A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e Comarca (Foanpas) denunciou a “situación de abandono” e o “desmantelamento” do ensino público, e criticou a actuación da Xunta neste comezo de curso. Nunha rolda de prensa, representantes de Foanpas referíronse a distintos casos vividos en centros da cidade, empezando polo EEI Vila Laura, que leva semanas protestando pola falta dunha docente que lle corresponde segundo catálogo, xa que só contan con 12 profesionais en vez de 13, como está estipulado, indican.
“Esta situación afecta gravemente ao día a día da escola, máis aínda cando o alumnado afectado é de educación infantil”, lamentan desde a asociación nun comunicado. “A Xunta fala de inclusión e atención á diversidade, pero pretende resolver a falta de profesorado utilizando os recursos destinados a garantilas”, apostillaron.
Porén, defenden que non se trata dun “caso illado”, xa que no CEP Fleming e no IES O Castro tamén “faltan profesionais, apoios, programas e instalacións axeitadas”, aínda que a resposta da Consellería de Educación é “que os centros se reorganizen e sigan a funcionar”, insisten. Por todo isto, Foanpas anunciou que porá en marcha protestas e campañas de visibilización para denunciar o que está a ocorrer.
