Inicio Blog Páxina 1059

As festas de Vigo durarán ata setembro e “ocuparán toda a cidade”

O Concello de Vigo decidiu ampliar o marco temporal e espacial das festas de verán, que contarán con actos durante os meses de xullo, agosto e setembro, e con case unha trintena de localizacións da cidade.

Así o avanzou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, que explicou que o goberno local deu este xoves luz verde a esas novas circunstancias, tendo en conta a excepcionalidade da situación pola pandemia de coronavirus.

“Serán unhas festas distintas, imos ocupar toda a cidade“, sinalou o rexedor, que avanzou que haberá eventos “para todas as idades” e en lugares máis diversos.

Dese modo, ademais do Casco Vello, da zona do Náutico, Porta do Sol ou Bouzas, celebraranse eventos nas parroquias do rural, en Coia, Navia, O Castro, Castrelos (escenario pequeno), Samil, o parque da Riouxa, ou San Roque, e así ata 29 lugares distintos.

Ademais, e dentro das festas de verán, este venres iníciase o ciclo de concertos en formato reducido ‘TerraCeo’, na terraza do Auditorio Mar de Vigo. Por ese singular escenario pasarán artistas como Los Secredos, Amaral, M-Clan, Love of Lesbian, Andrés Suárez, Luís Zahera, Rober Bodegas, Pablo López, Marlango ou Miss Cafeína, entre outros.

PREVENCIÓN DA COVID EN PARQUES

Por outra banda, Abel Caballero tamén informou de que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para a instalación de cartelaría e adhesivos de información sobre a prevención da COVID-19 en parques infantís, biosaludables e pistas deportivas, por valor de 34.500 euros.

Tamén se adxudicou o servizo de desinfección deses parques e instalacións, por tres meses, por un total de 198.250 euros. Para esta actuación, recalcou o alcalde, utilizaranse “a mellor tecnoloxía e os mellores viricidas coñecidos”.

Finalmente, tamén se deu luz verde á contratación durante 3 meses, por 123.000 euros, dos servizos auxiliares de vixilancia do aforamento neses parques. Para iso haberá “sete equipos motorizados” que desempeñarán ese labor.

Abel Caballero subliñou que todos estes servizos suporían un gasto para as arcas municipais de 1,5 millóns de euros ao ano, e volveu criticar que a Xunta de Galicia “non achega nin un céntimo” para estes labores.

SondeSeu: folk para conseguir que as Illas Cíes sexan recoñecidas como Patrimonio da Humanidade

0

A orquestra folk SondeSeu ofrecerá un concerto dedicado á promoción das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade o vindeiro sábado día 2 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Sondeseu, Rodrigo Romaní, presentaron este luns o concerto, organizado polo Concello.

Nesta actuación, a orquestra folk Sondeseu, que naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, actualmente Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, presentará o seu quinto disco, ‘Beiralúa’, editado o pasado maio.

Entre os artistas que participarán no concerto no Auditorio Mar de Vigo xunto aos membros da orquestra figuran a galega Rosa Cedrón, a castelá Vanesa Muela, o portugués Luís Peixoto, o asturiano Xuacu Amieva, ademais de Toño Domínguez, o Orfeón Treixadura e o grupo vigués O Fiadeiro.

Ademais dos temas do seu último disco, Sondeseu interpretará algúns temas do seu espectáculo ‘Arraianos’ e unha obra composta por Anxo Pintos para celebrar o inicio da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, ‘San Martiño Suite’.

O BNG urxe no Congreso a paralización da liña de alta tensión nas Neves e Arbo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno que atenda as alegacións presentadas polas distintas administracións, asociacións e colectivos pola afectación que provocará o proxecto de trazado que propón Red Eléctrica para a Interconexión Norte con Portugal e paralice a liña de alta tensión nas localidades pontevedresas das Neves e Arbo.

Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario do Bloque explica que urxe denegar a súa autorización polo gran impacto que suporá para a calidade de vida dos veciños e polo efecto negativo no patrimonio natural e cultural da zona.

Segundo indicou, Red Eléctrica aposta por un trazado que en 2013 consideraba inviable para a instalación da liña de alta tensión condutora de 400.000 voltios, de Fontefría atravesando o río Miño ata entrar en Portugal.

Este proxecto, segundo apunta, afectaría de forma directa aos municipios das Neves e Arbo, especialmente aos núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de Vide, no primeiro dos municipios, e a Sela. Así, sinala que a proximidade con estas zonas de poboación é un dos principais problemas, xa que quedarían baixo a influencia da xeración de campos electromagnéticos.

“Existen informes que relacionan a exposición a campos electromagnéticos co desenvolvemento de procesos canceríxenos ou alternaciones na resposta inmunitaria, afectando tamén á fertilidade, á reprodución e ao desenvolvemento dos seres vivos, así como ao sistema cardiovascular”, explica o deputado do BNG.

