A análise do corpo de Déborah Fernández-Cervera localizou pelos e fibras nas mostras achadas nas uñas da nova, por mor da exhumación realizada o pasado 18 de maio.
A familia recibiu os primeiros resultados do estudo, que confirman a aparición de pelos e fibras que se compararán cos achados no seu día e cos atopados no exame dun arcón conxelador levado a cabo en 2019.
Nun comunicado, a familia sinalou que estes datos “fan albergar esperanzas” a fin de poder determinar “que persoa ou persoas tiveron intervención ben na morte, ben na ocultación e posterior traslado do corpo”.
Así mesmo, trasladaron “a mesma confianza” respecto dos resultados do estudo do disco duro do computador de Déborah, que se atopaba gardado en dependencias policiais desde 2006 “sen que se achegase ao Xulgado tanto o disco como o envorcado do seu contido”.
“Agora estase tentando determinar se se procedeu ao borrado de datos entre o 1 e o 10 de maio de 2002, e recuperar os mesmos, así como poder determinar a actividade nos últimos meses de vida”, sinalan.
En todo caso, constatan que os achados “volven evidenciar a neglixente actuación policial no ano 2002, pois como xa consta en Autos, no seu momento non se fixo inspección das uñas das mans de Déborah”.
Déborah Fernández-Cervera desapareceu en 2002, cando tiña 21 anos de idade, despois de saír da súa casa para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois, rodeado de pistas falsas, nunha cuneta do Rosal, e nunca houbo ninguén detido nin formalmente investigado por este crime.
O corpo da viguesa foi exhumado en maio tras a autorización do xulgado de instrución de Tui, para que os peritos forenses analicen os restos en busca de posible indicios que arroxen luz sobre a súa morte.
Os restos da moza foron sometidos a diversas probas en busca de, entre outras pistas, posibles fracturas nalgún óso do corpo (no seu día só se radiografiou o cadáver de pescozo para arriba) ou restos de ADN baixo as uñas.