InicioPolíticaAbel Caballero afirma que Zona Franca está a "salvar a ETEA" co...

Abel Caballero afirma que Zona Franca está a “salvar a ETEA” co novo aparcadoiro ante a “inacción” da Xunta

O alcalde de Vigo critica o abandono do recinto dende 2009 e esixe ao goberno galego que pida perdón pola paralización da Cidade do Mar e os atrasos na urbanización que afectan ao proxecto do CSIC.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo e presidente do Consorcio da Zona Franca, Abel Caballero, defendeu este xoves o papel estratéxico que xogará o novo aparcadoiro que o organismo estatal construirá no ámbito da antiga ETEA. Nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación, o rexedor advertiu de que, sen esta infraestrutura, o proxecto deseñado pola administración autonómica para a zona “non vale para nada”. Caballero instou á Xunta de Galicia a amosar o seu agradecemento cara á Zona Franca por asumir unha obra que, segundo as súas palabras, debería ter executado o goberno galego pero que “nin está nin se lle espera”.

Caballero denunciou con dureza o que cualificou como un abandono total da ETEA por parte da Xunta dende o ano 2009. O alcalde asegurou que a administración autonómica paralizou o proxecto da Cidade do Mar e permitiu que o recinto se convertese nunha “selva”, mentres o Concello de Vigo si realizaba intervencións en viarios, instalacións deportivas e melloras na praia. Segundo o rexedor, a parte da ETEA que depende da Xunta mantívose nun estado de “cochambre” durante dezaseis anos, unha situación pola que esixe que os responsables autonómicos pidan perdón á cidadanía viguesa.

O alcalde tamén sinalou que o atraso na urbanización dos espazos por parte da Xunta está a prexudicar directamente os plans do CSIC, impedindo que arrinquen as obras da futura sede do Instituto de Investigacións Mariñas. Abel Caballero reiterou que a intervención de Zona Franca é o que está a “salvar” este ámbito estratéxico da cidade ante a falta de compromiso orzamentario e técnico do goberno de Alfonso Rueda, ao que acusou de actuar tarde e cun proxecto que o Concello non comparte.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta lamentou que “a capacidade de mentir” de Abel Caballero “non ten límites”, e tachou de “inaudito” que culpe ao goberno galego “das súas propias tácticas de bloqueo”. Segundo lembrou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a administración autonómica leva “anos agardando” a que o goberno local desbloquee a urbanización dos viarios e a praza de Armas da ETEA. “Quizais se esqueceu de que non quixo pór á nosa disposición eses terreos para que a Xunta investise 15 millóns. Pero tamén debeu esquecer, ou se lle pasou, quen sabe, que ten sobre a súa mesa o convenio para desenvolver por fin a ETEA e que a conselleira segue agardando resposta”, sinalou Ortiz.

Finalmente, subliñou que hai xa 4 anos que está “comprometido” o financiamento por parte da Xunta para a ETEA, e as actuacións seguen bloqueadas polo Concello. “Igual que antes bloqueou o Centro de Asociacionismo. Igual que non avanza coas pistas de atletismo. Ídem co túnel de Elduayen, ídem coa sinalización do Camiño da Costa”, enumerou. “É incrible a capacidade de mentir unha e outra vez, de enganar permanentemente aos seus cidadáns e acusar á Xunta das súas manipulacións (…). O único impedimento para que todos estes proxectos saian adiante é vostede”, resolveu a delegada.

ÚLTIMAS

Asociacións veciñais de Vigo protestarán para rematar coas peaxes da AP-9: “Levamos 40 anos pagando mentres outras autoestradas son gratuítas”

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) convocou unha manifestación o...

Ana Pontón e Abel Caballero denuncian o “colapso” das urxencias en Galicia e cargan contra a política sanitaria da Xunta

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao PPdeG a "deixar de xogar...

Diminúe nun 40% a riqueza mariña das Illas Atlánticas

Un estudo de investigadores do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) e da...

Investigan a desaparición de dúas participacións da Lotaría de El Niño premiadas con 15.000 euros cada unha

Dous vigueses denunciaron a desaparición de dúas participacións da Lotaría de El Niño premiadas...