InicioSociedadeSuspenden o ingreso en prisión dos condenados polo 'caso enchufe' en Vigo

Suspenden o ingreso en prisión dos condenados polo ‘caso enchufe’ en Vigo

O exfuncionario non irá ao cárcere mentres se tramita a medida de graza e o outro reo xa non entrará, se non delinque en 2 anos.

PUBLICADO O

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, aceptou suspender a execución da pena de prisión do exfuncionario vigués Francisco Javier G.O., e do xerente dunha concesionaria, Ramón C.A., ambos os condenados por ‘enchufar’ nunha contrata municipal de Vigo unha cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

O exfuncionario foi condenado a 5 anos e 3 meses de prisión, ademais de 9 anos de inhabilitación polos delitos de prevaricación, malversación de caudais públicos e falsidade documental, mentres que o xerente da empresa foi condenado a 1 ano e medio de cárcere, e a 2 anos de inhabilitación.

Ambos solicitaron o indulto parcial e, no caso do exfuncionario, dita solicitude estivo rodeada de polémica porque, entre os argumentos que utilizou para pedir a medida de graza, ademais da súa idade, a súa falta de antecedentes ou o abono da responsabilidade civil, tamén apuntou a súa militancia no PSOE e a súa pertenza a UGT.

A polémica incrementouse ao facerse público que varias decenas de entidades veciñais, sociais e culturais de Vigo remitiron cartas de adhesión a esa petición de indulto, todas coa mesma redacción. O PP insinuou nese momento que as asociacións, que cobran subvencións do Concello olívico, estiveron presionadas pola contorna do goberno municipal para remitir eses escritos e apoiar o indulto do exfuncionario, do que insistiron os ‘populares’ que “nunca” desvelou quen lle ordenou contratar á cuñada de Silva.

FACTORES VALORADOS “EN FAVOR DO REO”

Agora a Audiencia de Pontevedra accedeu a suspender o ingreso en prisión dos condenados nesta causa. Sobre Francisco Javier G.O., o tribunal admite que, a priori, quedaría fóra da posibilidade de suspensión de condena xa que ten como criterio non concedela se a pena é superior a 4 anos de cárcere, e facelo podería ser considerado “discriminatorio”.

No entanto, afirma que concorren unha serie de factores que deben ser valorados “en favor do reo”, como o pago persoal da responsabilidade civil, a ausencia de antecedentes e o feito de que o ingreso en prisión podería ter un “efecto disocializador”. Por iso, aínda que se trata de feitos que causan “un grave quebranto no recto actuar da Administración”, polos factores anteriores e dado que o exfuncionario está a esperar por un indulto que non depende deste tribunal, accedeuse a suspender o ingreso en prisión en tanto non haxa resolución do Consello de Ministros acerca da medida de graza.

SUSPENSIÓN POR DOUS ANOS

No caso de Ramón C.A., ao ser a pena inferior a dous anos, suspéndeselle o ingreso en prisión por dous anos coa condición de que non delinca nese período de tempo. Ademais, e tras recibir unha consulta por parte do Concello de Vigo, o tribunal provincial aclara que a administración local non ten problema co contrato do mantemento da iluminación pública, a pesar de que Ramón C.A. é xerente dunha das empresas da UTE adxudicataria.

Isto é, segundo a Audiencia, porque a pena de inhabilitación que se lle impuxo se refire unicamente á intervención do penado en empresas públicas ou con participación pública, ou entes autónomos similares. A acusación popular neste procedemento, que exerceu a asociación Xuntos por Galicia, que xa trasladou a súa oposición tanto ás peticións de indulto como á suspensión das penas, confirmou que recorre as resolucións da Audiencia.

ÚLTIMAS

Tres atracadores levaron uns 300.000 euros a punta de pistola do Caixabank de Gran Vía

A Policía Nacional revisa imaxes gravadas polas cámaras e toma declaracións a testemuñas e empregados para atopar...

A remodelación do Museo Massó de Bueu rematará en 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres o Museo Massó...

O grupo municipal do PP denuncia que o Concello só dea “3 días” aos grupos para analizar a PXOM tras a súa tramitación “opaca”

O PP de Vigo reprochou este xoves que o Concello olívico só dea "tres días hábiles" aos grupos...

Traballadores de Vitrasa saen de novo á rúa para solicitar que a empresa e o goberno local acheguen unha solución

Decenas de traballadores de Vitrasa, concesionaria municipal do transporte urbano da cidade de Vigo,...