O presidente de Pharma Mar, José María Fernández, avanzou que a compañía prepara a súa inminente saída a bolsa en Estados Unidos (EEUU), que podería producirse a partir do próximo mes, e anunciou que continúa na súa liña de abandono da industria química para centrarse en tratamentos oncolóxicos.
Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo antes da xunta xeral de accionistas, José María Fernández avanzou que, durante este encontro, se someterá a votación a venda de Zelnova, a súa filial produtora e comercializadora de produtos de limpeza, por 33,4 millóns de euros.
Espérase que a operación, cuxos compradores son Allentia e Safoles –sociedades participadas, directa e indirectamente, entre outros, polo conselleiro de PharmaMar Pedro Fernández Pontes e persoas vinculadas a el–, xere unha plusvalía neta de aproximadamente 28 millóns de euros nas contas individuais da compañía e un resultado negativo de aproximadamente 2,5 millóns de euros na conta de resultados do grupo consolidado.
A esta nova operación únese a venda de Xylazel anunciada en setembro de 2018, pola que se ingresaron 21,8 millóns de euros. Desta forma, PharmaMar continúa na súa estratexia de focalizarse en oncoloxía, o seu negocio principal. A directora financeira de Pharma Mar, María Luisa de Francia, asegurou que os ingresos procedentes da industria química eran “firmes”, aínda que insistiu en que a súa perda non será “drástica” para as contas do grupo.
A este respecto, o presidente de Pharma Mar detallou que a desinversión do seu segmento de química de gran consumo para centrarse no sector farmacéutico débese ao interese en mostrar unha empresa atractiva e centrada nunha única liña a investidores de EEUU. Así, explicou que a saída a bolsa no país norteamericano producirase “a partir de mediados de xullo” e que terá lugar no momento no que se espere solicitar un maior valor por acción.
INVESTIMENTO
En concreto, durante 2018, o grupo destinou 74 millóns de euros a I+D, dos que o 86 por cento correspondéronse á Unidade de Negocio de Oncoloxía co obxectivo de avanzar no desenvolvemento de moléculas. Na parte oncolóxica, destináronse 63,7 millóns de euros a I+D, fronte aos 71 de 2017. Esta caída débese á finalización dun ensaio con lurbinectedina.
Os ingresos derivados da venda do fármaco Yondelis xeraron ademais 74 millóns de euros netos, aos que se suman 28,5 procedentes de licenzas, acordos de desenvolvemento e royalties.
INVESTIGACIÓN
En canto ao ámbito da investigación, Pharma Mar presentou no congreso estadounidense ASCO os resultados do estudo en monoterapia con lurbinectedina como axente único para o tratamento de cancro de pulmón microcítico recidivante, un ensaio que xa alcanzou o seu obxectivo primario. Esta presentación repetirase en máis cidades do país, onde varias compañías xa mostraron o seu interese en que lle licencien o fármaco. A maiores, en 2020, espérase a obtención dos resultados do ensaio en fase III ATLANTIS con lurbinectedina en combinación con doxorrubicina.
O presidente do grupo defendeu que, en relación ás complicacións derivadas da súa prescrición para o cancro de pulmón microcítico, a lurbinectedina presentou unha maior “seguridade” que o topotecán, o tratamento que se utiliza na actualidade.
En relación ao fármaco Aplidin, José María Fernández detallou que o socio da firma en Australia conseguiu a súa aprobación como tratamento para o mieloma múltiple en combinación con dexametasoma en cuarta liña e indicou que se espera que Nova Zelandia o recoñeza proximamente. Ademais, avanzou que Pharma Mar recorrerá ante a Comisión Europea a decisión de non autorizar a súa comercialización na UE.
A maiores, detallou que Sylentis presentou os resultados do ensaio clínico HELIX co seu novo composto, SYL1801, no congreso oftalmológico estadounidense ARVO, un dos referentes deste país.
Así mesmo, PharmaMar asinou o seu primeiro contrato en China coa empresa HuaSin, dedicada ao equipamento médico, para avanzar no diagnóstico temperán do cancro de cérvix no país asiático.