InicioMovementos SociaisTres meses despois, a travesía polo deserto dos traballadores da zona azul...

Tres meses despois, a travesía polo deserto dos traballadores da zona azul en Vigo parece non ter fin

A pesar de ser 'defendidos' por tódalas forzas da esfera política viguesa, os traballadores de Dornier levan tres meses sen recuperar o seu emprego e sen ningún tipo de axuda.

PUBLICADO O

Os traballadores da zona azul na nosa cidade, adxudicada á multinacional Dornier, están a exercitar a resistencia máis aló do seu límite. Levan 86 días de folga, sen ver un can, e ninguén pode asegurar a que a cousa non vaia chegar aos 100.

Este martes ás 10:30 da mañá comezarán as reunións con José Manuel Casas de Ron, Xefe de Inspección de Traballo e Seguridade Social na provincia de Pontevedra, encargado de mediar nas folgas e cando non hai acordo entre partes.

Resulta sorprendente coñecer que non foi chamado polos traballadores, senón pola concesionaria. E Casas de Ron puxo como condición indispensable para comezar as negociacións que os seis traballadores en folga de fame abandonen a mesma. Os traballadores, co desexo de continuar o diálogo, aceptaron este condicionante mais continúan encerrados nas instalacións da empresa.

“Non é para comezar e rematar maña” asume Julio Fernández, traballador en folga e delegado da UGT: “Entendo que despois de 86 días de folga, non chegaremos a un entendemento na primeira reunión”.

Os traballadores abogan polo diálogo, coas condicións mínimas da readmisión dos traballadores en represalias para ningún deles. “En canto aos soldos destes tres meses, consideramos que existiu unha vulneración dos dereitos fundamentais”, subliña Julio, aínda que non pode dar por seguro que recuperarán estas cuantías. O futuro, polo momento, semella incerto. Mentres, piden ao Concello de Vigo que non lles deixe caer no olvido.

Tralo despedimento fulminante de 8 traballadores hai algo menos de catro meses, o concelleiro Carlos López Font defendía que “analizadas as cartas de despedimento, as causas organizativas e económicas destes non se axustan ao contrato que a empresa asinou co Concello, e no que se comprometía á subrogación de 40 traballadores, e debe manterse”. Ante esta situación, o goberno vigués calificaba os despedimentos de improcedentes.

Traballadores da zona azul de Vigo/ Miguel Núñez

Pola súa banda, Marea de Vigo sinala que “tras dous anos dun proceso de contratación absolutamente opaco, adxudicouse unha concesión a unha empresa cuxa oferta económica contaba cunha rebaixa de máis do 30%”.

“Tras dous meses da adxudicación, este tipo de proceso de contratación pública desembocou no despedimento de 8 traballadores. Despedimento levado a cabo dunha maneira absolutamente irregular e fóra do marcado pola lexislación laboral”, considera o grupo municipal.

“Dun xeito totalmente reprobable, a empresa foi chamando, un por un, aos traballadores que ían ser despedidos, curiosamente 6 dos 8 son afiliados ao mesmo sindicato que ostenta a representación e algún deles incluso foi delegado nos pasados períodos. Isto só se pode cualificar como persecución sindical”, segundo matizou o concelleiro Rubén Pérez.

“Nun servizo como este, cuxo custe é fundamentalmente laboral, esa rebaixa ía repercutir ineludiblemente sobre o cadro de persoal. Ter ofertado un 30% por debaixo do prezo significa que a empresa Dornier xa tiña pensado facer os despedimentos. O que non esperaba ninguén era que fora dunha maneira tan ‘expeditiva’, aproveitando cando o persoal comeza a ir de vacacións, esnaquizando o dereito laboral máis básico e utilizando aos traballadores como medida de presión para pedirlle máis cartos ao Concello de Vigo” explicaba Rubén Pérez na rolda de prensa.

O acontecido incumplía o contrato asinado entre a empresa e o Concello, ao non manter todo o persoal subrogable adscrito ao servizo.

O grupo municipal da Marea de Vigo pedía en xullo ao Goberno Local  que “aínda que tarde”, asumira o seu papel e se enfronte á empresa como concesionaria dun servizo público municipal. Para a Marea de Vigo, non é suficiente a readmisión destes traballadores, senón que “é máis que necesario a expulsión de Dornier deste servizo e levar a cabo todas as accións necesarias para impedir que esta empresa volva concursar en ningún servizo público deste concello”.

“están a rirse do concello de vigo”

Meses despois, no pleno celebrado o 5 de setembro en Vigo, o primeiro tema importante a tratar foi o da folga dos traballadores de Dornier, tras ser despedidos 8 dos seus compañeiros, todos con filiación sindical.

Falou Luis Cordobés, delegado sindical e traballador da zona azul de Vigo despedido tras 28 anos de servizo público: “Dornier tomou represalias contra min e 7 compañeiros meus, todos afiliados ao sindicato. Presentárase cun 30% de rebaixa na súa oferta, unha rebaixa temeraria, e agora está a rirse do Concello de Vigo. Non pode consentirse isto no Servizo Público. Hai un expediente aberto, e cremos que non deberían concursar máis. Desconvocamos a folga para intentar negociar, e nada”.

“Éunha empresa que pon traballadores a vixiar aos outros como detectives. A este grupo municipal non lle vale que os contraten de novo, porque podería sentar un perigoso precedente nas concesionarias”, advertía Rubén Pérez.

Elena Muñoz recordaba que “desde o PP o advertimos desde o primeiro momento e votamos en contra, non se escoitou a ninguén e estamos agora na situación na que estamos. Se tería evitado se o alcalde escoitase a alguén máis que a si mesmo”.

O conselleiro López Font interviu en defensa do Goberno local: “O proceso de contratación foi totalmente legal. Parece mentira que utilicen isto para facer política. A empresa incumpriu o contrato, o ratio marcado, as condicións de prazas”. Pero, a pesar de que o incumprimento de Dornier é feito asumido por todos, as solucións non chegan a uns traballadores que levan tres meses sen cobrar.

Por último, o alcalde comprometeuse, sentado a carón de Luis Cordobés, a solucionar o problema, e asegurou que “mentres eu sexa alcalde, os traballadores sempre estarán en primeira liña”.

“levamos máis dun ano avisando”

Desde Xornal de Vigo tamén falamos con Carlos Landín, delegado de UGT, que defendeu que levaban moito tempo ‘combatendo’ coa empresa e nada do acontecido é sorprendente.

“Se unha contrata logra chantaxear, as demais poden seguir o mesmo camiño: despedir e despois exercer presións. Esta mesma empresa xa está abusando noutras provincias, en tódolos servicios ten aos traballadores nunha situación precaria”, lamentaba.

Xa vén de moi lonxe: “Levamos desde 2007 pelexando con eles por todo, obrigándonos a chegar ao xurídico. Como a oferta que presentaron non alcanza para cubrir as nóminas, obrigan ao concello a que compense as súas perdas e que se faga responsable. Os traballadores somos unha moeda de cambio para Dornier”.

“Metéronse nun contrato que non poden cumprir, así que non teñen nada que perder. E todo isto non é novo, levamos máis dun ano avisando. Non é posible ofertar un prezo un 30% inferior polo mesmo traballo. Hai un ano que saíu este concurso, e a lei marcaba que se entregaría o contrato á empresa máis barata, sen máis”, conclúe.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...