InicioCulturaDías intensos de cine, música, literatura e "agroglamour" no Festival de Cans

Días intensos de cine, música, literatura e “agroglamour” no Festival de Cans

PUBLICADO O

- Advertisement -

A 15ª edición do Festival de Cans comezou hoxe mércores, e, aseguran dende a organización, “mantendo o seu espírito de sempre, ese agroglamour que xunta o achegamento ás últimas novidades culturais e cinematográficas e a celebración da identidade da aldea”.

Así, este primeiro día do Festival acolle a proxección de Versogramas, un documental sobre o fenómeno da videopoesía dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, que presentan o filme xunto con Antón Reixa e a poeta e produtora Celia Parra.

Pero ao tempo que se presta atención a esa nova tendencia, este mércores segue a ter lugar en Cans a Noite dos veciños e veciñas, a partir das 22:00. Logo da homenaxe do Festival aos veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, o Torreiro acollerá a actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans ou a presentación do xurado dos veciños e dos guías dos camiños, ademais da estrea de Dona Sara: a mestra rebelde.

Festival de Cans
Rolda de prensa no Festival de Cans/ Miguel Núñez

Este documental, realizado por persoas da aldea no marco do proxecto Cans303, céntrase na figura de Sara Quinteiro, que foi mestra en Cans durante varias décadas. Co gallo da estrea espérase reunir alí a moitas das súas antigas alumnas para completar a recuperación desa memoria local, un dos obxectivos primordiais deste proxecto que dota aos habitantes de Cans das ferramentas e coñecementos necesarios para crear pezas audiovisuais.

cine… e literatura

En paralelo a ese protagonismo da veciñanza, a programación do día inaugural do Festival de Cans destaca pola atención prestada á literatura. Ademais da proxección de Versogramas ás 17:00 no Baixo de Bugarín, ás 19:00 terá lugar no mesmo espazo a Final de ‘Ollo de Vidro’, o concurso de booktrailers que o Festival impulsou este ano partindo da iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro.

Os creadores e creadoras destas pezas audiovisuais resumen en poucos minutos o contido dun libro utilizando todo tipo de recursos imaxinativos para poñer imaxes ás palabras, e optarán a diversos premios outorgados por un xurado.

O camiño da lectura / Festival de Cans

Completa o programa literario o roteiro cinéfilo-literario que conducirá o escritor Carlos Meixide, autor da novela xuvenil Cans, ambientada na aldea. Meixide partirá ás 11:00 dende a Rotonda do Can para realizar estes paseos o mércores, xoves e venres, levando ás persoas asistentes polos enclaves que aparecen no seu libro e inundándoo de interesantes anécdotas e referencias cinematográficas.

Tamén ocuparán o mércores, xoves e venres os Coloquios AISGE, promovidos pola entidade de xestión de dereitos dos intérpretes. O encontro inicial leva o título de Pioneiros no oficio de interpretar e protagonizarano dous nomes fundamentais no teatro e o audiovisual galego: Manuel Lourenzo (de actualidade polo seu papel de Terito en Fariña) e Pilar Pereira repasarán os diferentes retos afrontados pola profesión ao longo da súa dilatada carreira.

Completa a programación do mércores a realización en directo do programa de Radio 3 El séptimo vicio, onde a xente de Cans volverá ser protagonista, e a apertura no Centro de día de Torneiros da exposición Cans Senior, na que maiores de máis de 25 centros de día de toda Galicia reinterpretaron a icona do festival: a silueta do Can de Cans.

o xoves, dous filmes de apertura do festival

Mañá xoves, o Festival de Cans terá filme de apertura por partida dobre. Se habitualmente é unha longametraxe a encargada de inaugurar o Festival logo da Noite dos veciños e veciñas do mércores, este ano o público terá a oportunidade de desfrutar de dúas películas moi esperadas: A estación violenta British Winters.

A estación violenta é o filme debut de Anxos Fazáns, unha novísima do cinema galego que adapta aquí libremente a primeira novela de Manuel Jabois. Alberto Rolán, Nerea Barros e Xosé Barato protagonizan esta historia de carácter xeracional que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante.

A directora e os protagonistas presentarán o filme ás 20:00 no Círculo Recreativo Cultural xunto con parte do equipo, e participarán no desfile de chimpíns que sairá ás 19:30 da Praza do Concello, co acompañamento musical de Os Zoqueiros.

A estación violenta / Festival de Cans

Antes, ás 17:00, o Círculo acollerá a estrea en España doutro filme de carácter xeracional que reafirma o apoio do Festival ás novas camadas de profesionais do audiovisual: British Winters é a primeira longa de imaxe real do tudense Roque Cameselle, logo do seu debut na animación con O pequeno mago.

Co-dirixida co británico Andrew Turner, a película é unha comedia social na que un mozo “xa non tan mozo” busca cambiar o seu estilo de vida inspirándose na súa irmá pequena. Os dous cineastas estarán no Porriño para presentala.

