InicioMovementos SociaisParo total de Maderas Iglesias tras 4 anos de impagos duns soldos...

Paro total de Maderas Iglesias tras 4 anos de impagos duns soldos conxelados desde 2010

PUBLICADO O

O persoal de Maderas Iglesias mantén paralizada desde primeiras horas da mañá deste martes 28 de agosto a actividade da planta en rexeitamento aos constantes atrasos e incumprimentos no pago de salarios.

Denuncian que a empresa está a eludir de xeito continuado desde hai catro anos o pagamento ordinario dos soldos, adebedando a día de hoxe as nóminas e máis a extra correspondentes a xullo do ano vixente, alén da paga extra de nadal de 2017.

Desde o Comité aseguran que non están dispostos a continuar nunha situación reiterada de demoras no ingreso dos salarios, “acumulando sempre máis de dúas mensualidades que non son abonadas en tempo”, que se suman á conxelación salarial nos últimos oito anos.

É por iso que, despois dos enormes sacrificios realizados e da loita que protagonizaron nos últimos meses en favor da viabilidade do traballo na empresa, chegando a reverter o pasado xuño un ERE extintivo para 150 traballadore -que quedou reducido a 34-, están dispostos a continuar de forma indefinida o paro até que as demandas sexan atendidas.

Indican, ademais, que a dirección da empresa de tarima flotante do Porriño continúa sen aclarar o futuro da actividade produtiva, con falta de perspectiva sobre o futuro financeiro e solvencia necesarias para facer fronte tanto ao pago de nóminas como ao normal funcionamento da actividade.

Demandan, ao tempo, a reactivación das negociacións para un novo convenio – o actual expirou en decembro de 2014 – , conxeladas pola negativa da patronal a reactivar a mesa negociadora.

Maderas Iglesias/ Xornal de Vigo

A Xunta, pola súa parte, e segundo denuncia o comité, continúa “sen dar sinais de vida” no tocante ás xestións que se comprometeu a realizar para conseguir investidores que garantan a viabilidade da empresa e a permanencia dos 200 postos de traballo.

É por iso que “non descartan mobilizacións” nas vindeiras datas se o Conselleiro de Economía non atende os compromisos adquiridos no Parlamento Galego para asegurar o futuro dunha das principais empresas do Porriño.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...