Inicio Blog Páxina 1058

Indignación polos despidos na empresa auxiliar Grupo Copo: “A precarización é imparable no automóbil”

0

Arredor de 200 delegados da CIG na automoción participaron hoxe luns na mobilización convocada ás portas das instalación do Grupo Copo en Mos para rexeitar o despedimento de dous traballadores no CETEC e reclamar a súa inmediata readmisión. Todo o cadro de persoal secundou os paros de catro horas convocados en cada unha das tres quendas para reclamar a readmisión dos dous compañeiros.

Os representantes sindicais da central nas principais empresas do sector do automóbil concentráronse diante da sede de Copo no concello pontevedrés de Mos ás 11:00 horas, onde despregaron unha faixa esixindo a readmisión dos despedidos no Centro Tecnolóxico do Grupo Copo (CETEC) e berraron consignas como “Non máis despidos no Grupo Copo”, “Carlos e Nacho somos todos”, “Copo, escoita, a CIG está en loita” e “Traballo digno na automoción”.

A continuación saíron en manifestación cara ao centro de Mos, continuando cunha ruidosa protesta polas rúas da localidade. Á cabeza da marcha, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e da federación de Industria, Xulio Fernández, que acompañaban os dous traballadores afectados. Todo o cadro de persoal, que participou na protesta, secundou os paros de catro horas tanto na quenda de noite como na de mañá.

A mobilización rematou diante das oficinas principais do Grupo Copo, situadas a carón do propio CETEC, onde o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo deixou moi claro que a central non cesará na loita até que os dous afectados sexan readmitidos ou recolocados.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

Xulio Fernández inseriu estes despedimentos dentro da “estratexia de precarización que está a levar a cabo a dirección de Copo para aforrar custes salariais desfacéndose de persoal con antigüidade” e vaticinou que a conflitividade laboral rematará por estenderse ao resto do grupo.

De igual xeito, fixo fincapé en que o conxunto do sector non debe permanecer alleo a o que está a acontecer, xa que “a precarización laboral é un proceso imparábel en todas as empresas do automóbil”. Neste senso, lembrou que o novo director de PSA Citroën de Vigo adiantou recentemente que o futuro da factoría pasaba por, entre outras cuestións, afondar na flexibilidade laboral para competir con países con salarios máis baixos.

“A intención de Citroën vai ser que este empeoramento das condicións de traballo chegue tamén a todas as empresas provedoras e auxiliares, polo que temos que estar preparados e organizados para dar a batalla en cada unha das empresas”, incidiu. Finalmente, adiantou que seguramente “esta non vai ser a última vez que nos teñamos que mobilizar diante de Copo” e apelou á solidariedade dos delegados/as e traballadores do sector “porque Carlos e Nacho somos todos/as”.

Caballero: “Non chamou aínda o alcalde de Nova Iorque, pero non o descarto”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este luns o custe das polémicas luces de Nadal. E o fixo con datos enriba da mesa. “Nunha fin de semana gañouse tres veces máis do que custa o alumeado”, dixo ao destacar o éxito que supuxo o número de xente que visitou Vigo estes días e tamén os que seguiron o evento polas redes sociais.

Segundo suliñou, a iluminación do Nadal en Vigo foi seguida en ‘streaming’ por “40.000 persoas de 36 países” e “millóns de persoas” de toda España seguírono a través dos medios de comunicación que deron cobertura ao acto.

Respecto das críticas sobre o custo da iluminación do Nadal da cidade, o alcalde criticou que quen o fai é para “destruír”. Ao tempo, afirmou que recibiu “moitísimas” chamadas doutros alcaldes con motivo das luces e que “como os horarios non coinciden” non sabe se lle chamou o alcalde de Nova York mentres tiña “o teléfono desconectado”. “Pero hai que darlle tempo a todo, non o descarto”, chanceou.

