InicioEconomíaO Goberno descarta personarse na investigación contra Aucosa por verteduras

O Goberno descarta personarse na investigación contra Aucosa por verteduras

Apunta que a Xunta é a competente.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno central descartou personarse no procedemento aberto de dilixencias previas de investigación, por mor da denuncia da Fiscalía, contra Aucosa polas verteduras da planta de Redondela.

En resposta a unha pregunta por escrito do deputado Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos), o Goberno expón que, de acordo cos artigos 6.4 e 43 da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, e ao quedar acreditada a existencia de continuidade ecolóxica do ecosistema mariño co espazo natural terrestre obxecto de protección, “a administración competente para a xestión da Zona Especial de Conservación (ZEC) Enseada de San Simón é a Xunta de Galicia”.

Por iso, a Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica descarta personarse nas dilixencias previas abertas.

Recentemente, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, así como entidades veciñais de Chapela e Cedeira, en Redondela, pediron ás administracións que colaboren coa xustiza en relación cun suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. Estas entidades explicaban que o ministerio público formulou denuncia por vía penal e o xulgado de instrución 2 de Redondela abriu dilixencias previas de investigación.

Neste procedemento presentáronse xa informes policiais, analísticas de verteduras e un estudo pericial sobre as supostas irregularidades da empresa, que se dedica á fabricación de aceites e fariñas de peixe.

Precisamente, ese informe pericial, presentado por entidades veciñais e elaborado por un catedrático, conclúe que a autorización municipal de vertedura a Aucosa vulnera a normativa sobre saneamento e depuración de augas residuais e que, entre outras irregularidades, as medicións realizadas por un laboratorio para a empresa exclúen a existencia de nitróxeno nítrico de forma sistemática, a pesar de que é un parámetro crítico de control obrigatorio polo seu elevado potencial contaminante.

Veciñanza e colectivos que denuncian a situación enviaron solicitudes tanto ao Concello de Redondela como ao de Vigo, á Xunta e ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que se personen no procedemento e colaboren coa xustiza, co fin de impedir “a comisión dun posible delito e a súa continuidade”.

Ademais desta denuncia, as entidades veciñais teñen outras frontes abertas con respecto a Aucosa e, este mesmo, deron a coñecer unha sentenza que lles dá a razón e anula a licenza de ampliación da empresa concedida polo Concello, por non axustarse á legalidade urbanística.

ÚLTIMAS

Caballero defende a Zona de Baixas Emisións para asegurar 35 millóns en fondos europeos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu a implantación de Zonas de Baixas Emisións...

Carmen García Mateo e Belén Rubio dispútanse este venres o Reitorado da Universidade de Vigo

Carmen García Mateo e Belén Rubio mediranse este venres na segunda volta das eleccións...

Casa 47 sortea 67 vivendas en Vigo a un prezo de alugueiro medio de 662 euros ao mes

Casa 47 sorteou este xoves ante notario as 171 vivendas da convocatoria piloto de...

Buscan a unha muller de 53 anos desaparecida en Vigo desde o pasado martes

A asociación SOS Desaparecidos difundiu unha alerta pola desaparición, en Vigo, de María Milagres...