A concelleira de Seguridade do Concello de Vigo, Patricia Rodríguez, recoñeceu estar “pendente” do procedemento xudicial iniciado a raíz do accidente mortal no Saltamontes das festas de Matamá, ocorrido en agosto de 2024 e que acabou coa vida dun home.
Así o sinalou este venres tras ser preguntada polos medios de comunicación no marco dunha rolda de prensa para presentar o plan de tráfico que rexerá en Vigo durante as festas de Nadal. A este respecto, manifestou o seu respecto polos procedementos xudiciais, remitíndose ás declaracións que xa fixera no seu día, tras saberse que é unha das investigadas polo ocorrido.
Ela insistiu en enviar condolencias e respecto aos familiares do falecido, indicando que agora desde o goberno local están “pendentes” do procedemento, pero “non está nas súas mans”, senón “en sede xudicial”. Iso si, subliñou que “respectará” as resolucións que se adopten nesas instancias, rexeitando polo de agora presentar a súa dimisión, despois de que a prensa lle preguntase por iso.
ACCIDENTE MORTAL
O accidente ocorreu na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes rompeu e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu e sufriu lesións que lle causaron a morte.Tras o sinistro, o xulgado abriu unha investigación, no marco da cal chamou a declarar en calidade de investigados o propietario da atracción e o presidente da comisión de festas. O primeiro compareceu ante a xuíza en abril de 2025 e acolleuse ao seu dereito a non declarar, mentres que o segundo proclamou a súa inocencia e pediu o sobresemento no seu caso.
Ao longo dos meses, a xuíza requiriu diversos informes e documentación e chamou a declarar como investigadas varias persoas, entre elas a propia concelleira Patricia Rodríguez. Finalmente, a xuíza decidiu continuar coa investigación de Patricia Rodríguez e do propietario da atracción, arquivando a causa contra a comisión de festas e o resto dos investigados inicialmente. As acusacións particulares do caso piden ata 4 anos e medio de cárcere para ambos os imputados.
