InicioMovementos SociaisO persoal de Vitrasa reducirá o servizo se empresa e Concello continúan...

O persoal de Vitrasa reducirá o servizo se empresa e Concello continúan en silencio o 5 de outubro

PUBLICADO O

- Advertisement -

A paciencia esgótase entre o persoal de Vitrasa, que dá de prazo á dirección até o venres 5 de outubro antes de convocar paros parciais os martes e os xoves, a partir de mediados de mes.

Esta foi a decisión tomada por ampla maioría na asemblea de traballadores celebrada o pasado domingo, na que apostaron por unha última vía de diálogo antes de formalizar a decisión.

Máis dun mes despois do emprazamento público do persoal para solucionar a degradación das condicións de traballo e as irregularidades na contratación, a dirección de Vitrasa continúa en silencio.

É por iso que, despois de varios actos de protesta, o comité debateu coa asemblea de traballadores do pasado domingo a fórmula axeitada para incrementar a presións e obrigar a empresa a sentarse a negociar.

Autobus
Bus urbán, Vitrasa/ Miguel Nuñez

Neste sentido, logrou un 70% de apoio á proposta de convocar paros parciais os martes e xoves a partir de mediados de outubro, sen descartar a ampliación no caso de que a empresa “insistise na súa actitude”.

Así e todo, dan de prazo á dirección até o venres 5 de outubro para pronunciarse antes de formalizaren a convocatoria dos paros. Pretenden, así, esgotar todas as vías de diálogo para evitar tomar unha medida drástica que afectaría o servizo público de transporte urbano, cuestión da que, en todo caso, responsabilizan á empresa. “Agora a pelota está no tellado de Vitrasa”, sinalou Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa.

Lembran a urxencia “en resolver os incumprimentos en eventualidade, horarios de percorrido, uniformidade, horas extra ou baños”, entre outras.

Desde o órgano de representación dos traballadores, lembran, así mesmo, que o Concello de Vigo non se pronunciou sobre a solicitude de mediación no conflito, cuestión que cualifican de “completa irresponsabilidade” xa que se isto non se soluciona “acabará por pagalo a veciñanza”.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...