PALABRAS EN INGLÉS

Sobre o seu polémico discurso en inglés dixo que o fixo para “convidar a que xente de todas partes veña a Vigo e coñeza a cidade”. “Merece a pena vir aquí e gozar das luces”, manifestou para engadir que é un espectáculo que “gusta antropolóxicamente” porque “está no ADN”, segundo as súas palabras.

Tamén salientou que os datos da ocupación hostaleira, sumados ao “gasto media” dos visitantes que recibiu a cidade, supoñen que Vigo ingresase “tres veces o custo das luces nunha só fin de semana”. Así, dixo que utilizando información dos hosteleiros, se se collen eses datos “dunha só fin de semana”, e multiplícanse” polo “gasto media do que custa un hotel, as comidas, as ceas…” obtense que “Vigo ingresou tres veces o custo das luces”.

“Nun só fin de semana”, reiterou o alcalde, que destacou que nos quedan seis” fins de semana de iluminación do Nadal por diante e que tamén está “a ponte da Constitución”. “Calculen o que significa isto”, trasladou o alcalde. “Isto é un investimento, pero había que acertar e non todo o mundo acerta”, aseverou.

A colisión de tres vehículos en Redondela sáldase con tres persoas feridas

Cinco persoas resultaron feridas en varios accidentes de circulación rexistrados durante a noite do venres e dos que informou na mañá deste sábado o CIAE 112 Galicia.

O máis grave tivo lugar en Redondela, onde tres persoas necesitaron atención médica na colisión de tres coches no punto quilométrico 1 da estrada N-555, á altura da parroquia de Cedeira. A central de emerxencias tivo coñecemento do sinistro ás 21,00 horas a través do sistema ‘E-call’ dun dos turismos implicados, que activou de forma automática a chamada ao 112 con información sobre a localización do inicidente.

Desprazados ao lugar, os profesionais de Urxencias Sanitarias 061 evacuaron ao tres feridos a un centro hospitalario.

ACCIDENTES EN MOS E BAIONA

Así mesmo, outros dous accidentes de circulación saldáronse con dúas persoas feridas. Os municipios de Mos e Baiona foron escenario de dous accidentes con varios coches implicados pero nos que dúas persoas resultaron feridas.

Ao redor das 20,00 horas, a colisión entre tres turismos na autovía A-55 deixou unha persoa ferida e, media hora máis tarde, outro sinistro con varios vehículos afectados tamén obrigou aos servizos do 061 a evacuar a un ferido, trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Transparencia insta ao Concello de Vigo a remitir ao Celta documentación da reforma de Balaídos

A Comisión da Transparencia de Galicia, un órgano colexiado independente adscrito ao Valedor do Pobo, instou ao Concello de Vigo a remitir ao Real Club Celta planos e información sobre o aforamento da bancada de Río Baixo do estadio de Balaídos por mor das obras realizadas e previstas na mesma.

Na súa resolución, a Comisión da Transparencia de Galicia lembra que, en marzo, o presidente do club deportivo, Carlos Mouriño, presentou unha reclamación ante o Valedor do Pobo contra a desestimación por silencio administrativo da súa solicitude ao Concello de Vigo para acceder a planos e aforamentos da bancada de Río Baixo.

Deste xeito, buscaba obter documentación anterior e posterior á última reforma, ademais de información sobre as obras que levarán a cabo, os asentos que se suprimirán e o aforamento do que disporá a bancada.

Pola súa banda, no mesmo mes, a Comisión trasladou a documentación achegada polo reclamante ao Concello “para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase un informe e a copia completa do expediente” sen que estes fosen remitidos.

O órgano colexiado recalca que a información solicitada debe considerarse “pública” dado que “foi elaborada ou adquirida polo Concello no exercicio das súas competencias”. No entanto, sinala que a Administración local non remitiu esta documentación á Comisión da Transparencia de Galicia a pesar da súa “obrigación” de trasladar a que esta lle pida para permitir “o correcto cumprimento das súas funcións”.

