O BNG de Vigo ampliou o seu Consello Local coa incorporación de dez persoas novas e porá en marcha unha Comisión Permanente Municipal, todo co obxectivo de “multiplicarse” na cidade olívica e “dar solidez” ao traballo da formación nacionalista no Concello, onde volve ter representación, cun edil.
Segundo informou o BNG, o Consello Local amplíase ata os 35 membros, aos que se engadirá unha representación designada por Galiza Nova.
Así mesmo, créase a Comisión Permanente Municipal, formada por 10 persoas e que está concibida como un “equipo de traballo” que xestione a actuación e planifique o traballo municipal do BNG. “Será un equipo co que traballarei de xeito conxunto”, sinalou o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.
Entre outras persoas, nese equipo estarán o responsable local do BNG, Serafín Otero; o número 2 da candidatura, Maica Rivas; ou o exconcelleiro e exdiputado, Henrique Viéitez.
Así mesmo, o BNG acordou “potenciar” os seus grupos de barrio e parroquia e, segundo apuntou Pérez Igrexas, despregarase unha “intensa actividade política tanto dentro como fose do Concello”, para o que é “fundamental potenciar a estrutura territorial” da formación nacionalista.
O portavoz municipal do BNG incidiu en que o retorno desta organización á Corporación viguesa é un “magnífico punto de partida”, pero o obxectivo é “multiplicarse na cidade”. Para iso, desenvolverá unha actividade municipal “intensa”, incorporará a novas persoas que queiran “sumar a este proxecto en positivo”, e tecerá “complicidades” cos movementos sociais e coas asociacións.