A acampada pola vivenda en Vigo acada xa as 60 tendas, nas que cada día pernoitan entre 30 e 40 persoas co obxectivo de reclamar solucións para a “crise” habitacional que sofre a cidade, malia a chegada das primeiras chuvias. Segundo os manifestantes, cada día súmanse decenas de persoas para participar nas asembleas e nas actividades que alí se levan a cabo.
“O campamento funciona practicamente como unha sociedade en miniatura”, con diferentes comisións que desenvolven tarefas distintas establecidas pola asemblea. “Así, por exemplo, a comisión de alimentación encárgase de dar o almorzo, o xantar e a cea a todos os participantes, mentres que a de loxística xestiona a infraestrutura da acampada”, explican nun comunicado.
O colectivo conta con diversas normas de convivencia para garantir unha mellor coexistencia co contorno, como a prohibición de consumir alcohol ou outras drogas. Por iso, distintos grupos ecoloxistas apoiaron esta protesta, ao afirmar que se leva a cabo de maneira respectuosa co medio ambiente, indican.
Os manifestantes subliñaron que tamén contan cunha comisión de seguridade, que se encarga de facer gardas para protexerse de agresións como as sufridas nos últimos días. Malia isto, agradeceron o apoio dos veciños, tanto na achega de comida como na axuda á hora de adaptar o campamento pola chegada das chuvias.