Finalmente, estima a reclamación do presidente do club deportivo e insta o Concello a que “responda á petición de información solicitada” polo mesmo nun prazo de 10 días hábiles, así como a remitir unha copia á Comisión dá Transparencia de Galicia nun período máximo de 15 días hábiles.

Así mesmo, lembra que esta resolución esgota a vía administrativa, aínda que contra a mesma cabe a interposición dun recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Caballero volvería gobernar Vigo con maioría absoluta, segundo unha nova enquisa

Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol, seis das sete grandes cidades galegas, continuarían cos seus respectivos alcaldes se se celebrasen agora eleccións municipais, segundo unha enquisa elaborada por Sondaxe para ‘La Voz de Galicia’ ao cumprirse case dous anos desde os anteriores comicios.

Os socialistas revalidarían mandato en Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. No caso da cidade viguesa, Abel Caballero mantería a maioría absoluta a pesar de perder un concelleiro, ao obter 19. O PP seguiría con catro, o BNG gañaría un e colocaríase con dous, e Marea de Vigo mantería as dúas actas.

Máis información en Galicia Confidencial.

Vigo Histórico presenta un recurso que atrasará as obras do túnel de Porta do Sol

As obras de peonalización da Porta do Sol, que inclúen a construción dun túnel para soterrar o tráfico, atrasaranse “uns días”, segundo explicou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola interposición dun recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

Nunha rolda de prensa, o rexedor confirmou a presentación deste recurso por parte de (entre outros) a Asociación pola Defensa de Vigo Histórico, á que se referiu como “asociación pola defensa das casas duns poucos”, que “cren que a cidade é deles e queren manter os seus privilexios”.

Caballero atribuíu esta medida ao intento desa “pretendida asociación” de “paralizar o progreso de Vigo”, e augurou que fracasarán nese intento porque o goberno municipal “non ten dúbida” de que o procedemento para aprobar o proxecto e licitar a obra “foi ben feito”.

“Hai xente que se caracteriza polo seu desexo de obstaculizar a cidade, por ir en contra de todo”, proclamou o alcalde, quen sinalou que algunhas das persoas que están detrás desta asociación con ese nome “pretencioso” coinciden coas doutros colectivos que se opuxeron a outras actuacións.

Por outra banda, o alcalde confirmou que esta obra, que se adxudicou á UTE Civis Global-Gevora por 13,4 millóns, obrigará a cambios no aparcadoiro de Policarpo Sanz. Así, “durante un tempo” ese aparcadoiro terá 13 prazas menos, que logo “se recuperarán”.

RECURSO

O recurso presentado ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia solicita a anulación do acordo de xunta de goberno que adxudicou a obra (o pasado 26 de setembro) por considerar que provén doutro acordo, o do pasado 3 de maio, no que se deu luz verde ao proxecto e que, segundo os recorrentes, é non se axusta a Dereito.

Así, sosteñen que o proxecto, tal e como foi deseñado, non se pode executar, porque os planos utilizados “non reflicten a realidade construtiva das edificacións” da zona pola que iría o túnel. A ese respecto, denunciaron que non se fixeron catas estruturais e que, polas características do subsolo, habería un “grave e inminente risco de derrube dos edificios afectados”.

Así mesmo, sinalaron que tampouco se cumpriron os requirimentos legais no proceso de licitación, porque non se xustifica adecuadamente a necesidade desta actuación. Unha actuación que, por outra banda, non ten encaixe no PEPRI do Casco Vello. segundo afirmaron.

Finalmente, no recurso apuntan que a obra non cumpre os obxectivos recolleitos no regulamento dos fondos FEDER (a reforma da Porta do Sol se financie con fondos da UE), e que é contraria ás políticas ambientais impulsadas desde Bruxelas, porque ao contrario de suprimir o tráfico no centro da cidade, increméntao.

