InicioMovementos SociaisAlento celebra o seu 25 aniversario elaborando "a tortilla máis grande da...

Alento celebra o seu 25 aniversario elaborando “a tortilla máis grande da historia de Vigo”

A asociación de dano cerebral aposta por un evento aberto e festivo para dar visibilidade ao seu traballo e agradecer o apoio da cidade de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

Asociación de Dano Cerebral Alento celebrará este sábado, 25 de maio, o seu 25 aniversario cunha festa aberta no barrio vigués de Navia, onde pretende elaborar a que será “a tortilla máis grande da historia de Vigo”, segundo informou a propia entidade. O evento, de carácter gratuíto e pensado para todos os públicos, desenvolverase a partir das 17.00 horas na rúa Pedra Seixa, diante da sede da asociación, e combinará gastronomía, música e actividades infantís.

A celebración inclúe actuacións musicais, pasacalles, animación e unha xornada de portas abertas, co obxectivo de achegar o traballo da entidade á cidadanía e recoñecer o apoio recibido ao longo destas dúas décadas e media. “Organizamos uns aniversarios ao grande co obxectivo de abrirnos á cidade, dar a coñecer a asociación e tamén como agradecemento a Vigo polo seu apoio e compromiso coas persoas afectadas por dano cerebral adquirido en todos estes anos”, explicou o director xerente de Alento, Gonzalo Mira.

O programa arrincará co grupo de percusión ‘Lenha Verde’, que animará a veciñanza cun pasacalles pola contorna. Á mesma hora, actuará tamén a Coral de Teis, mentres pallasos e outras actividades infantís animarán a xornada na rúa. A proposta está deseñada como unha festa integradora e inclusiva, fiel ao espírito da asociación, que traballa pola mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias.

O momento central da celebración terá lugar ás 18.00 horas, cando se iniciará a elaboración da tortilla xigante, un proceso que poderá seguirse en tempo real a través dunha pantalla xigante instalada no lugar. Sobre as 19.00 horas, o equipo da empresa Ovo da Avoa, recoñecida pola súa experiencia en grandes elaboracións e titular dun récord Guiness, será o encargado de dar a volta á tortilla cun guindastre de seis metros de altura. Unha vez rematada, a tortilla será repartida entre o público asistente en forma de racións.

A Asociación Alento, con sede en Vigo, é unha entidade de referencia en Galicia no acompañamento a persoas con dano cerebral adquirido, e leva 25 anos desenvolvendo programas de atención sociosanitaria, rehabilitación e inclusión social. A través desta iniciativa festiva, a entidade pretende poñer en valor a súa traxectoria e reforzar o seu vínculo coa sociedade viguesa, nun ambiente festivo que busca visibilizar e celebrar o labor realizado desde a súa fundación.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...