Inicio Blog Páxina 130

Caballero acusa á RFEF e ao PP de vetar a Vigo como sede do Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou este martes as súas acusacións contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, e contra o PP, aos que responsabiliza de opoñerse a que Vigo sexa unha das sedes do Mundial de fútbol de 2030. Ademais, avanzou que xa solicitou unha entrevista coa nova ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes para informarlle directamente desta situación.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico volveu cargar contra a Xunta de Galicia, a través da súa delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz —á que cualificou como “subdelegada” e “cargo político menor”—, acusándoa de soster “mentiras” sobre o proxecto de ampliación de Balaídos e sobre o cofinanciamento das obras. Segundo Caballero, o goberno autonómico coñece “todo” o relacionado coa candidatura de Vigo, pero “non quixo asinar a solicitude” para ser sede do Mundial e negouse a participar no financiamento da parte que lle correspondería das obras no estadio municipal.

CRÍTICAS Á RFEF E Á EXCLUSIÓN DE VIGO

O alcalde volveu censurar que a RFEF non propuxese a Vigo como sede, mesmo tras a renuncia de Málaga, o que, segundo denunciou, provocou que España conte con 11 sedes concedidas pero só se enviasen 10 candidaturas.
“Porque non quixo enviar o nome de Vigo, porque Rueda dille a Louzán que non envíe o de Vigo, que Vigo non pode ser de ningún modo sede do Mundial”, afirmou. Así mesmo, insistiu en que esta postura explicaría a negativa da Xunta a contribuír economicamente ás obras de Balaídos, a pesar de que, segundo recalcou, se trata da “icona deportiva máis importante que hai en Galicia”, sexa ou non sede mundialista. “Queren que sexa A Coruña, e se non é A Coruña, ningunha en Galicia”, subliñou, antes de asegurar que Louzán, a Xunta e o PP están “confabulados contra Vigo”.

“IMOS PELEXAR A FONDO”

“Pois imos pelexar a fondo”, advertiu Caballero, quen confirmou que solicitou unha reunión coa ministra Milagros Tolón e tamén co Consello Superior de Deportes, “para falar do Mundial”. Neste sentido, deixou claro que non renunciará “de ningún modo” a descubrir “as trampas e o aconchabamento” que, ao seu xuízo, manteñen PP, Louzán, Alfonso Rueda e a Deputación de Pontevedra contra a cidade. “Non me vou quedar calado. Voullo contar ao Goberno de España, á ministra de Deportes e ao presidente do Consello Superior de Deportes. Vou levar a voz de Vigo a todas partes”, sentenciou.

A Universidade de Vigo impulsa a dixitalización da acuicultura atlántica

Investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participan no proxecto europeo DigiATLA, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar a transformación dixital da acuicultura atlántica, fortalecendo as súas capacidades de produción sustentable, nutrición de precisión e adopción de tecnoloxías da Industria 4.0. O proxecto abordará retos do sector, como a baixa integración dixital, as ineficiencias produtivas ou o impacto ambiental, e está liderado polo Laboratório Colaborativo para unha Aquacultura Sustentável e Intelixente de Portugal.

DigiATLA abordará retos do sector como a baixa integración dixital, as ineficiencias produtivas e ou impacto ambiental, factores que limitan a competitividade e resiliencia da acuicultura. O CIM da UVigo participa a través do grupo PhystoFish, cun orzamento de 300.000 euros, liderado polo catedrático José Luís Soengas. O centro vigués contribuirá á creación de contidos de formación centrados na análise de datos, uso de ferramentas dixitais e técnicas de acuicultura de precisión.

No marco dos ensaios piloto, os investigadores vigueses participarán en estudos coa dourada e o salmón atlántico, analizando a expresión xénica relacionada coa regulación da inxesta de alimentos. Deste xeito, poderase avaliar a resposta biolóxica dos peixes a diferentes estratexias de alimentación e condicións ambientais, xerar datos para optimizar as prácticas acuícolas e avanzar cara a unha produción máis eficiente e sustentable. Ademais, o CIM organizará sesións anuais de formación e colaborará activamente nas accións de divulgación e sensibilización do proxecto, difundindo os resultados científicos e promovendo a transformación dixital do sector.

O padroado do Ifevi aproba o prego para deseñar o seu futuro plan estratéxico

O padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) aprobou este xoves por unanimidade, nunha reunión presidida polo conselleiro José González, o prego técnico para a contratación da asistencia técnica que elaborará os plans funcional e estratéxico do recinto. Proximamente, lanzarase a licitación co fin de deseñar no menor prazo posible estas ferramentas “clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo, con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo”.

