A detención en outubro de 2025 dun pasaxeiro no aeroporto vigués de Peinador, tras descubrirse que levaba armas escondidas nunha maleta, conduciu á Garda Civil a desarticular unha rede dedicada ao tráfico de armas e que abastecía a narcotraficantes asentados en Canarias.
Segundo informou a Comandancia de Pontevedra, a investigación iniciouse en outubro do ano pasado, cando un pasaxeiro foi sorprendido na terminal aérea de Vigo cun cargamento de armas, que tentaba levar en avión a Canarias. A Garda Civil procedeu á súa detención e, tras inspeccionar o contido da equipaxe, comprobou que levaba seis armas curtas (pistolas), un revólver, unha escopeta de canón recortado, unha mira telescópica e unha arma longa (rifle). No momento, o sospeitoso recoñeceu que lle pagaran 3.000 euros para levar esa maleta ata Canarias.
Varias das armas eran pistolas de fabricación ilegal, ensambladas no estranxeiro con compoñentes esenciais de diferentes orixes e que se coñecen co nome de ‘armas fantasmas’ xa que, ao carecer de números de serie e marcaxes identificativas, non poden ser rastrexadas. Os investigadores concluíron que este detido era un ‘mulero’, contratado para facer o transporte das armas, e puideron identificar á persoa que lle fixo o encargo, e que foi detida en Las Palmas de Gran Canaria nos días seguintes.
Tras a análise da documentación intervida a estes dous detidos, e coa colaboración de Europol, Italia, Francia e Portugual, a Garda Civil puido determinar que os sospeitosos formaban parte dunha organización de maior entidade dedicada a introducir desde a península cargamentos de armas de fogo con destino ás organizacións de narcotráfico que operan en Canarias. Para iso, previamente, províanse de ditas armas e municións no estranxeiro e comunicábanse entre si utilizando aplicacións de comunicacións encriptadas.
As pescudas realizadas durante meses permitiron identificar e localizar aos xefes deste grupo criminal a finais de outubro pasado. Así, procedeuse á detención doutras dúas persoas, en Forteventura e A Gomera, quedando desarticulado o grupo.
OPERACIÓN TERMINAIS
A bautizada como Operación Terminais, coordinada desde o tribunal de instancia de Vigo, sección de Instrución, praza 4, saldouse con 4 detencións, de persoas entre 35 e 46 anos de idade, todas domiciliadas en Canarias e con antecedentes penais; e investígase a outras dúas.Tamén levaron a cabo media ducia de entradas e rexistros, nos que se interviñeron: 8 armas curtas (7 pistolas e 1 revolver), 1 rifle, 1 silenciador, 500 cartuchos metálicos de diferentes calibres de arma curta, 15.000 euros en metálico, 1 quilo de cocaína, diferentes útiles para a adulteración e distribución de estupefacientes, un vehículo dotado dun dobre fondo (caleta) para o transporte de armas e estupefacientes, e documentación e dispositivos electrónicos para análises.
Aos detidos atribúenselles os supostos delitos de integración en grupo criminal, tráfico ilícito e depósito de armas e municións e delito contra a saúde pública (tráfico de drogas). O xulgado determinou o ingreso en prisión dun dos detidos.A operación enmárcase dentro do Plan Integral para o Control das Armas de fogo (PICAF) da Garda Civil, que é o Corpo que a nivel nacional ten encomendada a competencia sobre o control das armas e explosivos.