“En 2007 a Organización Mundial da Saúde estableceu como posible causa do cancro nas persoas a exposición aos campos electromagnéticos, así como o potencial desenvolvemento de leucemia en nenos e nenas”, lembra.

Por outra banda, avisa da afectación que este tipo de proxectos ten sobre o patrimonio cultural e natural da zona na que se instalan. “O proxecto pasará polo Castro de San Martiño e afectará a petróglifos da zona, elementos catalogados Ben de Interese Cultural en zona de protección recollidos no patrimonio cultural de Galicia”, apunta.

O alcalde avanza que a ocupación hoteleira de Vigo en novembro rozou o 58%

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves datos de ocupación hoteleira na cidade durante o mes de novembro, e cifrou dita ocupación, segundo a información que manexa o Concello, nun 57,8%, un nivel “superlativo“.

Así, nunha rolda de prensa, o rexedor vinculou esas cifras de ocupación co ‘tirón’ da campaña do Nadal, e lembrou que, antes de que o Nadal vigués tivese tanta difusión e empaquetado, novembro era un mes de tempada baixa e o nivel de ocupación hoteleiro na cidade era “practicamente despreciable”.

Abel Caballero repetiu que a gran afluencia de visitantes que queren ver a iluminación do Nadal e outros atractivos está a ter repercusión na ocupación dos hoteis e aloxamentos de toda a provincia. O rexedor sinalou hai uns días que o nivel de ocupación hoteleira en Vigo o pasado 30 de novembro foi “do 100%” e, ese mesmo día, entre as 18,00 e as 21,00 horas, asegurou este xoves, pasaron pola entrada de cálea Príncipe “45.500 persoas”.

O alcalde explicou que, para obter ese dato, recorreuse a unha “contabilidade ‘ad hoc'” realizada polo propio Concello. “É un cálculo manual, con xente que traza unha liña e vai contando a xente que pasa”, indicou.

As luces de Nadal non eclipsaron a homenaxe de Los Planetas no Mar de Vigo a súa propia lenda

Case todo Vigo mergullouse este sábado entre luz e sons no centro da cidade. Pero uns poucos non acudiron a esta cita. Algúns deles, por estar en contra deste gran investimento, dentro da polémica de se realmente repercute para ben á sociedade viguesa, sen esquecernos tampouco da crítica científica á contaminación lumínica.

Por outra banda, hai que recoñecer que a nivel de afluencia de público e márketing para Vigo, é indubidable que a campaña resultou todo un éxito. A polémica está servida e opinións hai para tódolos gastos.

Pero do que queremos falar é dos que non acudiron a este espectáculo porque a esa mesma hora, as 9 da noite, tiñan unha cita se cadra máis especial que o comezo do Nadal: a revisión do seu disco de maior éxito, “Una semana en el motor de un autobús”, que Los Planetas traían a Vigo.

Cal é o grupo máis grande da historia da música en España? Uns, por suposto, dirán El último de la fila, ou Mecano, tamén está Héroes del silencio, e por suposto Siniestro Total, Golpes Bajos… Temos un habano importante de nomes, o cal é boa sinal. Pero o indiscutible é que Los Planetas están entre eles.

Aínda en moi boa forma na actualidade con “Zona Temporalmente Autónoma”, as súas obras máis celebradas son “Super 8”, “La leyenda del espacio”, que mesturaba rock con flamenco, e sobre todo “Una semana en el motor de un autobús”, un parto difícil cando a banda estaba a punto de desintegrarse.

Agora, cando o disco da X acada a parelliña, XX, de décadas, permanece vixente e aínda crece máis coa xira de concertos nas que están a reinterpretar esta obra en compañía dunha orquesta profesional.

J., frontman de Los Planetas, no Festival do Norte en 2010/ Pablo Neira

“Segundo premio”, “Desaparecer”, “La playa”, “Parte de lo que me debes”, “Un mundo de gente incompleta”, “Ciencia ficción”, “Montañas de basura”, “Cumpleaños total”, “Laboratorio mágico”, “Toxicosmos”, “Línea 1”, “La copa de Europa”. Estes son os temas, esquecible ningún, que forman parte do álbum e foron rescatados de novo en Vigo porque valen ouro.

Debe ser un orgullo, poder tocar unha a unha tódalas cancións dun disco de hai vinte anos sen provocar vergoña, nin indiferenza, e ata recuperar a paixón. A maioría de temas soaron amplificados pola orquesta e polo momento de madurez da banda en si. A punkarra ‘Cumpleaños total’, a desolación infinita de ‘Línea 1’, o cénit que supón ‘La Copa de Europa’.

