen un zunido constante e molesto. “Pasa un coche cada segundo, cuantifica Pérez citando un informe de Audasa, concesionaria do trazado en cuestión.

Este fluxo de vehículos provoca un nivel de decibelios que, de acordo co director do centro, supera amplamente os límites da Xunta de Galicia: “aquí incúmprense todo tipo de normativas”, explica. O centro, que leva construído máis de 3 décadas, xa demandou tanto á administración autonómica como á concesionaria solucións á problemática, sen que polo momento obtiveran resultado algún.

SILENCIO DA XUNTA

“Audasa comprometeuse anos atrás a poñer unhas pantallas acústicas, pero aínda non se sabe nada”, concreta Pérez, á cabeza dun centro que, polo seu volume de alumnos –roza o millar– non se pode permitir unha redistribución das aulas. A solución temporal ante esta problema pasou por traer equipos de son e que os profesores comezaran a dar a aula valéndose dun micrófono; un remendo que non consegue atallar os problemas de concentración testemuñados por diversos alumnos.

Dende o IES móstranse críticos coa Consellería de Edudación por manterse –din– en silencio ante esta problemática. Segundo explica o director, tras tentar poñerse en contacto por diversas vías co ente dependente da Xunta seguen sen recibir “unha soa chamada” dos responsables de Educación. “Aquí incúmprense todo tipo de normativas, pero tanto lles ten. Quérennos ter dando clase como sexa”, censura Pérez.

Pontevedra é a provincia galega con máis concellos en alerta vermella por covid-19

Os municipios ourensáns do Carballiño, Barbadás e Verín, así como a localidade pontevedresa de Baiona e a luguesa de Monforte de Lemos deixaron de figurar en vermello este sábado no mapa ‘semáforo’ que cada día actualiza o Sergas, grupo que marca a máxima alerta polos casos detectados de covid-19 e no que ingresan Noia (A Coruña), Soutomaior (Pontevedra) e Chantada (Lugo).

Deste xeito, o número de municipios sinalados en vermello no mapa sitúase en 48, dous menos que o venres, mentres que son 25 os concellos no segundo nivel de alerta, o laranxa.

Así as cousas, as novidades respecto ao venres é a saída do grupo de concellos en ‘vermello’ do Carballiño, Barbadás, Verín, Monforte e Baiona. Por contra, ingresan entre os 48 municipios Chantada, Noia e Soutomaior.

Deste xeito, Pontevedra é a provincia con maior número de concellos en ‘vermello’ cun total de 21: Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Séguelle A Coruña, na que están un total de 19 concellos en alerta máxima: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Carballo, Malpica, Cabana, Vimianzo, Ordes, Santiago, Ames, Teo e Noia.

Por contra, na provincia de Ourense só hai tres municipios en alerta máxima: a capital provincial (Ourense), Xinzo de Limia e Ribadavia. En Lugo son cinco: Cervo, Chantada, Viveiro e Burela, ademais da propia Cidade dás Murallas.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que se detectaron máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol –máis de 76 casos nunha semana–, Pontevedra –máis de 96–, Santiago –máis de 112–, Lugo –máis de 112–, Ourense –máis de 120–, A Coruña –máis de 276– e Vigo –máis de 332–.

25 EN ALERTA LARANXA

No segundo nivel de alerta atópanse 25 concellos galegos, concentrados, do mesmo xeito que ocorre cos concellos marcados en ‘vermello’, nas provincias de Pontevedra e A Coruña, que contan respectivamente con 7 e 12 localidades en aviso laranxa.

Así, en Pontevedra ingresan este sábado no grupo da alarta laranxa Bueu e Baiona, saen A Estrada, Soutomaior e Gondomar e permanecen Cuntis, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Tomiño e A Cañiza.

Na Coruña, as novidades son a saída de Betanzos, Oroso, Boqueixón e Noia e a entrada de Cee, Porto do Son e Melide. Continúan respecto ao día anterior Valdoviño, Mugardos, Ares, Sada, Cerceda, Ponteceso, Laxe, Zas e Santa Comba.

En Lugo son tres os concellos en cor laranxa –Guntín, Pas e Monforte (entra Monforte, sae Chantada)–; mentres que en Ourense hai outros tres –Verín, Carballiño e Barbadás, todos procedentes do nivel vermello–.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed