InicioSociedadeVigo porá límites ao tráfico este Nadal para evitar atascos, con 12...

Vigo porá límites ao tráfico este Nadal para evitar atascos, con 12 días de máxima afluencia

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo monitorizará de forma “continua” a afluencia de tráfico e de persoas este Nadal para evitar atascos e problemas de circulación, poñendo o foco en 12 días concretos nos que se agarda a máxima afluencia.

Así o recolle o plan de tráfico aprobado polo goberno local, que rexerá durante os case dous meses nos que permanecerán acesas as luces de Nadal na cidade. Un plan que foi presentado este venres ante os medios de comunicación pola concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez.

Nesta ocasión, os niveis de afluencia que suporán máis ou menos restricións e medidas pasarán de tres a dous, con 12 días de máxima afluencia e outros 45 de afluencia moderada. Ademais, o día do acendido, este sábado 14 de novembro, haberá un plan específico.

Deste xeito, os días nos que o Concello prevé máis visitantes son aquelas datas sinaladas, ben por seren festivos en España ou en Portugal, ben por tratarse de días especiais para o comercio: 27, 28, 29 e 30 de novembro; 1, 5, 6, 7, 8 e 26 de decembro, e o 4 e o 5 de xaneiro.

Este ano, boa parte das medidas tomarase na contorna de Vialia, debido a que o mercadiño de Nadal Cíes Market se trasladará á súa cuberta exterior. Isto permitirá que zonas que adoitan estar cortadas ao tráfico, como a rúa Colón, poidan ser utilizadas polos vehículos, mentres que a rúa Baixada á Estación quedará reservada só para o transporte público.

“RETOS”

Os responsables da área de Seguridade do Concello falaron dos distintos “retos” aos que se enfrontarán por primeira vez este ano, e explicaron que a Porta do Sol seguirá sendo un punto neurálxico de afluencia de persoas. Pero neste Nadal, milleiros de turistas desprazaranse andando desde alí ata Vialia.

Por iso, o goberno local intensificará os traballos para permitir un mellor desprazamento dos visitantes a pé, co obxectivo de garantir a seguridade. Nas medidas non se recolle empregar parte da calzada para os viandantes, pero non se descarta unha modificación se for necesaria en días concretos.

De feito, a concelleira subliñou que o modelo de xestión será “dinámico, flexible e adaptativo” en función da mobilidade que se rexistre cada día. Todo iso grazas a unha “análise continua” do tráfico, co obxectivo último de garantir a seguridade das persoas e optimizar a circulación, segundo dixo.

VIGO APP

Desde o Concello insistiron na importancia de usar o transporte público fronte ao coche privado e animaron os vigueses e os turistas a descargar a Vigo App, que dispón de toda a información necesaria sobre o estado do tráfico e dos aparcadoiros para buscar alternativas.

Preguntados sobre como se arranxarán os posibles atascos que poderían xerarse na contorna de Vialia, xa habitualmente congestionada no Nadal (e agora súmase o mercadiño), destacaron que haberá filtros de tráfico para tratar de impedir que se acumulen os coches na Gran Vía. Ademais, estes filtros permitirán aos usuarios da estación de autobuses e de tren chegar a Vialia e poder coller o seu transporte. 

ÚLTIMAS

Pepe Álvarez participará este luns en Vigo nunha concentración en condena ao ataque sufrido na sede de UXT

O secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, participará este luns en Vigo nunha concentración...

A Xunta Electoral dá a razón ao PP e advirte a Caballero polas súas críticas políticas nun acto municipal

A fronteira entre a información institucional e a confrontación política volve situarse no centro...

Unha maleta chea de armas en Peinador destapa unha rede que fornecía pistolas a narcotraficantes das Canarias

Unha maleta aparentemente convencional, un pasaxeiro disposto a embarcar e un cargamento de armas...

Os Tedax acoden ao Cunqueiro por unha maleta abandonada que tiña roupa

Axentes da Policía Nacional especializados na desactivación de artefactos explosivos (Tedax) desprazáronse na mañá...