Inicio Blog Páxina 1071

A saída de vía dun vehículo en Baiona sáldase cunha muller ferida

0

Unha muller resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado na mañá deste luns ao saírse da vía o vehículo no que circulaba no termo municipal de Baiona (Pontevedra).

Segundo informou o 112 Galicia, pasadas as 8,40 horas deste luns rexistrouse esta saída de vía no lugar de Urgal, na parroquia de Belesar. En concreto, este accidente saldouse cunha muller ferida, quen tivo dificultades para abandonar o vehículo debido á presión que exercía o airbag.

Por iso, por parte do 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño e do GES de Val Miñor, aínda que os profesionais sanitarios lograron acceder á ferida sen a necesidade de empregar o equipo de excarceración.

Ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia de soporte vital básico que trasladou ao hospital vigués de Povisa á muller M.M.M., de 43 anos, sinalaron fontes sanitarias.

As previsións da Xunta son de adxudicar en novembro a ampliación de Ifevi

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este luns que en breve prevén adxudicar as obras dunha nova ampliación do recinto feiral de Vigo (Ifevi).

“Durante este mes de outubro estamos a redactar o proxecto construtivo para a segunda ampliación de Ifevi e espero que en novembro podamos adxudicar o proxecto de construción da ampliación do recinto feiral en tres anos”, sinalou.

Núñez Feijóo indicou que esta nova ampliación é froito do “compromiso moi claro” por parte do Executivo galego para que o sector do conxelado sexa un sector punteiro na comunidade autónoma.

“O ano pasado entregamos 5.000 metros cadrados e agora, en canto finalicemos a obra, espero volver entregar a ampliación de Ifevi para que Conxemar siga sendo a primeira feira do conxelado de Europa”, resolveu.

Oito meses agardando en Coia polo arranxo dunha zona deportiva frecuentada por menores

O 18 de outubro de 2018 na rúa A Garda, rompía un cano e provocaba unha importante inundación que os veciños do barrio de Coia aínda lembran. E como esquecerse de ela se aínda, tras oito meses do incidente, o lugar onde rebentou está como o primeiro día. Aqualia, a empresa responsable do auga do Concello de Vigo, arranxou a tubaxe e derivou os danos externos ao consistorio. A día de hoxe, todo segue como estaba en outubro: unhas gradas medio derruídas nunha zona moi frecuentada polos nenos sen un valado en condicións.

Nuria Montero é unha veciña de Coia que reside nun lugar próximo a onde ocorreron os feitos. Farta de que o Concello de Vigo non fixera nada para arranxar a desfeita, decidiu colgar fotografías do estado no que se atopa a zona en redes sociais: “Fai dous meses chamei ao Concello e incluso lle mandei imaxes de como estaba todo. O único que me dixeron e que estaban inmersos nun proxecto de mellora. Nin tan sequera abriron o correo que me dixeron que mandase porque chamei unha segunda vez e non tiñan novas miñas”.

Molestoulle o trato do Concello cando foi atendida. “Parece que lles parece mal ata que chames, a verdade é que me trataron bastante mal. Polo tanto, decidín poñelo público para ver se así se facía algo. Non pode ser que te queixes dunha situación e se rían de ti, a verdade é moi triste”, quéixase. Ademais engade que está “aburrida e cansada” desta situación.

A presidenta da asociación de veciños Cristo da Victoria, Marisol Polo, considera que nun principio foi unha situación que se entendeu perfectamente por mor da importancia da rotura e das infraestruturas danadas pola mesma: “Houbo unha inundación grandiosa”, pero critica que “xa pasara máis de medio ano sen ningún tipo de movemento”. Ademais do tempo de agarda, critica que a zona está moi mal precintada: “Soamente hai unhas vallas pero están moi mal postas, caen día si e día tamén”, laméntase.

A zona accidentada atópase ao carón dunha cancha de baloncesto e da igrexa do Cristo da Victoria

Montero considera que é bastante arriscado que a zona estea nese estado tendo en conta que hai unha cancha da baloncesto ao seu carón. “Hai nenos xogando aí todo o día e pode ser perigoso”. Ademais, considera que tamén é un problema importante para as persoas con mobilidade reducida: “Se tes cadeira de rodas non podes pasar, tes que ir pola rúa. Non está demasiado transitada, pero pode haber accidentes”. A vía é de sentido único, polo que non hai demasiado espazo se se deran esas circunstancias.