A reunión tivo lugar tras os encontros celebrados no marco do grupo de traballo creado para potenciar o Ifevi, no que se puxeron en común as principais necesidades e liñas de actuación. Entre estas prioridades inclúense as melloras operativas, cuestións críticas relacionadas cos accesos e o aparcadoiro, así como a reordenación de espazos. A Xunta subliñou que “a tarefa principal é avanzar con axilidade e rigor técnico para que o Ifevi poida dispor canto antes dunha folla de ruta sólida en beneficio de Vigo e da súa área de influencia”.

No devandito grupo de traballo participan representantes da propia Xunta, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Cámara de Comercio, a Mancomunidade de Vigo, a Zona Franca, e feiras de referencia como Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil.

NOVA VALORACIÓN DO RECINTO

Na xuntanza tamén se abordou o proceso de elaboración dunha nova valoración homologada do recinto, que xa está en marcha baixo a premisa de que este estudo “non supoña frear nin atrasar os traballos que xa están en marcha”. Trátase dunha tarefa que avanza en paralelo ao grupo de traballo co obxectivo de “reforzar a transparencia e a confianza institucional”.

Este acordo, segundo indicou o goberno autonómico, é un reflexo da “man tendida” ao Concello de Vigo e á Zona Franca. A Xunta reafirmou así a súa aposta pola implantación dun modelo de gobernanza baseado nun sistema tripartito de toma de decisións por unanimidade entre as tres entidades para garantir a estabilidade do complexo feiral.

Investigados catro menores por golpear e vexar a outro de 12 en Nigrán e difundir vídeos

0

A Garda Civil investiga a catro menores, tres homes e unha muller de entre 16 e 17 anos, todos eles veciños de Nigrán como presuntos autores de delitos de lesións, contra a integridade moral e ameazas por agredir a un menor de 13 anos de idade. Ademais, outro rapaz de 13 anos foi identificado.

Segundo informou o Instituto armado, os feitos ocorreron o pasado 10 de xaneiro, cando varios dos investigados retiveron ao menor e levárono á forza a un canellón da zona, onde o agrediron. A Garda Civil sinalou que unha das menores investigadas fixo un vídeo da agresión, no que aprecian como é golpeado e zarandeado, obrigándoo a pórse de xeonllos. O vídeo foi posteriormente compartido entre varios menores.

A vítima da agresión, acompañado da súa nai, presentou unha denuncia no Cuartel da Garda Civil de Baiona, que puxo en marcha a investigación co obxectivo de lograr a identificación de todos os implicados, así como das numerosas testemuñas. A Garda Civil explicou que grazas á colaboración dos diferentes colexios e institutos do Val Miñor, logrouse identificar a todos os implicados. Ademais, os axentes determinaron como mentres uns eran os autores materiais da agresión, outros gravaron a mesma ou axudaron á súa difusión.

Ademais, segundo o relato policial, outro menor amigo dos agresores, tamén investigado e que non se atopaba no lugar dos feitos, comezou a escribir mensaxes ameazantes á vítima para evitar a denuncia. As dilixencias foron postas a disposición da Fiscalía de Menores.

Vigo convértese en epicentro da oncoloxía de precisión con máis de 40 expertos de toda España

0

A cidade de Vigo acollerá este mes o VIII Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión, un foro que reunirá a especialistas de toda España para analizar os últimos avances clínicos e de xestión neste ámbito clave da medicina personalizada. Nesta edición, o encontro poñerá o foco na implementación das unidades de ensaios clínicos de fases I, espazos concibidos para integrar investigación e asistencia sanitaria, facilitar o acceso temperán a terapias innovadoras e garantir a seguridade e calidade dos tratamentos.

O simposio celebrarase os días 19 e 20 de febreiro na sede de Afundación en Vigo, baixo a coordinación científica dos doutores Sergio Vázquez Estévez, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo), e Martín Emilio Lázaro Quintela, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Segundo informa a organización, o encontro contará con máis de 40 expertos como relatores e moderadores e suma xa máis de 150 profesionais inscritos. “O simposio destaca polo seu enfoque transversal, conectando especialistas de distintas áreas oncolóxicas con representantes da industria farmacéutica e da Administración”, sinalan. O foro está organizado pola Fundación Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur.

