InicioPolíticaO BNG esixe explicacións ao goberno de Vigo por unha campaña publicitaria...

O BNG esixe explicacións ao goberno de Vigo por unha campaña publicitaria de Vitrasa co logo municipal

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do BNG en Vigo esixiu explicacións ao goberno de Abel Caballero tras a aparición dunha campaña publicitaria nos MUPI da cidade con carteis de gran formato, coa lema ‘Móvete por Vigo, mellor non Vitrasa’, e nos que aparece o logotipo do Concello xunto ao da empresa concesionaria do bus urbano.

Os nacionalistas avanzaron que pedirán información sobre quen é responsable desa campaña, quen a encargou “e quen paga os seus custos” porque “sería un verdadeiro escándalo, e un paso máis no aliñamento do goberno de Caballero coa dirección empresarial de Vitrasa”, se se confirma que é o Concello o que a financia con recursos públicos.

Respecto diso, o portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, apuntou que esta campaña non achega información de interese para os usuarios do bus, senón que “o único que pretende é blanquear á actual concesionaria, fronte ao crecente malestar social polas penosas condicións nas que presta o servizo, e a un ano de que acabe o seu contrato”.

O concelleiro do BNG reclamou “transparencia” e preguntouse se esta campaña podería ser “unha contrapartida aos agasallos publicitarios que lle fixo Vitrasa a Abel Caballero”. Segundo subliñou, “o que ten que facer o Concello non é promocionar a unha empresa privada, senón garantir que se recuperen de maneira inmediata as 154 frecuencias de bus que seguen recortadas” tras a finalización da folga no servizo, o 12 de marzo pasado.

Nese sentido, incidiu en que os veciños necesitan “máis buses e menos propaganda”, e que o goberno municipal preocúpese do servizo, en lugar de “tratar con agarimo á súa empresa amiga”.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O goberno local non tardou en responder as críticas do BNG, pero non se referiu a esa campaña publicitaria, senón que arremeteu contra a iniciativa presentada nas últimas horas pola formación nacionalista, cun decálogo de propostas para mellorar o transporte urbano en Vigo, que inclúe máis bonificacións, ampliar horarios e frecuencias e outras melloras.

Segundo subliñou o edil socialista de Fomento, Javier Pardo, as propostas do BNG son “toda unha sarta de mentiras” e subliñou que cando o Bloque gobernou a cidade “os pensionistas pagaban o autobús”. “Agora temos o bus urbano máis barato de España. Máis de 45.000 persoas viaxan gratis co cartón PassVigo, e o billete ordinario só custa 53 céntimos”, proclamou, e censurou que o BNG “sempre se sitúa contra a cidade”.

CANDO OS BUSES “AÍNDA NON ERAN VERDES”

En resposta a esas declaracións, o grupo nacionalista puntualizou que o que custa 53 céntimos é o billete ordinario bonificado co cartón, mentres que o prezo ordinario do billete, sen desconto, é de 1,57 euros. En calquera caso, unhas cifras que están lonxe dos billetes de bus bonificados noutras cidades, como A Coruña (38 céntimos) ou Ourense (31 céntimos).

Xabier Pérez Igrexas tamén lembrou a Pardo que foi precisamente o goberno local do BNG o que puxo en marcha en Vigo a Tarxeta Verde, predecesora da PassVigo, e implantou, entre outras melloras, o transbordo gratuíto.

“O problema do goberno de Abel Caballero é que a última vez que se subiron a un bus en Vigo aínda non eran verdes”, ironizou o portavoz nacionalista, que insistiu en que, no canto de “descualificar” as propostas do BNG, os responsables municipais deberían actuar para que a cidade conte cun servizo de bus urbano á súa altura.

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...