Acepta 4 anos de cárcere por abusar sexualmente da súa sobriña menor de idade

Ademais dunha orde de afastamento e a inhabilitación para traballar con menores, terá que indemnizar á vítima.

Xuízo a un home que foi condenado por abusar sexualmente da súa sobriña de 15 anos en Vigo.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza de conformidade pola que condena a 4 anos de cárcere a R.H.G. como autor dun delito de abuso sexual cara á súa sobriña, que tiña 15 anos no momento dos feitos.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para el 6 anos de prisión, aínda que finalmente as partes chegaron a un acordo, e o procesado aceptou a pena de 4 anos de cárcere. Así mesmo, o tribunal impúxolle a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros da súa sobriña durante 14 anos e, de feito, os xuíces advertíronlle de que, cando salga do cárcere, terá que “buscar outro lugar para vivir”, dado que o seu domicilio atópase a menos de 500 metros do da vítima.

A sentenza, que xa é firme, inclúe tamén a inhabilitación para desempeñar profesión ou oficio na que teña contacto con menores por un período de 9 anos; e a medida de liberdade vixiada durante 10 anos, unha vez que saia do cárcere. Así mesmo, deberá indemnizar á súa sobriña en case 13.500 euros polos danos morais e as secuelas.

FEITOS

Os feitos remóntanse á madrugada dun sábado de xuño de 2018, cando o acusado se atopaba no seu domicilio e entrou nunha habitación na que estaba a súa sobriña, tombada na cama e atendendo ao seu teléfono móbil.

Segundo o escrito de acusación pública, o home fíxolle tocamentos á nena e pediulle que o masturbara, chegando a coller a man da súa sobriña para achegarlla aos seus xenitais. A menor resistiuse e apartouse, ata que o seu tío abandonou a habitación.

Como consecuencia destes feitos, a vítima padeceu un trastorno ansioso-depresivo que requiriu tratamento médico para a súa estabilización, e quedoulle como secuela un trastorno distímico.