Tódalas cancións, ademais, viñeron acompañadas de videoclips absurdos, surrealistas e cómicos, que ofrecían un contrapunto interesante. Como que nin eles mismos se toman en serio o seu desamor adolescente, gran tema do álbum. Sen confundirse non tomar en serio coa falta de cariño ou de respecto.

Mario López/ Los Planetas en Barcelona

En conclusión, foi unha noite celebrada polo público, que fartouse a aplaudir, tamén no bonus, con “David y Claudia” e a grandiosa “De viaje”. Ao fronte do show, ese J. que din que non se lle entende e non sabe cantar. Non gañaría OT, pero poucos transmiten coma el.

E, se ben é certo que discos coma este ou o “Pop” son deses que che marcan para sempre nunha época determinada da túa vida, a adolescencia, e que despois xa non se sinte o mesmo, si que podemos asegurar que é cuestión de miras e non de atemporalidade. Agora pasou o meu tempo e ‘Una semana en el motor de un atuobús’ agarda a unha nova xeración de mozos e mozas.

Aquí está o gran obxectivo de Los Planetas, captar novos fans. É explicable pero curioso que no Mar de Vigo a media de idade superase sen problemas os 40 anos. Por iso os videoclips durante o espectáculo, para captar á mocidade youtuber? Ogallá unha destas ferramentas funcione, porque non hai mellor ‘Laboratorio mágico’ que a música destes granadinos cando un ten 17 anos.

Miles de persoas maniféstanse en Vigo en defensa da sanidade pública e para reclamar medios para Atención Primaria

0

Miles de persoas (unhas 20.000 segundo a Policía Local) manifestáronse este xoves polas rúas do centro de Vigo, nun acto reivindicativo convocado pola Xunta de Persoal da área sanitaria, para defender a sanidade pública e para reclamar máis medios para a Atención Primaria.

A marcha saíu da PAC da rúa Pizarro, e tras percorrer Gran Vía e Urzáiz, finalizou xunto ao Farol na confluencia con Príncipe e Colón, onde se leu un manifesto, no que os profesionais advertiron de que “a Atención Primaria da área de Vigo está en perigo “extremo” e que a “deterioración” dos últimos meses pona “ao bordo do colapso”.

Así mesmo, lembraron as súas reivindicacións de máis persoal, máis investimento, estruturas de xestión propia con orzamento propio, maior acceso a probas diagnósticas e a especialidades hospitalarias.

Por outra banda, lamentaron que a crise do Covid chegou cunha Atención Primaria “debilitada”, a pesar de ser un servizo “fundamental” para o seguimento e control da pandemia. A iso sumáronse as “barreiras de acceso” aos centros de saúde, a suspensión de consultas, probas e intervencións, que afectaron á saúde da poboación e “están a xerar un gran malestar” entre os profesionais e os usuarios.

“Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supor volver á situación anterior de masificación e medicalización da Atención Primaria”, advertiron, e denunciaron que se está superando o límite de 30 pacientes ao día nas consultas, hai listas de espera que reflicten a falta de persoal, e a PAC reciben unha presión “insoportable”.

Na marcha participaron plataformas de defensa da sanidade pública de numerosos municipios da comarca, como O Rosal, Tomiño, A Guarda, Mondariz, Covelo, Oia ou Cangas, así como sindicatos e outros colectivos.

APOIOS POLÍTICOS

Na marcha de protesta participaron tamén o alcalde da cidade, Abel Caballero, xunto a concelleiros do grupo de goberno e outros corporativos de formacións de esquerda.

O alcalde, Abel Caballero denunciou este xoves que a Atención Primaria de Vigo está “pésimamente atendida” pola Xunta, e que os usuarios deben padecer “larguísimas listas de espera”. Así, recalcou que “é imprescindible contar con máis persoal”, á vez que advertiu de que a manifestación deste xoves “non é máis que o principio” dunha serie de protestas para demandar o que a cidade merece en diversos ámbitos.

Nesta xornada, tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu apoio á profesionais da área sanitaria de Vigo e advertiu de que é un “momento decisivo” para a sanidade pública, que hai que “defendela con uñas e dentes” fronte a un goberno da Xunta que “leva doce anos pondo ante as cordas” o sistema público, cun “plan de demolición”.

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, o Sergas afirmou este xoves que o compromiso da Xunta coa Atención Primaria de Vigo é “incuestionable” e que, non en balde, a área sanitaria ten este ano o orzamento máis alto da súa historia, de 848 millóns de euros, dos que 244 destínanse a Primaria.

A través dun comunicado, Sanidade reivindicou as medidas postas en marcha para reducir a carga asistencial nos centros de saúde na última onda da pandemia de Covid, así como outras melloras implementadas ao longo dos últimos anos.