Detido un veciño de Vigo tras agarrar polo pescozo a súa muller

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, J.A.C.H., de 33 anos e natural de Ecuador, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir A súa muller, á que agarrou polo pescozo, e tras atacar tamén ao seu sogro, que tratou de axudala.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite deste mércores, cando a parella se atopaba no seu domicilio da rúa Camelias, xunto ao pai e ao irmán dela. Nun momento determinado, iniciouse unha discusión entre o matrimonio e o home suxeitou á súa muller fortemente polo pescozo, comezando a apertar, aínda que ela logrou zafarse e saír da habitación.

Nese momento acudiu no seu auxilio o seu pai, que se interpuxo entre ela e o seu marido. O presunto agresor agarrou tamén polo pescozo ao seu sogro e ambos caeron sobre unha cama mentres forcexaban. A muller pediu entón axuda ao seu irmán, que tamén estaba na vivenda, e este acudiu a socorrer ao seu pai, logrando separalo do seu cuñado. A continuación chamaron ao 092.

Cando os axentes chegaron ao lugar comprobaron que a muller presentaba marcas no pescozo e nos brazos, mentres que o seu pai tiña erosións no pescozo e un hematoma con sangrado no ollo esquerdo. Por estes feitos, os policías procederon á detención do marido, como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Asi é o movemento poético vigués: Interxeracional, emerxente e democrático

Ano 2015. No marco do Festival Kerouac de Poesía e Performance Marcos de la Fuente, un dos seus organizadores, collía un megáfono e pola rúa recita “Jack Kerouac camina desnudo por las calles de Vigo”. Minutos antes na Rúa Príncipe decenas de persoas debuxaban a palabra poesía cos seus corpos. Ese ano anunciábase un ponte con Nova York do festival e anos despois chegarían as edicións da cidade estadounidense e o ano pásado en Cidade de México. Unha cidade de apenas 300.000 habitantes conectada poeticamente a través do Atlántico.

Unha das iniciativas que naceron do festival foi o “Muro dxs Poetas”, unha construción permanente onde, tras unha convocatoria libre para que quixera puidese mandar os seus versos, estes expúñanse alí como un cacho do corazón de calquera participante. A responsable da proposta é Sherni Khaur, unha artista e educadora con moitos anos de experiencia na fotocerámica: “Eu sempre tiven a idea de democracia cultural e quixen crear un espazo que expresara libremente ser poético de cada quen. Pareceunos unha idea que podía ser motivadora cun marcado compoñente estético”.

Ata agora organizaron dous convocatorias e Khaur cualifica o recibimento de “espectacular”, aínda que matiza que “soamente por parte dos artistas, da administración xa non esperamos nada”. Nestes momentos traballan nunha ampliación pero desvinculada do Kerouac: “Foi unha necesidade do propio festival, polo que era o mellor crecer independentemente”, explica. Iso si, considera ao evento como “un irmán” do muro.

Público durante un recital no Café Uf / Miguel Núñez.

Respecto á escena de Vigo, a artista pensa que se está a vivir un momento moi bo: “Hai moitas iniciativas e xente que exerce moitas expresións de poesía, dende o spoken word á poesía urbana. A clave para crecer é tecer unha rede na que nos podamos dar a coñecer e prescindamos das nosas diferencias, tanto na lingua como na forma”. Por outra banda, recoñece como parte da forma de proceder na cidade o espallamento: “Parte da idiosincrasia viguesa é facer moitas cousas en grupos moi pequenos, tanto que moitas veces o resto non os coñecemos, porque as redes sociais funcionan pero son limitadas”.

A OLLADA DENDE FORA

Outra artista que participou no Festival Kerouac, neste caso na edición de 2017 foi Irea Vecino. Ela foise a Madrid e volve agora tras un ano desconectada da cidade a facer unha xira de recitais xunto ao cantautor Fer Sánchez por Galicia. Comeza en Vigo, a cidade que a viu nacer artisticamente no grupo de poesía de mocidade Alter Ego. “Vexo moi importante a renovación xeracional da poesía e vía como moita esperanza que aceptasen a Alter Ego como grupo xeracional para incorporar caras novas a un panorama poético de Vigo que lle facía moita falta. Estoulles moi agradecida a todos os seus integrantes porque as táboas que teño agora sobre o escenario poseinas nese grupo”.

