InicioMedio Ambiente e Patrimonio"Tódalas mortes por incendio en estradas galegas e lusas desde 2006 foron...

“Tódalas mortes por incendio en estradas galegas e lusas desde 2006 foron en zonas de piñeiro ou eucalipto”

PUBLICADO O

Os lumes de hai un ano deixaron milleiros de hectáreas queimadas, moita destrución, moita pena, moitas ilusións rotas e, tamén, medo. Medo como o que teñen algúns veciños e comuneiros que loitaron día e noite para evitar que as lapas queimaran as súas propiedades.

Juan, ex comuneiro e veciño de Gondomar é un deste exemplos de coraxe. Tamén outro amigo seu, comuneiro, con grandes coñecementos de estudo ambiental pero que prefire manter o anonimato por temor a represalias. Represalias que xa se adoptaron contra algúns veciños o pasado ano por ser críticos coa xestión forestal.

Xuntos analizan para XdV o principal problema dos montes do país.

P- É a cantidade de eucalipto un grave problema para Galicia?

R- Hai xa máis do dobre de eucaliptos dos que debería haber en 2031. Deberían ser 250.000 hectáreas nesas datas. Pero xa dobramos a cifra e andamos por riba das 600.000. E a Xunta, en vez de rectificar esta evolución despois do susto e catástrofe de outubro, o que fixo foi aumentar un 1% a superficie forestal cultibable con eucaliptos, aos que hai que sumar os milleiros que xa crecen de forma autónoma co lume, mais os que se pranten sen permiso ou en cantidades superiores á lei.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

P- Parece unha loita perdida de antemán.

R- As plantacións de frondosas son puntuais. Detalles de asociacións, empresas con responsabilidade corporativa, comunidades de montes… Por exemplo, ABANCA prepara unha iniciativa e planta 10.000 carballos.

Pero é que o eucalipto son hectáreas e hectáreas, e multinacionais vivindo delas. Fronte a isto quedan iniciativas moi determinadas, comunidades de montes que fan o pouco que poden.

“OS TÉCNICOS DO CSIC CATALOGAN COMO PRAGA AO EUCALIPTO, PERO A ADMINISTRACIÓN NON FAI NIN CASO”

P- É realmente perigoso o eucalipto?

R- Se “visitas” calquera incendio, ves como se comporta o lume. Isto son datos científicos. A velocidade coa que avanza a chama aumenta nos tramos de piñeiro e eucalipto. Está calculado. Coas frondosas, pode avanzar tamén, claro, pero cada vez máis despacio.

E, unha vez que a catástrofe termina, o eucalipto, como especie pirófila, é o rei. O incendio elimina a competencia, porque o eucalipto está especialmente deseñado para crecer nese ambente podre, no territorio débil, queimado. Só crecen eles… e crecen por millóns. Saen tantos que non medra nada máis, afogan ás demais especies.

Madeira cortada na área de Vigo/ Miguel Núñez

P- Podemos considerar ao eucalipto como unha praga?

R- O eucalipto ti o cortas e nace 3 veces máis. Á cuarta sae tamén, pero retorcido. Ten tres vidas. Para eliminalo ou frear o seu avance, moita xente termina empregando produtos químicos canceríxenos, coma os famosos químicos do xuízo de Monsanto, porque é unha praga, e así de complicada de eliminar.

De feito, os técnicos do CSIC catalogan ao eucalipto como unha especie invasora. Pero a administración non fai nin caso. Non o recoñecen en ningún momento porque moita xente vive do negocio da madeira. Moito poder.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

E se houbera unha sanción, por exemplo á comunidade galega, por superar o número permitido de eucaliptos, a pagaríamos todos os cidadáns, como ocorreu coas sancións ás eléctricas, que subiu como nunca a luz. É o que teñen os monopolios ou case monopolios. Non temos xestores que respondan co seu patrimonio, temos políticos que non responden ante nada.

O Plan Forestal fala dun máximo de 250.000 eucaliptos en Galicia, e levamos xa case 700.000. E cando foi o incendio, intentaron desinformar minimizando as hectáreas perdidas.

Falaban o día seguinte á catástrofe de 25.000 hectáreas primeiro, despois a xente protestou e subiron a 50.000.O lobby da madeira ten moito poder. E non é que a Xunta non fixera nada, é que fixo menos que nada aumentando a superficie de eucalipto permitida.

Novo eucalipto/ Miguel Núñez

P- Hai zonas de alto risco de incendio en Galicia máis aló da nosa provincia?

R- Se hai un incendio en Lugo, Lugo arde máis do que ardeu aquí. A carreteira de Lugo a Ribadeo é unha xigantesca plantación de eucalipto.

P- Que futuro nos espera?