ENSAIOS CLÍNICOS E ACCESO TEMPERÁN A TERAPIAS INNOVADORAS

Un dos eixos centrais será a mesa dedicada á implantación de unidades de ensaios clínicos de fases I. Segundo explica o doutor Martín Lázaro, o obxectivo é compartir experiencias, identificar barreiras organizativas e definir modelos eficaces que permitan integrar investigación e asistencia, garantindo tanto a seguridade dos pacientes como o acceso a tratamentos innovadores. Pola súa banda, o doutor Sergio Vázquez subliña que o carácter transversal do foro permitirá reunir a especialistas de distintas áreas tumorais, “identificar puntos de encontro, aprender uns doutros” e avanzar cara a unha oncoloxía de precisión máis coordinada e equitativa.

XENÓMICA, INTELIXENCIA ARTIFICIAL E APOIO Á INVESTIGACIÓN NOVA

O programa inclúe tamén temas considerados crave no presente e futuro da especialidade, como a incorporación da secuenciación xenética desde o diagnóstico inicial do cancro, o uso da intelixencia artificial e a bioinformática como apoio á decisión clínica e á xestión das toxicidades, un desafío crecente nas terapias dirixidas. Durante o simposio celebrarase ademais a sétima edición das Bolsas Javier Casteláns, destinadas a recoñecer e apoiar proxectos de investigación de novos oncólogos. Como destaca o doutor Lázaro, “investir en mozos investigadores é investir no futuro do sistema sanitario e en mellores opcións para os pacientes”.

Os empresarios de Mos alertan dun “golpe irreparable” á economía polo trazado da nova A-52

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) trasladou este martes a súa “máxima preocupación” ante a falta de resposta ás alegacións presentadas hai un ano respecto ao trazado da nova autovía A-52 (O Porriño-Vigo). O colectivo insistiu en que o deseño actual pon en risco a actividade do que consideran o “principal eixo industrial do sur de Galicia”. Os empresarios lembraron que as súas obxeccións conteñen advertencias técnicas e económicas de enorme calado e instaron á administración central a informar o máis axiña posible para atender as súas demandas lexítimas.

Como alternativa ao novo trazado, os empresarios volveron a solicitar a gratuidade da autoestrada AP-9 entre Puxeiros e Tui, e mesmo a liberación total de toda a vía. Segundo aseguran, esta medida permitiría reducir a saturación e a sinistralidade na actual A-55, mellorando a mobilidade e aportando un “alivio económico inmediato” ás empresas de Mos, cuxa competitividade se ve condicionada polo sobrecusto da peaxe. Respecto ao proxecto da nova autovía, AEMOS reiterou que o deseño “ignora” as necesidades do sector ao non incorporar accesos directos a ningún dos polos empresariais do municipio, non resolve os colapsos na N-550 e afecta a zonas xa consolidadas.

A entidade quixo aclarar que non se opón á creación de novas vías de comunicación, senón ao trazado concreto exposto actualmente, que compromete directamente a nove empresas que sosteñen 250 empregos, o que suporía un impacto negativo irreparable para a economía local. Denuncian que a nova autovía, cun custo estimado de 400 millóns de euros, bloquearía máis de 80.000 metros cadrados de chan industrial e terciario, impedindo ligazóns directas e comprometendo seriamente o crecemento económico que está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Mos.

Por todo isto, os empresarios de Mos resumen as súas demandas ao Ministerio de Transportes na esixencia dunha resposta inmediata ás súas alegacións, a modificación do trazado para incluír accesos aos polígonos e a protección do chan produtivo existente. Así mesmo, insisten na liberación da peaxe da AP-9 e na adopción de medidas de mobilidade que melloren realmente a situación sen xerar impactos territoriais e económicos irreversibles para o tecido empresarial da zona.

Protesta pola sanción a unha traballadora que alertou dunha mala praxe nunha escola infantil

Decenas de persoas concentráronse na mañá deste xoves en Vigo tras a sanción a unha empregada dunha escola infantil pública da Xunta de Galicia por informar a unha nai dunha presunta mala praxe levada a cabo, supostamente, por unha educadora do centro. A protesta levou a cabo ante as instalacións da Escola Infantil Rosalía de Castro, situada no barrio de Coia, despois de que o Goberno galego abrise expediente a unha traballadora do centro por avisar á nai dunha alumna sobre un suposto caso de acoso ocorrido en marzo do ano pasado.

Segundo relatou a propia amoestada, Eva Pallas, ela decatouse do sucedido a través doutra traballadora, que lle contou que vira un caso de mala praxe dunha educadora cara a unha nena. Á saída do centro, a nai da alumna presuntamente acosada preguntoulle directamente se ocorrera algo ao notar á filla nerviosa. Por iso, ela contoulle o que sabía e avisaron tamén á directora do centro. En concreto, tal como explicou o secretario xeral do sindicato CUT, Ricardo Castro, unha das educadoras encerraría á nena no baño para tratar de que deixase de chorar.

