InicioEconomíaO PP propón un bono mensual de 20 euros para o bus...

O PP propón un bono mensual de 20 euros para o bus de Vigo ante a subida do billete ordinario

Os populares reclaman unha auditoría dos custos operativos mentres o BNG presenta unha emenda á totalidade para esixir a xestión pública.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PP de Vigo propuxo a implantación dun bono mensual de 20 euros e un bono anual de 200 euros, con viaxes ilimitadas, para o servizo de bus urbano. Esta medida, pensada para o novo contrato da concesión, busca paliar o que consideran unha “subida desproporcionada” das tarifas. A presidenta local e portavoz municipal, Luisa Sánchez, reclamou ao Concello que encargue unha auditoría para analizar os custos operativos da futura empresa concesionaria. Segundo denunciou o PP, a nova ordenanza establece unha tarifa técnica para o billete ordinario de 2,04 euros, fronte aos 1,63 euros actuais, o que supón un incremento superior ao 25 %. Luisa Sánchez criticou que o servizo manterá as mesmas rutas, frecuencias e número de autobuses a pesar do aumento de prezo, polo que os vigueses pagarán moito máis por practicamente o mesmo.

Nas súas emendas á ordenanza, os populares defenden a tarifa plana de 20 euros como unha estratexia para aumentar o número de usuarios e reducir o uso do vehículo privado, seguindo as recomendacións da Comisión Europea. Entre as súas propostas destacan a necesidade de manter as bonificacións aínda que se perdan as axudas estatais, a gratuidade do servizo o 22 de setembro por mor do Día Europeo sen Coches e a creación dunha tarxeta PassVigo Turística financiada co que se recade a través da taxa turística. Así mesmo, propuxeron a conxelación do prezo do bus turístico e a incorporación de Vigo ao plan de transporte metropolitano da Xunta para abaratar os traxectos interurbanos, instando a Abel Caballero a abandonar o seu negacionismo político neste asunto.

Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda á totalidade á ordenanza de prezos. O seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas, instou a devolver o texto para evitar o que cualificou como unha “nova privatización que vai hipotecar un servizo esencial para a cidade”. Para os nacionalistas, o debate vai máis aló das tarifas e céntrase no modelo de xestión, denunciando que a ordenanza non responde a criterios sociais nin ambientais, senón que é un traxe a medida deseñado polo goberno local para beneficiar a rendibilidade empresarial. Pérez Igrexas criticou que o novo modelo incrementa o custo do servizo nun 90 % sen mellorar as frecuencias nin o mapa de liñas, cualificando o proxecto como “o timo da estampita”. Por iso, o BNG insistiu na necesidade de remunicipalizar o servizo e crear unha empresa pública que garanta un control democrático e prezos xustos.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...