A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta emitiu un informe favorable sobre o proxecto de remodelación da contorna da rúa Baixada á Estación, situado xunto á futura terminal intermodal da zona de Urzáiz, e que foi proposto polo Concello de Vigo.
Segundo detallou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o plan contempla a reconstrución e posta en valor da antiga estación de ferrocarril, ademais do acondicionamento e a urbanización da praza da Estación.
A proposta sobre esta actuación, que se enmarca no Proxecto Integrador da Intermodal de Vigo, foi considerada adecuada para conservar a antiga estación de tren. Precisamente, este inmoble inclúese como edificio significativo no Plan Especial e o Catálogo Complementario de Edificios, Conxuntos e Elementos a Conservar (PEEC).
Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destacaron que esta urbanización soluciona os problemas relacionados co gran fluxo de viaxeiros que se prevé que acolla este espazo. Así, apuntaron que os deseños e materiais deben ser compatibles cos criterios de protección do patrimonio para permitir a consolidación da fachada como un elemento que identifique a memoria histórica do lugar.
Precisamente, o pasado xoves o goberno municipal de Vigo remitiu un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para urxirlle a emisión do informe preceptivo e poder acometer a licitación da reforma da praza a Estación.
A orixe desta praza e a rúa Baixada á Estación remóntase á construción da estación de ferrocarril de Vigo, que tivo lugar en 1878. Posteriormente, en 1923, o edificio ampliouse mediante a construción dunha segunda planta que permitiu cubrir a zona de chegada dos trens.
Este espazo quedou en desuso en 1990 e, sete anos despois, o Concello decidiu situar no inmoble o novo Conservatorio Profesional de Música, que funcionou ata o ano 2000.
