
Representantes de CC.OO. e CIG no comité de empresa do estaleiro vigués Barreras pediron ao Porto da cidade que “non se desentenda” do proceso de venda da empresa e que se sitúe “máis aló” de avaliar a legalidade da transmisión da concesión.
Así o trasladaron os portavoz dos sindicatos tras manter unha reunión dunhas dúas horas co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, a quen entregaron unha copia das alegacións de ambas as centrais presentaron ante o xulgado Mercantil, neste proceso de alleamento da unidade produtiva.
Ramón Sarmiento (CC.OO.) subliñou que a propia xuíza, que ampliou ata o 25 de abril o prazo de presentación de alegacións, “tomou a iniciativa de nomear ao Porto como parte do proceso”, xunto ás outras partes que poden alegar: os sindicatos, a propiedade do estaleiro e os acredores.
O portavoz de CC.OO. lembrou que todos os sindicatos do comité presentaron as súas alegacións inclinándose pola oferta de Gondán; mentres que os donos de Barreras (Ritz Carlton), os que “crebaron a empresa, levaron o Evrima a Santander e non pagan as taxas do Porto”, valoraron a de Armón como a mellor oferta, “a que pon máis diñeiro e punto”.
Agora, recalcou Sarmiento, o Porto non pode dicir que non sente interpelado polo xulgado, e debe pronunciarse sobre “se comparte o que piden os sindicatos ou o que din Prothero, Oak Tree and company”. “Pedímoslle que comunique a súa posición sobre cal é o mellor proxecto industrial, o que xera máis emprego e retorno para a economía da cidade e a comarca; non damos por bo que o Consello de Administración do Porto, onde están Concello, Xunta e Portos de Estado, se desentenda do que pase co futuro de Barreras”, resolveu.
Na mesma liña, o portavoz da CIG, Rafael Pérez, expresou o seu desexo de que “o Porto se molle” e sinalou que o propio Porto trasladou a súa esperanza de que o estaleiro puidese retomar a actividade este ano. “Iso vai depender da proposta gañadora. Se os traballadores somos despedidos (a oferta de Gondán é a única que respecta a totalidade do persoal) tomaremos accións legais“, advertiu.
“PREOCUPACIÓN” DO PORTO
Pola súa banda, a Autoridade Portuaria de Vigo trasladou a súa “preocupación” polo paro da actividade en Barreras e, a través dun comunicado remitido aos medios, subliñou que o estaleiro é “un referente” na terminal viguesa e “forma parte da estratexia de potenciación da construción e reparación naval” do Porto.
“Queremos facilitar a toma de decisión por parte do xulgado da adxudicación das dúas concesións das que dispón actualmente o estaleiro canto antes para volver reactivar esta actividade”, indicou Vázquez Almuíña, que eludiu pronunciarse sobre o contido das ofertas que hai sobre a mesa para facerse coa unidade produtiva.
Segundo sinalou, o Porto “supervisará, unha vez adxudicado o concurso, que a empresa que resulte adxudicataria cumpre coas condicións de ambas as concesións”.