A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, cifrou en máis dun 30% a cantidade de auga perdida en Vigo por fugas nas canalizacións, ao reivindicar un uso responsable deste ben básico pero recoñecer que a cidade non está nun momento de “alerta”. Así o sinalou en declaracións aos medios de comunicación tras ser preguntada sobre se a Xunta se plantea tomar unha decisión relacionada coa urbe olívica ao estar o encoro de Eiras por debaixo do 50% da súa capacidade.
Segundo dixo, por agora a cidade “non está nun momento de alerta”, aínda que iso non quere dicir que se poida malgastar a auga, matizou. “Pero non temos que preocuparnos en exceso por non ter auga en Vigo”, subliñou. “Dixémolo desde o principio do verán e seguímolo mantendo agora no mes de outubro. Seguiriamos tendo reservas todo outubro e novembro aínda que non chovese absolutamente nada“, reivindicou, facendo un chamamento á concienciación da cidadanía para que evite regar e aforre auga.
Ademais, subliñou que a Xunta traballa para que non haxa perdas nas canalizacións, que nalgúns concellos supoñen o 70% de desperdicio e en Vigo superan o 30%, dixo. “Toda esa auga que se perde, ao final é un problema”, explicou.
GOBERNO DE VIGO
Estas palabras non tardaron en ter resposta do goberno de Vigo. Foi o seu voceiro, Carlos López Font, quen enviou un audio gravado aos medios de comunicación pedindo ao presidente galego, Alfonso Rueda, o cesamento da conselleira polo seu “descoñecemento absoluto” da “realidade” da cidade. Nas súas declaracións, López Font dixo que Vigo conta cun plan de fugas “pioneiro en España” que permite reducir as perdas ao 6,3%, asegurou o concelleiro socialista. A isto engádense, segundo as súas palabras, as humanizacións que realiza o Concello, nas que renova a rede soterrada das rúas.
“A conselleira volve mentir sobre a auga na cidade. Semella que quere ocultar a súa incapacidade para xestionar un problema tan grave con calumnias”, apostilou, ao insistir en pedir unha nova presa augas arriba de Eiras.