Segundo indicaron fontes da Consellería, no último quinquenio creáronse 76 novas prazas na Atención Primaria da área de Vigo, a maioría nos últimos dous anos, a pesar da falta de persoal facultativo no mercado laboral. Así, actualmente traballan 1.909 persoas na área sanitaria de Vigo, das que 671 son persoal médico.

O Sergas tamén defendeu que a cota de pacientes por médico (1.300) está por baixo das recomendacións do Ministerio de Sanidade para 2022; e puxo en valor a apertura ou reforma de ata 15 centros de saúde nos últimos anos, así como a implantación doutras melloras, como as axendas de calidade ou os plans locais de saúde (en elaboración).

Un incendio calcina un vehículo na A-52 na Cañiza, pero sen causar feridos

0

Un incendio calcinou por completo un vehículo na noite do pasado martes na autovía A-52 ao seu paso polo termo municipal da Cañiza (Pontevedra), sen que se rexistrasen danos persoais.

Segundo informou o 112 Galicia, varios particulares contactaron co servizo de emerxencias sobre as 22,00 horas para solicitar medios de extinción para un turismo en chamas á altura do punto quilométrico 275 da autovía A-52, dirección Ourense.

O condutor do automóbil indicou ao 112 Galicia que o incendio fora causado, posiblemente, por unha avaría. Por iso, por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Vigo, dos membros do GES- SPEIS Ponteareas e da Policía Local.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia sufocaron as chamas e confirmaron que o vehículo ardera por completo, sen que ninguén resultara ferido. Ademais, foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico, xunto a persoal do servizo de mantemento da estrada para restablecer as condicións de seguridade na vía.

Os mariñeiros do barco illado en Vigo sospeitoso de traer a cepa india do coronavirus mantéñense sen cambios

Os dous tripulantes do buque ro-ro ‘Prometheus Leader’ que ingresaron no hospital vigués Vithas tras dar positivo en Covid-19 continúan en planta do centro sanitario evolucionando “sen cambios significativos”, segundo confirmaron fontes sanitarias.

O barco permanece atracado no peirao de Transatlánticos do porto en corentena, xa que se detectaron outro catro casos positivos, aínda que asintomáticos ou con síntomas leves. Fontes sanitarias precisaron que a corentena se iniciou horas antes de que o ‘Prometheus Leader’, con bandeira de Singapur, atracase en Vigo, polo que os tripulantes non chegaron a desembarcar, agás os que foron hospitalizados, dous homes de 28 e 67 anos de idade.

Dos seis casos positivos detectados, o Sergas está a realizar a secuenciación xenómica das mostras obtidas de cinco deles, xa que se trata de persoas procedentes de India. O obxectivo do estudo é determinar se están contaxiados pola variante india deste coronavirus, aínda que os resultados non se coñecerán ata a próxima semana, segundo Sanidade.

Este barco, procedente de Southampton (Reino Unido), é un habitual do porto de Vigo, onde carga e descarga vehículos, e pasou hai tres meses unha inspección, que certificou que cumpre coa lexislación sanitaria. Para o embarque da tripulación seguiuse o protocolo habitual, polo que se realizou a todos os mariñeiros unha PCR que naquel momento deu negativa.

O presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que este organismo está coordinado con Sanidade Exterior e que os mariñeiros que se atopan illados a bordo “están ben”. Así mesmo, precisou que “dependerá do armador” o tempo que o barco permaneza atracado, xa que podería quedar en Vigo ata finalizar a corentena ou ben realizar un cambio de tripulación para seguir a súa ruta.

Ferida unha persoa en Vigo tras un accidente múltiple entre tres coches

0

Un accidente múltiple entre tres coches saldouse cunha persoa ferida en Vigo, segundo informa o servizo de emerxencias 112 no seu parte de incidencias desta xornada.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro mediante a chamada dos servizos médicos, pasadas as 18,30 horas da tarde do martes. En concreto, comunicábase que se acababa de producir un choque múltiple, na Avenida de Beiramar, e que había persoas feridas.

Posteriormente, alertaron á Policía Local, aos Bombeiros e a Protección Civil da cidade. Unha vez chegados os medios ao lugar, a patrulla da Policía Local confirmou que se viron implicados tres coches e desde o 061 comunicaron o traslado dunha persoa ferida.

COCHE ENVORCADO

Ademais, o 112 tivo constancia doutro accidente en Vigo, na estrada de Camposancos, onde un vehículo acabou envorcado. A saída de vía produciuse ás 23,00 horas e foron varios as testemuñas os que alertaron aos servizos de emerxencia. Nos avisos, afirmaban que no vehículo accidentado, que estaba envorcado na estrada, había persoas no interior.

Tras este aviso, alertouse aos Bombeiros, ao persoal sanitario, á Policía Local e aos membros de Protección Civil. Finalmente, había unha persoa dentro do coche que foi liberada polas persoas que se atopaban na zona.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed