InicioPolíticaO Goberno vigués insiste en que Xunta e Deputación tamén axuden a...

O Goberno vigués insiste en que Xunta e Deputación tamén axuden a financiar voos en Peinador

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, por oitava vez no que vai de ano, e cos votos favorables unicamente do grupo de goberno, o PSOE, unha moción para reclamar á Xunta e á Deputación de Pontevedra que contribúan a financiar, a partes iguais coa administración local, rutas aéreas desde Peinador.

Na súa intervención, o portavoz do PSOE, Carlos López Font, insistiu en que o PP “quere pechar o aeroporto de Vigo”, e en que a Xunta financia voos desde Santiago de Compostela. Así mesmo, e tras avanzar que no pleno de outubro o seu grupo volverá levar esta mesma moción por novena vez, defendeu que o sistema de pagar ás aerolíneas mediante contratos de promoción publicitaria “é o único modelo”.

Na mesma liña pronunciouse o alcalde, Abel Caballero, que negou que o sistema de subvencións sexa un fracaso. “Non fracasou, si funcionou”, proclamou, e reiterou que ese modelo “é a única forma” de conseguir voos e que tamén se aplica noutros lugares como Santiago, A Coruña, Granada ou Cantabria.

Tanto o PP como o BNG votaron en contra da proposta, e insistiron en que a mellor proba de que o sistema de subvencións non é exitoso son os 12 millóns de euros destinados polo Concello de Vigo nos últimos anos a pagar voos, sen que ningunha ruta consolidouse. A portavoz ‘popular’, Luisa Sánchez, lembrou que o propio alcalde anunciaba a principios de anos negociacións para implantar captar novas rutas en Peinador e, chegado case outubro, a terminal viguesa non ten novos destinos. “O alcalde debe estar a esperar á véspera de municipais, que é a súa principal obsesión”, sinalou, e volveu a lembrar que o goberno de Vigo é o único que non quixo sumarse ao “Pacto por Peinador”.

Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén insistiu en que subvencionar a aerolíneas demostrouse como un modelo “fracasado” e os feitos así o evidencian, tras anos de axudas municipais, cando Peinador só ten 4 rutas.

ACTUACIÓNS NA PRESA DE EIRAS

Por outra banda, o Pleno tamén aprobou, cos votos favorables de PSOE e BNG, e o ‘non’ do PP, unha moción para esixir á Xunta que resolva “de maneira inmediata” os problemas do sistema de válvulas da presa de Eiras e que garanta a subministración mentres non se colocan as novas válvulas definitivas.

O concelleiro socialista Javier Pardo urxiu tamén á administración autonómica que remita ao Concello un informe completo sobre as actuacións realizadas e que manteña unha “coordinación técnica permanente” co Concello e a concesionaria, Aqualia, “trasladando de forma inmediata calquera incidencia” que afecte á presa.

O BNG lamentou que PP e PSOE utilicen un recurso básico como a auga e unha infraestrutura crítica, como o encoro que abastece a máis de 400.000 persoas, para confrontar politicamente. Con todo, apoiou a moción, e pediu ao goberno galego que cumpra os prazos prometidos para cambiar as válvulas, garantindo a operatividade de Eiras.

Por parte do PP, a edila Patricia García puxo en valor os investimentos da Xunta na presa e matizou que o Concello “tamén ten que asumir as súas responsabilidades. Así, tras lembrar que o goberno local xestionou durante anos o funcionamento de Eiras e non notificou o mal estado das válvulas, sinalou ao Concello que debe tomar medidas para evitar as fugas na rede.

PROXECTO PARA O MUNDIAL 2030

Outra das mocións debatidas no pleno deste luns foi unha presentada polo PP, para instar o goberno local a elaborar un informe actualizado sobre a candidatura de Vigo para ser sede do Mundial 2030, con datos sobre prazos, grao de cumprimento dos requisitos, custos, etc., de face á visita da representación de FIFA este outono á cidade.

Luisa Sánchez defendeu a necesidade de contar un “plan” porque o calendario inicial presentado polo Concello no seu dossier “xa saltou polo aire”. “Cabe preguntarse se imos chegar a tempo”, cuestionou a portavoz do PP, que lembrou que a Deputación, da que é vicepresidente, está disposta a participar na reforma da bancada de Tribuna (cunha partida xa reservada para a redacción do proxecto), pero non dispón de proxecto construtivo nin orzamento actualizado.

O PSOE rexeitou a moción, alegando que a única intención do PP é “atrasar” as actuacións para que Vigo “non chegue a tempo”, e volvendo esixir que tanto Xunta como goberno provincial cofinancien a reforma do estadio. “O importante é pagar”, apuntaron tanto o portavoz socialista, Carlos López Font, como o propio alcalde, Abel Caballero.

O BNG, pola súa banda, remarcou que o “entusiasmo” de Luisa Sánchez sobre a candidatura contrasta co feito de que “hai fitos” da folla de ruta da devandita candidatura que “seguen no mesmo punto”. “Non se coñece o dossier presentado polo Concello á RFEF, non hai proxecto construtivo da reforma de Tribuna, non hai partida orzamentaria, non hai licitación…”, lembrou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, que tamén reclamou que se dea a coñecer como se van a financiar as actuacións, que se faga un informe sobre o impacto económico de ser sede do Mundial e crese unha comisión de seguimento coa participación de todos os grupos.

ÚLTIMAS

Atopan nas proximidades da ponte de Rande o corpo do home desaparecido en Redondela (Pontevedra)

Un equipo do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil e un...

Vigo demolerá o antigo restaurante Di San Remo de Samil antes do próximo verán

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobará este venres a demolición do antigo...

Conxemar expulsa a unha empresa italiana por usar a imaxe de mulleres espidas para promocionar ameixas

A organización considera a promoción da compañía italiana de ameixas do adriatico incompatible cos...

Vigo aposta por voos directos a Londres, París, Sevilla e Alicante para atraer máis turismo

O Concello de Vigo iniciou o contrato de promoción turística da cidade a través...