Tiveron que pasar varios meses ata que a traballadora recibiu unha notificación de apertura de expediente sancionador por contar á nai o ocorrido. En principio, acusábaselle de non cumprir o protocolo, pero ao decatarse de que este non existía, a sanción xustificouse por saltarse o deber de confidencialidade. Tanto a afectada como o sindicato consideran que é deber do empregado público informar ás familias se se é preguntado directamente e cualifican a situación como unha “clara práctica de coacción”.

Finalmente, a sanción quedou nunha amoestación leve por escrito, pero os manifestantes solicitaron á Xunta a revogación da mesma e a creación de protocolos de actuación claros ante situacións similares. Polo momento, descoñécese se a educadora implicada nos feitos, que xa non traballa no centro, sufriu algunha represalia pola súa conduta cara á menor.

Un ferido ao caer unha árbore sobre unha furgoneta na A-55, no Porriño,

Unha persoa resultou ferida na mañá deste mércores na A-55, ao seu paso por Porriño, en Pontevedra, ao caer unha árbore sobre unha furgoneta á altura da parroquia de Budiño. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar sobre as 9,40 horas, cando un particular alertou da caída dunha árbore sobre o vehículo no quilómetro 22, sentido Tui.

Os bombeiros do Porriño desprazáronse de inmediato ao lugar e confirmaron que a árbore interrompía a circulación na vía. Nestes momentos, os servizos de emerxencias traballan na retirada da árbore e na normalización do tráfico. o operativo participan, ademais dos bombeiros, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os voluntarios de Protección Civil do Porriño e os servizos de mantemento da autovía.

A CIG denuncia que o modelo de Muface prioriza o beneficio económico sobre o dereito á saúde

A CIG denunciou este luns que o modelo de mutualismo administrativo está deseñado para pór “obstáculos administrativos nos procesos complexos e custosos” mentres as entidades privadas se centran nos casos máis rendibles. A central nacionalista basea esta crítica na recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que deu a razón a finais de outubro a un mutualista ao que Muface lle denegara a asistencia nunha intervención oncolóxica en Vigo. O tribunal recoñeceu o dereito do paciente a que a Administración lle abone os 31.100 euros que tivo que custear polo seu tratamento.

Segundo a CIG, este caso é unha proba clara de como funciona o sistema de sanidade concertada, que “traslada o risco económico aos pacientes cando o tratamento resulta caro”. O sindicato afirma que Muface actuou como unha “correa de transmisión dos intereses da aseguradora”, negándose a asumir o custo da operación co único obxectivo de aforrar gastos. Para a central, esta resolución deixa en evidencia as carencias estruturais dun modelo baseado na externalización cara a entidades privadas cuxo fin principal non é a garantía de dereitos, senón a maximización de beneficios.

CISTECTOMÍA RADICAL CON ROBÓTICA

O procedemento obxecto do conflito foi unha cistectomía radical realizada con cirurxía robótica, unha técnica complexa e custosa. A CIG denuncia que Muface avalou unha interpretación “restritiva e interesada” do concerto sanitario para evitar o pago. O fallo xudicial, segundo subliña o sindicato, desmonta o argumento habitual das aseguradoras privadas de cubrir unicamente o que aparece listado de xeito literal nos concertos, ignorando que moitas destas técnicas xa están plenamente implantadas e normalizadas no sistema público de saúde.

A resolución xudicial foi promovida no marco dunha acción sindical impulsada pola propia CIG para defender os dereitos dos mutualistas ante o que consideran prácticas abusivas. O sindicato nacionalista insiste en que o modelo actual pon en risco a saúde dos traballadores ao depender de criterios económicos e non clínicos, especialmente en patoloxías graves como o cancro, onde a rapidez e o acceso á mellor tecnoloxía dispoñible son vitais para a supervivencia do paciente.

Cortado un carril da AG-57, en Gondomar, ao saír da vía un camión

0

Un carril da AG-57, ao seu paso por Vincios, en Gondomar, permanece pecho ao tráfico tras saír da vía un camión e envorcar. Con todo, non se rexistraron feridos. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 8,30 horas deste mércores á altura do quilómetro 17, en sentido Vigo, polo que permanece interrompido o tráfico no carril dereito. Ao momento desprazouse a Garda Civil de Tráfico, así como os servizos de mantemento da autoestrada.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed