O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de cinco anos de prisión que a Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, impúxolle a un home que bicou na boca e tentou realizarlle tocamentos por baixo da saia a unha menor de seis anos no portal do seu domicilio, situado na cidade olívica.
Así, o tribunal desestimou o recurso de apelación interposto polo condenado, considerando probado que o acusado, tras ver á vítima entrar nun inmoble xunto co seu irmán de oito anos, accedeu detrás deles, agarrouna polo pescozo e bicouna na boca, mentres meteu a súa man por baixo da súa falta para tocala.
Con todo, non conseguiu o seu propósito ante a rápida intervención da parella da nai das crianzas, quen ía detrás deles. O TSXG explica que non se vulnerou a presunción de inocencia do investigado, pois subliña que “existe unha proba directa dos feitos”. Así, destaca que á declaración da menor súmase a da parella da nai, testemuña directa do ocorrido.
Ademais, subliña que hai corroboracións periféricas como a declaración doutra testemuña que estaba no portal da beira, a da nai da nena e a do policía que acudiu ao edificio. “Todo iso, supón unha proba, non só suficiente, senón contundente, para destruír a presunción de inocencia, o que comporta a desestimación do motivo”, apunta a Sala do Civil e Penal.
En canto á eximente completa de trastorno psíquico que solicita o condenado que se teña en conta, o TSXG recalca que, tal e como consta na sentenza de Primeira Instancia, os forenses manifestaron que o acusado era “plenamente consciente dos seus actos”.
Ademais, indicaron que “carece de patoloxía orgánica e de déficit intelectual e que non hai constancia de deterioración cognitiva, tan só unha diminución leve de capacidade volitiva”, pola cal xa foi tida en conta a atenuante de trastorno psíquico. Por todo iso, desestimou o recurso de apelación interposto pola representación do condenado. Contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.