“ABANDONO”

A veciña critica o abandono xeral do lugar, próximo ao campo de fútbol Federativo de Coia e á igrexa do Cristo da Victoria. “Está cheo de botellas e de vasos porque é un sitio de reunión habitual dalgunha xente. Eu non critico que se faga, soamente que as cousas teñen que limparse e non deixarse como se non pasara nada”. Neste sentido incide en que “non se pode facer unha Gran Vía preciosa e logo deixar así lugares que non estean excesivamente cara ao público”.

Unha imaxe da zona accidentada na Rúa A Garda

A pesar de que Montero di non queixarse da xestión do alcalde Abel Caballero, si que cualifica de “pose” algunha das mediáticas obras que finalizou en Coia durante a campaña electoral. “Os volcáns que estaban antes xa estaban ben. Ademais vendeu a nova fonte que hai ao seu carón para uso e desfrute dos cidadáns, pero logo o primeiro día que os nenos quixeron mollar os pés chamou á Policía”.

Respecto ao futuro proxecto, Polo é transparente: “Entendo que estas cousas poden tardar pero e que xa levan máis de medio ano así. Se é algo que mellore as infraestruturas, eu estarei encantada pero se non, que o arranxen xa”. Ademais, confesa que “os veciños están aburridos de ver iso así, e eu tamén o estou”.

O envorco dun vehículo xera retencións na VG-20 en dirección Vigo

Un vehículo envorcou este luns ao redor das 8,50 horas na VG-20, á altura da conexión coa AP-9 en dirección Vigo, e xerou retencións na vía.

Segundo detallou Emerxencias 112, os feitos tiveron lugar no punto quilométrico 161 e foron notificados por varios particulares que circulaban pola vía.

Posteriormente, a central de comunicacións informou do ocorrido ao servizo de Urxencias do 061, os Bombeiros de Vigo, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, Protección Civil e o servizo de mantemento de estradas.

Unha vez no lugar dos feitos, os bombeiros comprobaron que a persoa que viaxaba no vehículo accidentado xa se atopaba fóra del, xa que recibira axuda doutras persoas para abandonalo. Por esta razón, non foi necesario realizar unha excarceración.

Ponteareas merca rifles para combater as velutinas

A concellería de Seguridade Cidadá ven de adquirir unha nova ferramenta para a destrución de niños de vespa velutina. Trátase dun rifle estilo paint ball, cargadores, botellas de aire comprimido e todos os complementos e adaptadores precisos para impregnar o niño será. A nova arma, que tivo un custe de case 2.500 euros, será empregado polos bombeiros para acabar cos niños que están moi elevados ou en lugares de difícil acceso.

O concello destaca que será un complemento que facilitará o traballo do equipo de bombeiros que realizaba a retirada de niños de velutina cunha pértiga de fibra de carbono adquirida tamén polo concello ao ser insuficiente a facilitada pola Xunta.

Este novo aparello, que xa está sendo utilizada por outros concellos galegos, ven cun depósito para 200 tiros e un adicional con capacidade para 600 máis capaz de cargarse en apenas uns minutos. “Ademais, simplifica a retirada de niños ao ser máis rápido e máis limpo como por exemplo no caso dos niños ubicados en torretas de tensión ao non ser preciso cortar a luz”, indica nun comunicado.

A concelleira Vanesa Fernández insiste na importancia de facilitar aos bombeiros “as mellores ferramentas para que poidan desempeñar o seu traballo de xeito máis eficaz e tamén máis seguro para os propios profesionais, suplindo a deixadez da Xunta de Galicia”.

A tecnoloxía é feminina

0

A exclusión das mulleres da industria tecnolóxica segue a ser, hoxe en día, unha realidade que afonda nas desigualdades e provoca un desaxuste no desenvolvemento económico e social, ademais de incidir na fenda dixital de xénero. Mentres a demanda de profesionais por parte da industria tecnolóxica vai en aumento, a participación de mulleres en estudos superiores relacionados coas TIC e coas carreiras STEM segue a ser moi baixa.