British Winters / Festival de Cans

Outro dos momentos máis esperados do xoves é o concurso de videoclips do Festival de Cans, un evento que representa o gran escaparate do último que se está a facer en Galicia e que remata sempre cunha gran festa, este ano coa música a cargo de Esteban & Manuel, “reis da cumbia underground”.

A selección deste ano reflicte a rica diversidade de grupos e de creadores, con estilos moi variados no musical e no visual. Á tarde estas e estes cineastas compartirán as súas experiencias no encontro Dálle caña do Bar Liceum, acompañados polo xurado dos clips, que estará formado por Paloma Zapata -realizadora-, Fernando F. Rego -crítico musical e escritor-, e Eduardo Herrero, xornalista, músico e director.

Herrero estará tamén a cargo de presentar o evento principal ás 22h00 na Praza do Concello, onde se proxectarán os seguintes clips:

  • “Fai o que queiras”, de Montse Piñeiro para Peña
  • “Sobre el mismo alambre”, de Miryam Pato para Silvia Penide e Eladio Santos
  • “Sal y sangre”, de José Miguel Sagüillo para Selvática
  • “Papá borracho”, de Mar Catarina para Ataque Escampe
  • “The Battle of the Good Men”, de Pablo Banga e Antonio Caeiro para You dog
  • “Devalo”, de Rubén Domínguez para A Veces Ciclón
  • “Primavera negra”, de Sara Chuerches para Linda Guilala
  • “Volve a canción protesta”, de Xaime Miranda para Oh Ayatollah
  • “Hoy”, de Javi Camino para Disco las palmeras!
  • “Camiños”, de Adrián Canoura para Baiuca
  • “Acto I: O fío vermello”, de Juan Pirola para Ezetaerre
  • “Puertohurraco”, de Daniel Alonso e Gemma Marqués para Breakin’ Bones
  • “Mar”, de Rubén Domínguez para PANTIS
  • “Isla futura”, de Soledad Rebollo para Pólvora
  • “Eu non sei por que”, de Alicia Alonso para BoyankA KostovA
  • “Suicidio tímido”, de Xoan Escudero para Chicharrón
  • “Finlandia”, de Xaime Miranda para Mequetrefe
  • “Omertá”, de Gero Costas para BALA

MÉRCORES 23 DE MAIO, xornada de tarde

17h00 | Estrea: Versogramas. Cos directores Belén Montero e Juan Lesta e a produtora Celia Parra | Baixo de Bugarín

19h00 | Final de “Ollo de Vidro”, concurso de booktrailers e booktubers | Baixo de Bugarín

20h00 | Radio 3 en directo: El séptimo vicio, con Javier Tolentino | Baixo de Moncho

21h00 | Homenaxe ao Can e descuberta do traxe deste ano, coa música das Pandereiteiras de Cans | Rotonda do Can

21h30 | Colocación do Chimpín de Prata a Chelo Casalmorto e Constante Romero | Muro dos Chimpíns

22h00 | Noite dos veciños | Torreiro de Cans
Presentación do xurado dos veciños
Presentación dos guías dos camiños
Estrea de Dona Sara: a mestra rebelde, documental realizado no Proxecto Cans 303.
Avance do documental Catorce Cans, making of do 14º Festival de Cans.
Actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans.

xoves 24 de maio

10h00 | Cans do Futuro | Baixo de Bugarín

11h00 | Roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide | Saída da Rotonda do Can

11h30 | Coloquio AISGE: Igualdade: avanzamos algo desde o ano pasado? Con Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández | Baixo de Moncho

13h00 | Encontro sobre subtitulado e linguas minorizadas con Pablo Romero-Fresco, Alfonso Zarauza e Álvaro Gago | Baixo de Moncho

16h00 | Radio 3 en directo: El séptimo vicio, con Javier Tolentino | Casa do Cid

17h00 | Filme de apertura: British Winters. Cos directores Roque Cameselle e Andrew Turner | Círculo Recreativo Cultural

18h00 | Dálle caña! Encontro de realizadoras e realizadores de videoclips. Con Paloma Zapata e Alfonso Pato | Bar Liceum

19h00 | Chegada de Os Zoqueiros para amenizar a procesión de chimpíns | Praza do Concello

19h30 | Saída da procesión de chimpíns | Praza do Concello

20h00 | Filme de apertura: A estación violenta. Coa directora Anxos Fazáns e os intérpretes Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato, Antonio Durán “Morris” | Círculo Recreativo Cultural

20h30 | Showcooking cos cociñeiros Mahou Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, e Beni Couso, do restaurante Patouro | Praza do Concello

21h30 | Inauguración da Can Parade | Praza do Concello

22h00 | Noite Gia. Concurso de videoclips. Presentado por Eduardo Herrero | Praza do Concello

23h30 | Concerto: Esteban & Manuel | Praza do Concello

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...