R- Dentro de 10 anos  a cousa vai seguir igual, porque se segues facendo o mesmo que levas facendo toda a vida… Se as administracións non cambian nada, o resultado non será outro.

Inmensidade de eucalipto/ Miguel Núñez

É certo que aparecen cada vez máis as conciencias e as boas iniciativas particulares, pero se quen acapara o poder máis grande non ten vontade… Hai exemplos, como o Concello de Viveiro, que decretou este municipio como “libre de eucalipto”.

Hai unha parte da sociedade que se vincula, que é para se quitar o sombreiro, sinte o monte como algo propio. Nenos pequenos, anciáns, sentindo o monte. Isto non pasaba así antes.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez.

P- Temos algún bo referente ao que mirar?

R- Hai lugares en España que nos levan 100 anos de vantaxe. Os montes de Segovia están incribles. En Navarra ou no País Vasco ven a un pirómano, ven a alguén plantar lume nunha árbore, e plántanlle lume a el.

Hai que reflexionar. O lume, unha vez que prende, é algo moi difícil de controlar, están moitos intereses en xogo. Os que poidan ter cazadores ou donos de terreos, o eterno foder ao veciño, o enfermo mental… E logo o cambio climático. O único que podemos controlar é a ordenación do monte.

“tivemos sorte. no túnel da cañiza puido morrer moita xente”

P- Existe entón en canto á seguridade unha diferencia tan remarcable entre as especies autóctonas e o eucalipto?

R- Tódalas mortes por incendios en estrada desde 2006 en Galicia e Portugal foron en zonas con piñeiro e eucalipto, non con unha carballeira. E foron por centos xa no país veciño, tantas como para que o goberno declarase o eucalipto coma problema de seguridade.

Para min, tivemos sorte. No túnel da Cañiza, por exemplo, puido ter morto moita xente, pero deu tempo a dar a volta sen que chegara o fume, que é o que mata, por asfixia, moito antes de chegar o lume. As imaxes da catástrofe nas carreteiras de Portugal son arrepiantes. Estradas como a que levan ao Concello da Lama (Pontevedra) son un perigo igual ou superior.

Efecto dos incendios de outubro 2017 nos montes de Coruxo / Miguel Núñez

P- O día dos incendios, difundíronse moitos bulos. Por que?

R- Porque se foi un tipo en moto, nós non temos culpa ningunha. Así, ninguén se pregunta: por que arde? Por moitas razóns, e a extensión enorme das plantacións de eucalipto é unha mecha de quilómetros.

No día do incendio, vin persoas non cualificadas apagando o lume en frondosas con mochilas de sulfatar, os eucaliptos póñense a tantos grados de temperatura que non os apaga ninguén.

A frondosa baixa a intensidade e velocidade da chama. Ti méteste por un eucaliptal e fai calor, nunha carballeira fai fresco, porque gardan humidade. O eucalipto é moito máis seco, arde como nada e despois non queda nada.

lume incendios
Operarios rodeados de lapas e fume / Miguel Núñez

P- Interésalle ás madeireiras que se produzan incendios?

R- Desde logo cando hai incendios o prezo da madeira baixa. As empresas que compran madeira benefícianse dos incendios, porque ao queimarse estás obrigado a vende-la madeira cedo.

Tes que vender moita cantidade, así que baixan os prezos e compran máis barato madeira que vale exactamente igual. De feito hai madeireiros que despois dos incendios piden un crédito para comprar máis madeira da que teñen capacidade, aproveitando a ocasión.

Infinito eucalipto/ Miguel Núñez

P- E, por último, podemos cambiar a dinámica?

R- Nós estamos para deixar o monte aos nosos fillos, non para facer diñeiro, o que importa é o que deixamos. O carballo dá máis beneficios, solo que leva máis tempo. Co eucalipto podes cortar 3 veces en 30 anos, co carballo só unha nese intervalo, pero vale 10 veces máis diñeiro esa corta que a do eucalipto. Compensa. É só unha cuestión de pensar en longo prazo.

Necesítase máis axuda, e sobre todo unha boa planificación. Un exemplo: despois dos incendios colexios de Vigo chegaron a zonas como Coruxo a plantar. Unha gran iniciativa. Pois de 1.000 árbores quedan 50. Todo politízase. Demasiadas cousas se fan só pola foto.

Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves / Miguel Núñez.
Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017 / Miguel Núñez.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...

Un milleiro de bailaríns, inscritos xa na XII edición de Vigo Porté, que traerá danza e música ás rúas da cidade a finais de...

Un milleiro de bailaríns inscribíronse xa na XII edición de Vigo Portei, desde que...

Constitúese a plataforma “Vigo verde -Salvemos a Barrorca” para rexeitar a talla da Carballeira de Casaliños en Navia

"Este mesmo domingo 17 de marzo, a plataforma "Vigo verde -Salvemos a Barrorca" organiza...