O administrador dunha empresa de subministracións navais de Vigo aceptou un ano de prisión como autor dun delito contra os dereitos dos traballadores, en concurso cun delito de homicidio por imprudencia, polo falecemento dun empregado ao que lle caeu enriba un elevador eléctrico.
A condena, coa aplicación da atenuante de reparación do dano, foi imposta tras unha vista de conformidade celebrada no tribunal de instancia de Vigo, sección penal, praza 1, e, ademais da pena de prisión -que fica suspendida durante dous anos, coa condición de que non delinqua nese tempo-, o procesado foi inhabilitado para desempeñar o cargo de administrador de empresas do mesmo sector.
Os feitos ocorreron en marzo de 2024, cando este empregado, de 37 anos, estaba cun compañeiro nunha nave do Peirao de Reparacións de Bouzas, preparando un palé cunha carga duns 480 quilos para metela na furgoneta da empresa. Como non a podían coller co apilador hidráulico, optaron por utilizar un elevador eléctrico desde o primeiro piso da nave.
Así, engancharon a carga e, cando se elevou, o puntal ao que estaba ancorada desprendeuse, de xeito que o puntal e o elevador caeron desde unha altura duns 5,5 metros sobre o traballador. O operario faleceu horas despois no hospital, como consecuencia das graves lesións provocadas polo golpe. A Fiscalía mantén que o administrador da empresa tiña a obriga legal de velar pola seguridade dos seus empregados, de lles dar formación en materia de riscos laborais, así como de garantir que os equipos que utilizaban fosen os axeitados.
Así, sinalou no seu escrito de acusación que, aínda que a empresa contaba cun informe de avaliación de riscos laborais, ese elevador eléctrico non fora avaliado e os traballadores non tiñan outro equipo á súa disposición para facer esa tarefa. Isto supón “unha infracción grave” da normativa de prevención de riscos laborais. Finalmente, tras o acordo, o ministerio público rebaixou a petición de pena (inicialmente solicitaba dous anos e medio de prisión). Os pais e a irmá do falecido renunciaron ás accións penais e civís, ao teren xa sido debidamente indemnizados.ís, ao ser xa debidamente indemnizados.
