InicioSociedadeVigo únese á dor polo accidente de Toledo: Abel Caballero suspende axenda...

Vigo únese á dor polo accidente de Toledo: Abel Caballero suspende axenda e pide que “este país estea unido” ante a traxedia

O alcalde cancela a súa axenda institucional e convoca un minuto de silencio ás 20.00 horas na Praza do Rei. PP e BNG tamén trasladan as súas condolencias ás familias das vítimas e o seu apoio aos equipos de emerxencias.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a cancelación de toda a súa axenda institucional deste mércores tras o grave accidente ferroviario ocorrido na localidade toledá de Urda e trasladou, en nome da cidade, o seu pésame ás familias e achegados das persoas falecidas, así como a súa solidariedade coas persoas feridas. O rexedor olívico expresou a “dor” e a “consternación” provocadas pola traxedia e manifestou o seu desexo de “que o número sexa o menor posible”, en referencia ás vítimas mortais do sinistro.

Caballero insistiu na necesidade de acompañar as persoas afectadas nun momento especialmente difícil e defendeu que hai que estar “ao lado da xente que sofre dunha maneira tan importante neste momento”. “Porque todos sentimos dor e queremos acompañalos, a todas as familias na súa dor”, sinalou o alcalde, que tamén expresou o seu desexo de que todas as persoas feridas poidan recuperarse canto antes. Neste sentido, reclamou unidade ante a gravidade do sucedido e proclamou que “este país ten que estar unido arredor das condolencias e o agarimo ás familias das persoas falecidas e da pronta recuperación de todas aquelas persoas que estean feridas”.

VIGO GARDARÁ UN MINUTO DE SILENCIO ÁS 20.00 HORAS NA PRAZA DO REI

Como mostra de solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario, o Concello de Vigo secundará a convocatoria realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e chamou a veciñanza a participar nun minuto de silencio este mércores ás 20.00 horas na Praza do Rei. A concentración terá lugar en memoria das persoas falecidas no sinistro de Urda, ao tempo que se trasladará o apoio da cidade ás persoas feridas e ás familias afectadas.

O PP E O BNG TAMÉN TRASLADAN O SEU PÉSAME ÁS VÍTIMAS

Pola súa banda, os voceiros dos grupos municipais da oposición tamén expresaron a súa solidariedade coas persoas afectadas polo accidente. A portavoz do PP de Vigo, Luisa Sánchez, trasladou a través das redes sociais que segue a información relativa ao sinistro “con moita preocupación” e enviou o seu “máis sentido pésame” ás familias das persoas falecidas, así como todo o seu “agarimo” ao resto das persoas afectadas. A representante popular tamén destacou a importancia de centrar os esforzos na atención ás vítimas e no traballo dos profesionais despregados na zona. “A misión principal agora é atender as vítimas e apoiar os equipos de emerxencias”, sinalou.

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, transmitiu unha mensaxe de pésame nas súas redes sociais, na que incidiu na necesidade de acompañar as persoas afectadas e apoiar os profesionais que participan nas tarefas de emerxencia. “Hoxe o máis importante é dar alento, apoio e solidariedade ás vítimas e ás súas familias. E todo o ánimo aos equipos de emerxencia que están a intervir neste tráxico accidente”, manifestou o representante nacionalista.

ÚLTIMAS

A UVigo busca romper a “cadea de exclusión”: cinco persoas procedentes do sistema de protección de menores reciben xa apoio para estudar

A Universidade de Vigo (UVigo) puxo en marcha un programa piloto de inclusión académica...

Xulgado en Vigo por increpar un camareiro homosexual: “Axeónllate e arrepíntete ante Deus por ser homosexual”

Un home acusado de increpar e insultar reiteradamente un traballador dunha cafetería de Vigo...

Caballero amosa o seu apoio aos centros escolares públicos: “As obras que non fai a Xunta facémolas nós”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este martes unha reunión con membros da...

A FIFA visitará en novembro e decembro as sedes do Mundial 2030

A FIFA efectuará unha serie de visitas a sedes do Mundial 2030 en España,...