InicioVigo e contornaVigoO Concello de Vigo sinala que a Policía Local "non detectou actividade"...

O Concello de Vigo sinala que a Policía Local “non detectou actividade” do Saltamontes accidentado en Matamá

O goberno local insistiu en que "tanto o titular da atracción como a comisión de festas" tiveron notificación escrita da falta de autorización para a posta en funcionamento do aparello por non atender os requirimentos de documentación

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo asegurou este martes que a Policía Local “non detectou actividade” do Saltamontes na tarde do pasado venres, horas antes de que se producise o accidente que acabou coa vida do mozo Iván Castaño nas festas da parroquia de Matamá.

Noutro conciso comunicado enviado aos medios de comunicación, o goberno local insistiu en que “tanto o titular da atracción como a comisión de festas” tiveron notificación escrita da falta de autorización para a posta en funcionamento do aparello por non atender os requirimentos de documentación.

“Tras enviar a notificación, a Policía Local trasladouse ao lugar na tarde do venres e non detectou actividade”, indicou agora o goberno local, lembrando que o ocorrido está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo, que “conta con toda a colaboración do Concello”.

Precisamente o comunicado do Concello chegou escasos minutos despois de que o PP de Vigo denunciase “abandono de funcións” na supervisión da atracción accidentada en Matamá, pedindo “respostas aos interrogantes que hai no aire”.

En concreto, o portavoz municipal ‘popular’, Miguel Martín, asegurou que “non lle convencen” as explicacións ofrecidas polo goberno local. “Resulta cando menos sorprendente que o goberno local pretenda agora lavarse as mans descargando toda a responsabilidade, cando el mesmo recoñece que a atracción sinistrada non cumpría coa normativa vixente ao non ter presentada toda a documentación”, engadiu.

“Se esa atracción non podía funcionar, como é posible que o Concello non fixese máis nada que comunicarllo ao propietario e á comisión de festas?”, sinalou, preguntándose se non sería necesario “mandar á Policía a comprobar se se estaba cumprindo esa orde” e se a atracción funcionada, “como era o caso, non debería instar á súa inmediata paralización e/ou precintala?”.

Por outra banda, o BNG de Vigo solicitou a comparecencia da concelleira responsable de Seguridade, Patricia Rodríguez, así como do xefe de servizo, Antonio Viveiro, para que expliquen o ocorrido.

“Algo tan grave como o sucedido nas festas de Matamá non se pode despachar con comunicados enlatados, sen atender preguntas nin dos medios de comunicación e sen dar explicacións”, reivindicou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.

ÚLTIMAS

Caballero levará de novo ao pleno a proposta para que Xunta e Deputación financien voos desde Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Goberno municipal volverá presentar unha...

Flor Baena reclama ao Concello de Vigo unha homenaxe oficial ao seu irmán Xosé Humberto

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, reclamou ao Concello de Vigo...

A viguesa Vanessa Glemsel compite este sábado polo Premio Nacional de Poesía Viva

A poeta viguesa Vanessa Ferreira Rodríguez, coñecida artisticamente como Vanessa Glemsel, participará este sábado na...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...