Algo menos dunha decena de persoas foron desaloxadas este martes da contorna da estación de autobuses de Vigo, situada no complexo de Vialia, nun operativo coordinado entre a Xunta, o Concello e a Subdelegación do Goberno. A actuación desenvolveuse sen incidentes e contou coa presenza de distintos corpos policiais e de persoal dos servizos sociais municipais.
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, explicou que o dispositivo foi impulsado pola Administración autonómica tras unha reunión previa entre representantes das institucións implicadas. Segundo indicou, a intervención concluíu “con total normalidade”.
A Xunta prevé agora acometer nos próximos días a limpeza do espazo ocupado e colocar un peche provisional na zona. Fontenla avanzou que esa estrutura temporal será substituída posteriormente por un peche definitivo.
No operativo participaron persoal da Xunta, efectivos da Policía Nacional e da Policía Autonómica e integrantes da Unidade de Rúa dos servizos sociais do Concello de Vigo. Estes últimos trasladaron ás persoas que permanecían na estación distintas posibilidades de atención.
Fontenla sinalou que durante a intervención se lles “ofreceron recursos alternativos, sociais e asistenciais” ás persoas sen fogar que se atopaban nas instalacións.
TRES PERSOAS ACEPTARON PRAZA NUN ALBERGUE
O Concello de Vigo explicou que o traballo cos usuarios da terminal viña desenvolvéndose desde días anteriores. Segundo os datos trasladados pola concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, seis das persoas que durmían habitualmente na estación xa aceptaran previamente diferentes alternativas de aloxamento e abandonaran o lugar.
Entre as persoas que permanecían este martes na terminal, os servizos sociais municipais ofreceron prazas en diferentes albergues. Tres aceptaron a proposta, mentres que o resto rexeitou acudir aos recursos municipais.
Aguiar asegurou que os profesionais municipais continuarán en contacto con estas persoas para intentar ofrecerlles alternativas e acompañamento social.
A intervención, con todo, abriu tamén un novo enfrontamento entre o goberno local e a Xunta sobre quen debe asumir a atención ás persoas sen fogar.
O CONCELLO CRITICA A ACTUACIÓN DA XUNTA
A concelleira de Política Social acusou a Administración autonómica de manter unha “pasividade” prolongada ante o problema do sinhogarismo e defendeu que a atención a este colectivo corresponde á Xunta.
Aguiar censurou que o peche da zona se produza “despois de meses e meses nunha situación absolutamente vergoñosa” e tamén cuestionou o estado da estación de autobuses. Entre outras cuestións, referiuse á “falta de limpeza, baños pechados, pantallas que non funcionan”.
Desde o Concello sosteñen que os seus servizos sociais estiveron atendendo as persoas instaladas na terminal malia considerar que se trata dunha materia de competencia autonómica.
A concelleira remitiuse ao plan autonómico de atención ás persoas sen fogar e reclamou á Xunta unha maior implicación no desenvolvemento de políticas de vivenda e de inclusión social.
Aguiar tamén fixo referencia aos fondos vinculados ao Plan Estatal de Vivenda e asegurou que Galicia recibe preto de 400 millóns de euros dentro deste marco. Segundo a responsable municipal, existen liñas específicas destinadas a facilitar o acceso á vivenda ás persoas máis vulnerables.
Por este motivo, reclamou ao Goberno galego que empregue eses recursos para impulsar un proxecto específico destinado ás persoas sen fogar.
“É competencia da Xunta de Galicia, e non pode seguir mirando para outro lado ante un fenómeno que se reproduce en moitas cidades de Galicia”, afirmou a edila socialista.
Pola súa banda, a Xunta limitouse a destacar a coordinación institucional do dispositivo, a ausencia de incidentes e a oferta de alternativas asistenciais realizada durante o desaloxo. A actuación deixa agora pendente a limpeza da zona e a instalación do peche previsto arredor das dependencias da estación.