Para Vecino, saír a recitar a un escenario é un pracer: “Síntome como se o micrófono fose unha barita máxica que me dera poder para transmitirlle á xente o que sinto ou o que sentín cando escribín o que leo”. Tamén recoñece que facelo ten un certo compoñente aditivo: “Ás veces realmente é como unha droga”, admite entre risas.

Un dos participantes no I encontro entre poetas e cantautores na praza do abanico / Miguel Núñez.

Ela valora artisticamente irse a Madrid como algo positivo: “Foi todo moi diferente, alá hai recitais todos os días da semana en diferentes locais, mentres que aquí aínda son excepcións. Ademais, aquí se recita en xeral unha poesía para amigos ou xente próxima, non se busca o desenvolvemento”. Ademais, lembra ao entorno poético como algo moi pechado “tanto pola xente que levaba os recitais como polas propias características da cidade que fan difícil organizar cousas”.

VIGO HOXE

Os eventos que máis destacan no panorama poético actual é Poesía e Microrrelato Vigo, que leva celebrando dous anos no Galo do Vento e os micros abertos semanais do Café UF. Destaca que en ambas ocasións déixase un espazo moi grande para a canción de autor que se suman aos versos sen musical. Proba desta incorporación é o evento que se deu fai unhas semanas na Praza do Abanico do Casco Vello onde poetas e cantautores da cidade ofreceron un espectáculo ao aire libre.

María Villar, organizadora de Poesía e Microrrelato Vigo, saíu moi satisfeita do evento: “Foi todo xenial, a verdade é que non hai en Vigo moitos lugares coas características desa praza para poder facer un recital. Tamén estiven moi satisfeita coa audiencia, aínda que se foi indo pouco a pouco porque ao final rematamos as dúas en media da mañá”. Desta tardanza bota a cult¡oa aos cantautores porque “tenden a pasarse enorme do tempo, se lles das catro minutos, fan vinte!”, chancea Villar.

Poetas
Pablo Vila, un dos organizadores de recitais en Vigo na Praza do Abanico © Miguel Nuñez

Ela define ao movemento poético en Vigo como “heteroxéneo e plural” e considera que esa é a liña a seguir. Explica que nun escenario podes atoparte dende xente moi nova que sube a un escenario por primeira vez, ata persoas maiores con moita experiencia. Respecto á temática, “a xente nova é máis guerrilleira polo xeral e incorpora poesía social con temas moi actuais, mentres que a máis maior tende a facer unha poesía romántica con moito gusto”.

Poesía e Microrrelato non é un micro aberto puro porque hai poetas invitados, pero si que incorpora unha quenda despois da actuación dos poetas do cartel. “Isto é importante porque deste xeito entra xente que non o farían nunca doutro xeito. Ademais é unha plataforma para dicir o que queiras como o queiras, eu non concibo algo destas características sen micros abertos”, explica.

ESCENA ACTUAL VIGUESA

Dentro da escena actual viguesa actual destacan moitos nomes que día a día fan ricos os escenarios “e que cada día son más”, comenta Villar. Laura de Cáceres é unha rapaza moi nova que estuda Filoloxía na USC pero que principalmente recita en Vigo. Para ela na cidade hai bastantes iniciativas “pero non as suficientes excepto algún festival concreto”.

Encontros de cantautores e poetas no Café Uf © Miguel Nuñez

Botando unha ollada aos demais poetas, de Cáceres considera que hai bastante nivel: “Hai unha escena consolidada e se tratan temas que son sempre positivos como o machismo ou o colectivo LGTB”. Ela leva escribindo e recitando dende que era nena: “Eu creo que é unha necesidade compartir o que sentes para sentirte cómoda e comprendida”. Tamén fai unha chamada aos medios de comunicación para lle dean máis cobertura aos eventos poéticos na cidade.