Hoxe, 22 de abril, conmemórase o Día Internacional das Nenas nas TIC, e as profesoras e investigadoras da UVigo, Rebeca Díaz e Alma Gómez, teñen moito que dicir ao respecto.

Testemuñas reais para incentivar vocacións

No Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo a presenza feminina é dun 23 %, manténdose nestas porcentaxes desde hai oito anos. Para tratar de reverter esta situación, desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estanse a desenvolver diversas iniciativas co obxectivo de fomentar as vocacións tecnolóxicas das rapazas. «Sempre participamos nas propostas que a nosa Universidade deseña para conmemorar o Día da Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Día Internacional da Muller, ou o Día Internacional das Nenas nas TIC», comenta a directora da escola Rebeca P. Díaz Redondo, á vez que salienta a participación da súa escola ano tras ano nos obradoiros Elas Fan CienTec, «impartidos con motivo do 11 de febreiro polas propias estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dirixidos a rapazas de secundaria».

Este ano, ademais, para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC estase a desenvolver unha recollida de testemuñas de mulleres profesionais e estudantes do sector da telecomunicación que comparten a súa experiencia a través de pequenos vídeos difundidos nas redes sociais da escola. «A idea tivo moi boa acollida entre as mulleres que participan, dado que son as primeiras interesadas en facer visible o seu traballo e tratar de incrementar a presenza feminina, actualmente tan baixa, no noso sector», subliña Díaz Redondo.

Recoñece que o seu ámbito profesional está moi estereotipado, polo que, nas súas palabras, «coñecer a potencialidade dos estudos neste ámbito, as perspectivas profesionais, as condicións reais de traballo e, en definitiva, ter a información adecuada sobre a boa proxección profesional e a calidade de vida laboral é o que permitiría desfacerse destes estereotipos, que non axudan o alumnado, en xeral, e as mulleres, en particular».

Unha perspectiva social da informática

En liñas xerais, a evolución da matrícula feminina no Grao en Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo está no 15 %, observándose unha tendencia de mellora nos dous últimos anos, coa que ten moito que ver o esforzo da Escola Superior de Enxeñaría Informática polo fomento das vocacións tecnolóxicas das rapazas.

Alma Gómez é docente e investigadora na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e coordina, xunto con outras docentes da institución, a iniciativa Exxperimenta en Feminino, recoñecida este ano co Premio Uviguala. Esta actividade realízase desde o ano 2018 como unha feira na que mulleres investigadoras lle amosan ao alumnado de secundaria as investigacións máis relevantes do campus de Ourense. «Trátase de divulgar a presenza das mulleres nas STEM e de proporcionarlles ás rapazas referentes de mulleres investigadoras. Este enfoque foi fundamental tamén na elección do título destas xornadas, pois coa súa dobre x, que imita ao xen feminino, reforza a idea de que a investigación é algo que tamén está nos xenes da muller».

Nesta mesma liña, o centro tamén participa nas actividades da recentemente creada Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, orientada a dar visibilidade ás achegas das mulleres no mudo das TIC co obxectivo de xerar referentes femininos e espertar o interese das nenas polos títulos máis tecnolóxicos.

«Dise que as mulleres temos unha alta vocación polas ciencias da saúde e o sector social polo noso interese en axudar os demais. Se consideramos isto certo, é importante que as alumnas teñan en conta que o estudantado de Informática poderá axudar a un gran número de persoas, pois as aplicacións desta área poden causar un impacto moi positivo no mundo», comenta Alma Gómez á vez que salienta que «a informática está moi lonxe do estereotipo dunha persoa encerrada soa cun ordenador; pola contra, trata de atopar solucións a problemas do noso día a día, algo para o que é fundamental traballar en equipo».

Case sete millóns para a ampliación do Ifevi, cun prazo de execución de 6 meses

A Xunta de Galicia confirmou este mércores a adxudicación das obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), por un total de 6,7 millóns de euros, á UTE Obrascón Huarte Lain-Construcións Taboada e Ramos.

Segundo informou a administración autonómica, a esta licitación presentáronse 13 ofertas e o orzamento global do proxecto ascende a 7,65 millóns de euros xa que, ademais da ampliación do recinto nuns 5.500 metros cadrados, tamén se recollen contratos de servizos complementarios.

As obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses, prevén actuacións na zona traseira do pavillón 3, que inclúen a amplicación en algo máis de 5.500 metros cadrados e reforma noutro mil metros cadrados do edificio existente.

O proxecto foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado 26 de novembro e tramitouse a través da lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, unha vez que se recompilaron os informes preceptivos dos diferentes órganos.

Respecto diso, a Xunta volveu a sinalar que, “tras 8 meses de espera, o Estado entregou os últimos informes pendentes en outubro”. O pasado 18 de decembro o Concello de Vigo certificou a dispoñibilidade dos terreos e, o 29 de decembro, o Consello da Xunta autorizou a contratación dos traballos.

Esta ampliación do Ifevi súmase á que o goberno galego realizou en 2018, cando se investiron máis de 4 millóns de euros. Desde 2015, sinalaron fontes autonómicas, a Xunta investiu no recinto feiral vigués máis de 15 millóns de euros, aos que se suma o investimento das novas obras.

A área de Vigo segue incrementendo os casos con 25 positivos máis

0

Galicia detectou nas últimas 24 horas 417 novos positivos por coronavirus, ata situarse en 4.082, de acordo cos datos difundidos este venres pola Consellería de Sanidade, tomados na tarde do xoves. Con estes datos, Galicia sitúase nos peores datos de positivos do confinamento. Na área de Vigo tamén seguen subindo o número de casos.

O parte de hoxe recolle un ascenso dos casos activos por encima dos 4.000 e tamén unha subida nos pacientes curados, que alcanzan os 13.200 –161 máis que o xoves–. Figuran, así mesmo, catro falecementos, que elevan o total a 656 desde que comezou a pandemia. Unha muller faleceu no CHUAC e outro tres persoas, unha muller e dous homes que eran residentes do centro xeriátrico do Incio (Lugo), morreron no Lucus Augusti de Lugo.

Por áreas sanitarias, o maior incremento no número de casos activos é o de Ourense, que pasa de 386 a 421 –35 máis que o xoves–, pero a cifra máis alta segue sendo a da área da Coruña e Cee, onde hai 1.445 afectados coa enfermidade neste momento –20 máis que onte–.

En Vigo o ascenso é de 25 casos activos, ata un total de 327; mentres que en Santiago constan 673 –14 máis que hai 24 horas– e en Pontevedra son 279 –oito máis–. En Ferrol mantense a mesma cifra que onte, 150 casos activos, e Lugo é a única área na que hai un descenso, de dous casos activos, ata un total de 796.

O parte dese venres indica tamén que se realizaron un total de 354.273 probas PCR en Galicia ata o momento, cifra que supera en 5.223 a de onte.

Un morto e sete feridos nunha colisión frontal entre dous turismos en Covelo

0

Unha muller morreu e outras sete persoas resultaron feridas de diferente consideración tras unha colisión frontal entre dous turismos rexistrada a última hora da tarde deste martes dentro do termo municipal de Covelo.

O accidente produciuse sobre as 20.00 horas á altura do quilómetro 11 da estrada PO-261 cando dous turismos chocaron de maneira frontal por causas que están a ser investigadas, segundo informaron a Europa Press fontes dos Bombeiros de Ponteareas.

Nun dos vehículos viaxaba un matrimonio de avanzada idade coa súa neta, mentres que o outro turismo implicado na colisión ía ocupado por cinco persoas.

Como consecuencia do accidente, unha muller de idade avanzada faleceu practicamente no acto. Ademais, outros sete persoas resultaron feridas de diversa consideración, segundo informou o 112 Galicia.

Ao lugar acudiron efectivos dos Bombeiros de Ponteareas, que procederon a excarcerar o corpo sen vida da muller unha vez que se autorizou o levantamento do cadáver. Así mesmo, trasladáronse facultativos de Urxencias Sanitarias, efectivos de Protección Civil de Oitavén-Tea e axentes da Garda Civil, que se fixo cargo das investigacións para tratar de determinar as circunstancias nas que se produciu a colisión.

Tamén se deu traslado do sucedido ao Grupo de Intervención Psicolóxica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia por se fose necesaria a súa intervención para atender ás vítimas e os seus achegados.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed