A Xunta puxo en valor este martes o crecemento e consolidación da empresa Alén Space, ‘spin-off’ da Universidade de Vigo, como referente no sector ‘New Space’, grazas ao apoio de programas como o Ignicia, posto en marcha pola administración galega e a Fundación Barrié para potenciar a transferencia de coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes.
Así o trasladou a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, que este martes visitou as instalacións de Alén Space no parque empresarial Porto do Molle de Nigrán.
Esta empresa, especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, naceu con 5 empregados e, actualmente, prevé pechar 2021 con 25 traballadores e máis dun millón de euros de facturación. Nesta expansión foi clave a entrada de capital privado, un dos obxectivos prioritarios do equipo promotor durante o programa Ignicia.
Ademais da iniciativa Ignicia, a empresa tamén foi beneficiaria de axudas do programa InnovaPeme 2019, para desenvolver un plan de innovación; e do programa Reacciona, orientado a impulsar a modernización tecnolóxica; así como da aceleradora ViaGalicia, promovida pola Xunta e pola Zona Franca de Vigo.
Actualmente, Alén Space está a colaborar coa Universidade de Brasília para o desenvolvemento do nanosatélite CubeSat 1Ou; con Egatel e o centro tecnolóxico Gradiant, para a dixitalización de comunicacións no sector naval (proxecto Shipmate); co Instituto de Técnica Aeroespacial para o sistema de comunicación intersatelital da misión Anser (para a vixilancia da calidade das augas en encoros e pantanos); e coa Axencia Espacial Indonesia para a provisión de cargas útiles de comunicacións.
Patricia Argerey destacou a importante contribución que fai esta empresa nun segmento de mercado tan especializado como o ‘New Space’, e tamén lembrou a “aposta” que o goberno galego está a facer polo sector aeroespacial desde 2014, coa posta en marcha do Polo Aeroespacial de Galicia.
PROGRAMA IGNICIA
Con respecto ao programa Ignicia, a directora de Gain puxo en valor o seu “impacto” no mercado galego. Así, nos seus dúas primeiras convocatorias, esta iniciativa pioneira en España (cun investimento de 7 millóns de euros) fixo posible o desenvolvemento de 16 proxectos nos que traballan máis de 120 persoas.
Tamén permitiu a constitución de 8 ‘spin-off’, que dan emprego a máis de medio centenar de persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e “xerando retornos para a administración autonómica”.
Actualmente está en marcha a terceira edición de Ignicia, na que se seleccionaron 7 proxectos, que entran agora en fase de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización. O orzamento total solicitado por estes proxectos é 2,8 millóns de euros.