No punto contrario en canto á idade atópase Lola Villar: “A min gústame moito Vigo porque hai un amplo abanico interxeracional e de todas as linguas, ademais esta nova movida de cantautores fai que sume todo”. Ademais, considera que na cidade “hai moita xente de diferentes cidades e orixes que teñen as portas abertas todo o que sexa cultural”.

Multa de 2.250 euros para o condutor do coche que se estrelou na AP-9 en Teis causando a morte de tres mozos

O xulgado de instrución número 5 de Vigo ditou sentenza na que condena ao pago dunha multa de 2.250 euros ao condutor do turismo que, na noite do 29 de maio de 2019, saíuse da vía na AP-9 á altura da parroquia viguesa de Teis, provocando a morte de tres menores que viaxaban no vehículo.

A xuíza considera ao condutor autor dun delito leve de homicidio por imprudencia menos grave (aínda que faleceron tres novos no accidente, só a nai dunha das vítimas formulou denuncia), e condenouno ao pago desa multa, á vez que lle impuxo á privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante 15 meses.

Segundo a resolución xudicial, detrás dese sinistro estivo o exceso de velocidade (o coche circulaba a 138 quilómetros por hora, nun tramo limitado a 100 km/h), unido á falta de experiencia e pericia do condutor, que só tiña o carné desde había un mes.

Tras un adiantamento, o mozo realizou unha manobra brusca e perdeu o control do coche, que chocou contra unha bionda metálica e acabou dando varias voltas ata que impactou contra un alicerce dun viario superior e quedou envorcado sobre o teito nunha cuneta hormigonada.

A maxistrada considera que o feito de que a bionda metálica de protección cedese “en nada minora” a responsabilidade penal do acusado, cuxa conduta “imprudente” se produciu antes da colisión.

No accidente faleceron tres menores que viaxaban no coche, mentres que outro, o copiloto, resultou lesionado, do mesmo xeito que o propio condutor. As probas realizadas posteriormente determinaron que o acusado non consumira drogas nin alcol, e que tampouco estaba a manipular o teléfono móbil no momento do sinistro.

As Neves esixe á Xunta que asuma as súas competencias na praga da velutina, trala “ausencia de traballo efectivo”

O Goberno local das Neves vén de dirixirse á Xunta de Galicia coa finalidade de que asuma as súas competencias e actúe contra o avance da vespa asiática neste concello. A inicio de 2016, lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “dende o Concello solicitamos poder contribuir cunha colaboración voluntaria na eliminación desta praga. En agosto de 2016 a Xunta de Galicia aportou a este fin algún material para poder levar adiante algunhas accións”.

O Concello, cun grupo de voluntariado ambiental, estivo desactivando niños e “chegamos a eliminar preto de 200 no ano 2017”, engade o alcalde, pero a Xunta, “que ten as competencias exclusivas nesta materia, non interviu activamente no noso territorio, e a xestión que realizou nesta materia careceu de calquera tipo de avance, nin na investigación nin na actuación directa na eliminación física dos enxames”.

Esta suposta ausencia de traballo efectivo da Xunta, constata o Concello, “produce un efecto pernicioso e inxusto na nosa sociedade e desmobiliza a toda aquela xente que se compromete voluntariamente no ataque á praga”.

“Do mesmo xeito, converte ao Concello, e a este grupo de acción medioambiental, nos aparentes responsables de resolver todas e cada unha das denuncias e reclamacións por avistamentos e detección de niños de vespa velutina, cando na realidade, non se lle ten transferido nin a competencia, nin os medios económicos, materiais e de persoal imprescindibles para abordar con éxito a resolución do grave problema a que nos enfrontamos”, subliñan.

Por todo isto, o Concello das Neves ten adoptado a decisión de “comunicar e esixir á Xunta de Galicia que realice, de acordo coa sua obriga competencial, e cos seus propios medios económicos humanos e materiais, a xestión da eliminación da praga da vespa velutina. Por tanto, dende este momento calquera sospeita de presenza de vespa velutina debe ser comunicada a Xunta de Galicia a través do 112”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed