A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo adxudicou este venres, por 3,4 millóns de euros, o contrato de subministración en réxime de alugueiro de vehículos para a Policía Local ata 2030. Así, o gasto será duns 857.000 euros ao ano e a adxudicataria foi a empresa Fraikin Assets SAS, “un líder europeo en alugueiro de vehículos e xestión de flotas”, segundo salientou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios.
O rexedor subliñou que, con este novo contrato, o Concello dá resposta ás necesidades derivadas da incorporación de 17 axentes máis ao cadro de persoal da Policía Local, que conta cun total de 340 axentes.
Agora, amplíase en 15 o número de vehículos, que pasa a ser de 32 unidades, case o dobre: 18 turismos patrulleiros con kit de detidos, 2 turismos patrulleiros sen kit de traslado de detidos, 3 furgóns para o servizo de atestados, un furgón para atención cidadá, un furgón para a unidade de drons, 3 “pick up” 4×4 para o servizo medioambiental, un furgón para o servizo de Costa e Praia, 3 turismos camuflados.
A maiores, o parque móbil conta con outros 55 vehículos de propiedade municipal, de xeito que o número total é de 87 vehículos.
